Xuño, 2006

Probando, probando

Xuño 14th, 2006 Xuño 14th, 2006
Posted in Xornalistiña
3 Comments »

Micromapa.jpg

A medida que vas queimando etapas na factoría de xornalistas vas vivindo en carne propia esas experiencias cuase-míticas que escoitaches cen mil veces polos corredores. Unha delas é todo o proceso ou feira previa á realización de prácticas profesionais. Un, que é un vicioso, xa leva as probas de acceso e ten pensado, polo menos, presentarse a outra máis.
Ata o de agora, xa hai certas cousas que me trastornaron, como a cara de Fernando Alonso (esa que é en plan… por que hai quen compite comigo se eu son claramente máis guapo?) que se lle pon a algúns/has ao ver que hai máis xente que quere o mesmo posto que el/ela, ou as disfuncións propias mentais de quen ten o cerebro colapsado por materia de exame á que non lle dá atopado o xeito e á vez quere estar presentábel para unha probiña destas.
En fin… ata o momento, e no tema dos medios que acuden á feira á procura de gando xornalistiña, hai detalliños a destacar. Algúns andan apagados ou fóra de cobertura (non se sabe o que queren, cando o queren ou se o queren), outros traen enormes despregamentos de medios… e hai quen che fai preguntas como a seguinte, que che fan dubidar de todo. Tería trampa?

-Te manejas bien en gallego?

-Si, claro (cara de ¿?, logo de levarlle sobre cinco minutos falándolle en galego.

Nos vindeiros días contareilles se quen lles fala conseguiu o seu primeiro obxectivo, aquel que pasa por falar por un micro todo o verán, ou ben tirou por outros lares.

Concurso: quen é o galleguiño?

Xuño 12th, 2006 Xuño 12th, 2006
Posted in Momentos freaks
5 Comments »

[gv data=”5odonPjxBW8″ width=”425″ height=”350″][/gv]

Atopo vía A Ouriceira un documento histórico de enorme valor: o video d’Os Resentidos Galicia, sitio distinto, coma lembranza do mítico programa da TVG e coa esperanza de que a estrea de Somos unha potenzia, esta noite, sexa algo semellante.
Mais o obxecto destas letras é outro. Ollo, só para aqueles que pasasen pola factoría de xornalistas de Compostela. Adiviña, concurso mundial: vaian ao minuto 2:06 e seguintes do video e díganme quen é o galleguiño que vai montado nos coches de choque. Eu xa sabía que era un artistazo… cousa loca!

Din de Catalunya…

Xuño 12th, 2006 Xuño 12th, 2006
Posted in Alén Piornedo, Divagacións
6 Comments »

Ciutadans de Catalunya, ou máis ben Ciudadanos de Cataluña, é unha plataforma seica cívica creada, basicamente, para estar en contra da reforma do Estatuto de Autonomía catalán. Queren, disque “Oponerse a los intentos cada vez menos disimulados de romper cualquier vínculo entre catalanes y españoles. Y oponerse también a la destrucción del razonable pacto de la transición que hace poco más de veinticinco años volvió a situar a España entre los países libres“.
Leo en Galicia Hoxe (non atopo a ligazón da edición dixital) unha declaración de Albert Boadella, cómico que, coma outros moitos, leva como bandeira a súa loita antifranquista, e segundo quen o nacionalismo vén sendo algo contraposto á democracia. Vaia por diante que non me gusta demasiado meterme en asuntos doutras terras, mais como isto é algo xenérico e falar é de balde, aí vamos. Que eu saiba, unha ideoloxía que promulga como fundamental o dereito dun pobo determinado, neste caso o catalán, a decidir o seu futuro libremente, moi antidemocrático non semella.
Coido que é bastante triste que unha formación naza para ir contra -e só para iso- dun proxecto avalado, nun principio, polo 90% dos representantes dos cataláns baixo a excusa de que moitos dos cidadáns de Catalunya non se senten representados polos partidos do arco parlamentario e menos polo Goberno da Generalitat -na altura da fundación desta plataforma, formado por PSC e ERC-. O Estatuto catalán chegou a Madrid, aplicóuselle a garlopa e o PSOE tirou pola rúa de CiU. Aínda así, os posicionamentos desta xente non variaron o máis mínimo.
Máis triste aínda semella, se os seus principais argumentos xiran en torno a un rexeitamento obsesivo do nacionalismo, aludindo á súa orixe mítica e a truculentas intrigas e corruptelas propias dunha das mañás máis inspiradas de Fede Losantos.

Que haxa quen estea en contra do nacionalismo, perfecto. Que haxa quen estea a favor, mellor aínda. Pero que alguén monte unha plataforma con pretensións partidarias para aglutinar aos que se senten españois, para ir en contra e nada máis, pouco construtivo semella. Menos construtivo é que empreguen de xeito propagandístico a agresión sufrida por Arcadi Espada, un dos seus membros. Moi pouco miolo ten quen defende as súas ideas a labazadas, mais pouco miolo ten tamén quen xustifica a validez dos seus postulados nas agresións que recibe pola súa causa.

Aquí hablamos gallego

Xuño 8th, 2006 Xuño 8th, 2006
Posted in País
33 Comments »

En gallego.jpg

Vexo na web de El Progreso (diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero), unha foto-nova vencellada á xuntanza entre Anxo Quintana e os alcaldes dos municipios da provincia de Lugo que terán Galescolas. Como poden observar, en El Progreso se habla gallego a las mil maravillas. Con cousas coma esta, un segue tendo na cabeza que a normalización do galego nos medios é ciencia ficción. Sempre poderemos bailar unha molinera para celebralo.

Sobre o que significa “gallego”

Xuño 7th, 2006 Xuño 7th, 2006
Posted in País
2 Comments »

Leo en Xornal.com unha noticia que trata sobre as declaracións de Antonio Muñoz Molina, académico da Real Academia Española. Resulta que o académico en cuestión aborda de novo o tema dos significados da palabra “gallego” no diccionario español (parvo e tatexo, entre outros), e asegura que non é necesario eliminalos. Asegura, entre outras cousas, que a Academia non manda na lingua, que só vela pola súa claridade e unidade.
Sen entrar en valoracións máis profundas, só un simple exemplo creado por quen lles fala, “gallego de toda la vida”. Que tal se mañá ou pasado, como síntoma da recolleita do sentimento de certos sectores da sociedade galega, poñemos no noso diccionario que “español” significa “represor, tonto, simple, toureiro, ultra sur, imperialista…”. Sería interesante como experimento, non si?

Isto non é normal

Xuño 6th, 2006 Xuño 6th, 2006
Posted in Divagacións
3 Comments »

É a unha e nove minutos da madrugada e seica en Santiago hai 22 graos. O cal presta moito para sairlle tomar algo a unha terraciña, poñamos por caso. O que xa non presta tanto é a secuencia consistente basicamente en: suor-volta á dereita-volta á esquerda-boca arriba e boca abaixo-tos-grolo de auga-pensamentos inútiles-suor-volta á dereita-volta á esquerda (e así sucesivamente).[Pausa para asasinar un mosquito que se pasea pola pantalla].
Eu sempre lle tiven medo ao cambio climático e, se esta é só unha das consecuencias, mellor non pensar como serán o resto. Isto, señora, non é normal. Aínda súo e mañá debera estar lúcido para me enfrontar a varios tochos de profundas análises comunicativas. A cama non é unha opción nos vindeiros minutos.

A polo ghit, señora

Xuño 4th, 2006 Xuño 4th, 2006
Posted in Momentos freaks, País, Rachí
5 Comments »

Ghit.jpg

Volvía eu da segunda catedral, ben provisto de alimentos, nun asadeiro de polos con matrícula, rodas e gasoil, cando escoitei unha iniciativa que me namorou e que podería calificar, sen medo a excederme, de ENORMÍSIMA. A Radio Galega, através do programón Extrarradio -coa colaboraicón de outros- e Vieiros convocan o certame A polo Ghit, que non ten outra intención, nada máis e nada menos, que atopar e difundir aos catro ventos a canción do verán en galego do 2006. Eu non podo senón entusiasmarme e animalo a que deixe este blog e pase a escoitar, votar e difundir. Xa me vexo bailándoas. Conclúo coa declaración de intencións deste labor de evanxelización laica, musical e “do país” (coma o viño, o licor ou os chourizos):
Dende Un raio de sol até a Macarena ou o Aserejé, as nosas orellas tiveron nas últimas décadas que aturar un concepto chamado “canción del verano” que nos leva xa demasiados agostos machacando con ritmos latinos, sotaques andaluces e letras en castelán.
A todo isto. Avogo pola presentación de Xil Ríos e o toque lusófono de Quim Barreiros e a súa Cabritinha.

Do suicidio das herbas e outras andainas

Xuño 4th, 2006 Xuño 4th, 2006
Posted in Momentos freaks, Rachí
70 Comments »

A fin de semana comezou, o venres, logo de presenciar un suicidio en toda regra. Abro, inocentemente, a mini-neveira para meter unha botella de líquido transparente non alcólico (léase cabreiroá) cando, de súpeto, a barriña de suxeción da porta toma vida propia e decide pór fin á andaina vital da botella de licor-de-herbas-da-casa que con amor conservaba para “eses días de festa”. Vale que na neveira grande me queda un litro, pero ese é outro tema. A botella suicidouse, e con ela todo o líquido espirituoso. Só ficou a súa alma… o cuarto aínda arrecende a augardente. Que cousas. (Nota ao pé: nunca tenten substituír o Disiclín ou outro limpiachán por Fairy, o resultado non é o mesmo, nunca).
Nesas andaba cando comecei a planificar a noite do venres… cancións, moitas risas e dor de gorxa. Un sábado de xuntanzas e novas responsabilidades, traslado de visita e concerto -bueno, final de concerto.. Logo, visita aos lugares imprescindíbeis en boa compaña, con visionado de persoeiras parentes doutras persoeiras incluídas. Dóeme a gorxa e mañá teño un exame (ou algo semellante, tensión=0 folios de “apuntamentos”=6). Non é estupendo?

Gayoso, estiveches enorme

Xuño 1st, 2006 Xuño 1st, 2006
Posted in Momentos freaks, Xornalistiña
23 Comments »

Gayoso chimpín.jpg

Hai certas cousas que fan que che caian algúns prexuízos. Vale que, dados certos toques frikis de quen lles fala, a ilusión que me facía montar un programiña de tele tendo coma entrevistado estelar a este señor de aquí enriba, era bastante elevada. Vale tamén que o Gayoso está curtido en mil e unha batallas televisivas aínda que eu siga criticando ao Manolo Escobar e ao Fary na TVG. Pero o que non sabía é que a cambio de nada -bueno, dunha botelliña de Cabreiroá de 0’70€, o Gayoso é quen de vir dende A Coruña, chegar antes de tempo, sentar no plató dun programa imaxinario e entrar no xogo todo o que quixemos e algo máis. O mesmo é agradábel co presentador que che explica como funcionaba o sistema do lanzamento de martelo cando foi campión de España (si, foi), que canta Xirarei ou se presta a que unha suposta fan tola o acose en plan a-lo-loco. Eu, persoalmente, quedei encantado. O programa chamouse O’Chimpín. Mola :).
A todo isto, Gayoso tivo coma compañeira de sofá a Comba Campoy, que aguantou estoicamente o tirón dos colaboradores molestos e mesmo case chega a dar unha macro-exclusiva. Cara a Comba non tiña prexuízos previos, así que non foi tanta sorpresa jeje. Grazas a ela, tamén. E ao enormísimo público.