Propaganda

03 Maio 2009
Isto vai en Xornalistiña
2 Comentarios »

Atopo na de Juan Varela esta viñeta que El Roto publicou en El País e que hoxe, Día da Liberdade de Prensa, pode ser unha boa ilustración para parte dos problemas dos que adoece este oficio, que tamén é un negocio. E é que a liberdade de prensa, por desgraza, non consiste só en garantir que un xornalista poida escribir sen ser detido.

Javier Ortiz, xornalista

29 Abril 2009
Isto vai en Medios, Xornalistiña
1 Comentario »

Hai dous anos, na anterior vida deste mesmo blog, comentaba o moito que me prestaba ler as columnas de Javier Ortiz, por entón contrapunto do marasmo de opinadores de El Mundo, meses antes de trasladar as súas lúcidas columnas a Público, ademais de aos seus Apuntes del Natural.

Onte, no mesmo Público, descubrín o obituario de Javier Ortiz, escrito por Javier Ortiz. Vasco con antepasasados de todos os sitios, este xornalista tivo o peito, a retranca e, de novo, a lucidez, de escribir a crónica da súa propia morte, sen dramatismo e concluíndo que, á fin, a súa repentina desaparicion do mapa deriva en “otro puesto de trabajo disponible”. “Algo es algo”, reflexionaba a continuación. Sinxelamente, grandioso.

Agora, que Ortiz non poderá escribir máis, volvo -tomando prestado o seu titular- recomendar a re-lectura dos seus escritos, e reafírmome na opinión de querer parecerme -na escrita, o de morrer novo xa decidín hai un tempo que, a ser posíbel, mellor nonun pouquiño ao vasco barbudo ao que tiven a oportunidade de coñecer na miña época universitaria, nunha aula de Xornalismo Especializado. Os comunistas coma el van ao ceo?

25-A

25 Abril 2009
Isto vai en Alén Piornedo
Comentarios desactivados en 25-A

25-A

Sempre! Quen asina engadiu, en máis dunha ocasión, esta exclamación ao “día de la fecha” de hoxe, cando se cumpren trinta e cinco anos da Revolução dos Cravos, o movemento militar que, impulsado pola MFA e apoiado por boa parte da poboación portuguesa, conseguiu levar a bo porto o que deste lado da raia non se quixo, non se soubo ou non se puido facer. E todo, ao son de Grândola, vila morena.

Aínda a risco de caer na nostalxia e na morriña daqueles que berran “viva antes!”, hoxe non está de máis escribir a pé de páxina, polo fondo, pero sobre todo polo espírito, aquelo que Luís Pastor resumiu cun sorriso cantando “por otro florido abril y otras Cantigas de Maio“.

Paga a pena contalo, creo

22 Abril 2009
Isto vai en Cousas da casa
Comentarios desactivados en Paga a pena contalo, creo

Levaba tempo querendo facelo e este é un día tan bo coma outro calquera. Despois de darlle varias voltas á idea de reabrir este espazo, decidín que o día en que sumo un ano máis á conta pode ser un bo momento para abrir fiestras, ventilar e reiniciar.

Ademais dos cambios estéticos, a idea é darlle outro aire a este blog, aínda non sei moi ben cal, pero outro. Igual que os cans se parecen aos donos, estes bechos virtuais disque se parecen a quen os perpetra. Neste caso, ao perpetrador que asina cambiáronlle moitas cousas. As ondas polo papel impreso, o peso relativo das cousas despois dun tránsito por causas de forza maior, o cuartel xeral dende o que escribo estas liñas e mesmo cuestións de portas adentro que, probablemente, non vén ao caso mencionar. Ao país, tamén lle cambiaron as cousas.

Nos próximos días iredes observando algún que outro engadido tecnolóxico e tamén coordenación deste blog con ese artiluxio chamado a comernos a todos, como é o Facebook.

O conto é que tanto cambio había que reflectilo nalgún sitio e, despois de matinar, pensei que pagaba a pena seguir contándoo. Benvidos, benvidas.

Un negocio con futuro

12 Xaneiro 2009
Isto vai en Divagacións, Medios
4 Comentarios »

Estaba comodamente sentado no sofá da casa cando alguén atopou en Internet o que vedes sobre estas liñas e que me vin na obriga de compartir con vós. Observade quen está polo medio…

Xenocidio

08 Xaneiro 2009
Isto vai en Alén Piornedo
3 Comentarios »

A primeira desta imaxes foi tomada onte en Gaza. A segunda, hai máis de cincuenta anos, nun campo de concentración nazi. En ambas podemos ver cadáveres amoreados e despersonalizados. A culpa da maior parte dos asasinados que aparecen en cada unha destas imaxes é, probabelmente, ningunha. Algúns descendentes das vítimas da segunda imaxe ven con bos ollos, amparan, ordenan e provocan a morte dos da primeira. Ou, como se chama á acción de pechar nun territorio a unha colectividade, privala dos servizos máis básicos, controlar a súa vida e, finalmente, tentar exterminala?  E, se isto se fai con fins político-electorais?

Foto: a primeira imaxe é de Mhamud Hams para AFP, en Público

Primeiro aniversario, haberá máis

03 Xaneiro 2009
Isto vai en Cousas da casa
8 Comentarios »

Aniversario

Hai exactamente un ano levaba algo máis de catro horas sentado no sofá do salón da miña casa compostelana, cunha capacidade de movemento autónomo moi semellante á dos ollos dun gato de porcelana e un cóctel de analsexia no meu interior para aminorar os efectos da navallada curativa. Probabelmente, naquela altura non tiña unha consciencia plena dos acontecementos. Se cadra, agora tampouco. En todo caso, creo que podo afirmar, sen temor a trabucarme, que hoxe estou de aniversario -e non será o último, nos vindeiros meses haberá algún máis. Páseno ben e, se nestes días nos atopamos, lembren que temos un bo motivo para brindar. Feliz aniversario.

E de sobremesa, unha frase picarona que Fuxan os Ventos me devolveron á mente nesta tarde: Vamos ruando meniña e vamos ruando a eito, xa que levamos a sona, levaremos o proveito

Nota mental: Lugo nunca deixará de sorprenderme. Se levas unha vestimenta minimamente “distinta”, tododiós te mirará pola rúa. Agora, se es un señor con bata de felpa, pantuflas e unha txapela entrando nun bar, non pasa nada. Iso debe ser bo, case seguro…

De hoxe nun ano :)

31 Decembro 2008
Isto vai en Cousas da casa, Rachí
2 Comentarios »

Crime e silenzo

28 Decembro 2008
Isto vai en Alén Piornedo
1 Comentario »

Nos últimos dous días,  o Estado de Israel asasinou máis de 300 cidadáns palestinos na faixa de Gaza, unha área xeográfica que carece dun bo número de servizos básicos por mor do bloqueo á que o somete Israel des que a rexión está gobernada por Hamás. Ese mesmo bloqueo é o culpábel de que, despois da auténtica carnicería provocada por un Estado que apoia calquera crime de guerra na traxedia que viviron os seus antergos, os hospitais palestinos apenas conten con medicamentos e estean absolutamente colapsados para atender aos máis de 900 feridos, a maioría graves.

Disque este ataque indiscriminado que levou por diante homes, mulleres, nenos e nenas é a resposta ao lanzamento de cohetes dende a faixa, unha zona que antes era rica grazas á súa produción agraria  e agora recibe axuda humanitaria. Pola banda israelí morreron 2 soldados. Case sete mil reservistas hebreos foron xa chamados a filas mentres o primeiro ministro, Ehud Olmert, ten o valor de afirmar que o seu país actuará con sensatez, paciencia e firmeza” ata “acadar os resultados desexados.

A tibieza da comunidade internacional, ONU e UE incluídas, fai pensar de novo que algo falla. Aquí, como en case todo nesta vida, non vale a imparcialidade. Imaxinan o que pasaría se os papeis estivesen invertidos?

Foto: Policías palestinos asasinados. Extraída de Público -non está asinada-

24-D

24 Decembro 2008
Isto vai en Cousas da casa
2 Comentarios »

E sede buenos, que senón o Apalpador pasa pola porta pero pasa de vós ;). E, insisto… sorrían 🙂.