Maio, 2006

Vaia chamada

Maio 29th, 2006 Maio 29th, 2006
Posted in Momentos freaks
57 Comments »

TeleGayoso.jpg

Hoxe, mentres realizaba o estraño labor de pasar por clase, recibín unha chamada que, ademais de deixarme coa boca aberta, me confirmou que pasado mañá vou vivir un dos fitos da miña vida profesional. Non digo máis. O mércores, cóntolles como foi.

Coa miña toleira, Xirarei e (O’)Xirarei

Maio 29th, 2006 Maio 29th, 2006
Posted in Momentos freaks, Rachí
8 Comments »

Xil Avante.jpg

Ás veces, de noite, pasan cousas cuxa transcendencia non valoras ata o día seguinte. Cousas coma que, nun dos locais máis visitados por quen lles fala, nun momento calquera dunha noite desas que saben a licor café e a gorxa ronca por causa dos cánticos do país, a música habitual cese para dar paso, en versión orixinal e sen previo aviso a Xirarei, ou o que é o mesmo, á canción/himno que regalou ao país Xil Ríos e que a quen rebautizou a quen escribe. O mellor? Que algúns miren para ti cando soa a canción e que, mentras xiras e xiras sobre ti mesmo con tres ou catro compañeiros imprescindíbeis, alguén corra dende o fondo do local para dicirche “oes!! lembreime de ti ao escoitar XIRAREI!!“. Enorme.

Emocións á grella

Maio 26th, 2006 Maio 26th, 2006
Posted in Rachí
7 Comments »

Churrascada 007.jpg

A Ascensión, festa compostelana onde as haxa, onde a maior parte da xente ao único sitio ao que ascende é aos cumios do licor-café ou semellantes. Eu onte, Día da Ascensión, digamos que vivín un deses días que prestan. E é que non todos os días un se xunta, nunha finca preto de Santiago, coa moitos dos personaxes (si, algúns/has máis sen blog) que fan que a vida por estes lares sexa moito máis agradábel ao abeiro dunha churrascada destas que se lembran. Un dato: ás 5 da tarde aínda había restos do porquiño pola mesa. E logo… A Cepa, crema-de-orujo, tarta de aniversario, paranoias mentais diversas… en fin, todo perfecto.
E pola noite? Doble menú . De primeiro, Celtas Cortos e, de segundo, Panorama (apoteose orquesteira, especialmente significativa a iluminación da parte de atrás do escenario. Demostración de que é posíbel devolver a mocidade ao campo da festa). Dous platos diferentes mais igualmente saborosos. Pero como non todo van ser loubanzas e florituras, unha reflexión: que pasaría se o tremebundo escenario do que Celtas dispuxeron onte pola noite no Campus Sur de Compostela se puxese á disposición dos tropecentos grupos do país que soan tan ben ou mellor?

Ana vai curar

Maio 23rd, 2006 Maio 23rd, 2006
Posted in País
68 Comments »

Despois da lectura, primeiro no Correo e despois no post da veciña Todo Nada e na intervención da propia Ana no Luar do venres pasado, un empezou a darlle ao miolo e decidiu propoñerlle a vostedes que penduren por aí adiante isto que fixen nun momento de fotoxó e que poden ver enriba destas liñas. Expandan e publiquen, que ben o merece a muller!

Sempre se pode ser un pouco máis friki

Maio 23rd, 2006 Maio 23rd, 2006
Posted in Momentos freaks
23 Comments »

Descubro vía Chuza! e segundos despois vía correo electrónico dun compañeiro, a que pode ser a frikeirada máis monumental, como mínimo, dos últimos tempos. Trátase da obra musical perpetrada por Edilberto Alonso, un señor de Curtis residente en Irlanda. Titulada “Galicia será Nación”, a canción louba as cualidades de Anxo Quintana para elevar a condición nacional de Galiza ata aos máis altos niveles. Si, certamente, xa hai quen o equipara, en galego, ao Leonardo Dantés español. Asáltanme diversas preguntas: coñece xa Quin a este personaxe? Dálle medo? ou, pola contra, está encantado? Necesito repostas para durmir tranquilo hoxe á noite. Coido que cómpre crear un baremo de frikismo, porque eu coido que me enmarco en tal condición, pero… tanto, tanto. Para rematar, uns versos Edilbertoalonsianos. Ollo, non apto para mentes sensíbeis.

Quereee facernos Nación
antonte na televisión
dixo Anxo Quintana
Galicia sera Nación
Galicia sera Nación
dentro do Estado español

Soñando en galego

Maio 22nd, 2006 Maio 22nd, 2006
Posted in País
7 Comments »

Non me digan que isto non lle abrandaría ao corazón ao mesmísimo Cacharro coa orde de rexistro na man, por dicir algo. E o tema é que, aparte de facer cousa bonita, a Ciberirmandade, que seica -vía Robinson en Ithaca– é a responsábel da imaxe, ten máis razón ca unha santiña, ou rapaciño este que durme e os seus compañeiros de xeración falan galego, ou mal imos… e o tema é que eles están nas nosas mans. Imaxinan que dentro de vinte anos, ese neno, cando durma tan ben como durme na foto, soñe en galego?

Nada, nada, estou disposto a todo!

Maio 20th, 2006 Maio 20th, 2006
Posted in Momentos freaks
108 Comments »

Un, que é así desa maneira de ser, estivo varios días matinando sobre cal sería o post máis adecuado para inaugurar isto. O resultado, bo ou malo, xa o viu vostede. O tema foi cando me entrou a dúbida sobre o segundo… como continuar, esa é a cuestión. De verdade, estiven pensando en algo realmente interesante para que vostede, que pasou por alá de cando en vez, siga aquí. E non sei se é interesante, pero, como mínimo, é friki abondo como para que os habituais vexan que o espírito de quen lles escribe non mudou demasiado.
Si, queridos nenos que medrastes/mos co Xabarín, esta é a cabeceira de Dragon Ball ou, máis concretamente, de Songoku (eu sempre lle chamei Songoku á serie, e vostede seguro que tamén). Que erga a man quen non a cantou algunha vez baixo os efectos do alcol. Momento mail en cadea: “Si ahora te estás riendo, es que es verdad”. Pois vai ser iso, algún axente externo entrou na TVG fraguiana para nos inocular o xaba-xermolo, que incluía cousiñas coma esta, que nos quedaron gravadas de por vida. Gocen da descuberta e benvido tamén Songoku á miña nova casa ;).

Nota para o agudo lector: e preguntarase vostede, por que este animaliño con roupa non colgou directamente o video do YouTube?. Amiguiñ@! Porque me estiven volvendo mico para facelo e o trebello non me deixa! Se alguén sabe como facelo, convídoo a que me diga como, porque o copiaepega de toda a vida non funciona. Grazas!

Actualización: Aquí teñen vostedes outra cabeceira de Songoku. Máis enorme!

Pasen e vexan as nosas novas instalacións

Maio 20th, 2006 Maio 20th, 2006
Posted in Cousas da casa
43 Comments »

Parece que foi onte e, así e todo, chegou o momento de dar o paso. Trescentas trinta e tres entradas despois, a miña primeira casa virtual pechou por traslado. Quen aínda me atura, dende este momento terá que me visitar por aquí. Como este sempre foi un blog eminentemente noctámbulo (se paramos a mirar as horas -non o fagan, non sexan frikis- seguro que a maior parte das entradas están escritas de noite), elixín estas horas intempestivas para facer a mudanza. Se cadra, por aquela frikeirada de que mañá o mundo (ou os catro gatos que pasan por aquí) xa o atope todo aqueladiño.
A verdade é que me deu un non-sei-que nostálxico ao cambiarlle a cabeceira e botarlle a pechadura ao primeiro Malo de Aturar. Coido que seguirá tendo, polo menos, un visitante: quen lles fala. E é que hai demasiadas cousas aí metidas como para non as volver mirar, por moito maquinillo novo que teña.
Aínda me restan algunhas cousiñas por facerlle ao trebello, pero bueno, penso que xa está o suficientemente presentábel para ir funcionando. A miña intención é darlle un novo aire a isto, pero non prometo nada alén do estético, todo depende do que lle dea a cabeza a un. No entanto, gocen vostedes coa fotografía do corte da pertinente cinta de inauguración que, como é natural, tivo lugar na capital galega -o meu lucensismo conleva compostelanite, que lle imos facer, así a subida cibernética foi aquén murallas pero a idea do traslado, foi alén-. Grazas e pasen ver a casa nova, non se corten, señores.