Xullo, 2006

Da Xantanza 2006

Xullo 30th, 2006 Xullo 30th, 2006
Posted in Momentos freaks
27 Comments »

Xantanza Verán 006 copia.jpg

Ai, señora, acábolle de chegar da Xantanza primavera-verán 2006. E a verdade é que moi ben, moi moi ben. Aínda cos efectos da xerra de viño que pode ver aquí enriba, tamén do licor café, podo dicir que aínda -para min- estivo mellor ca anterior. Polos risos, polo agasallo do meu Amig@ Inblogsíbel (unha tremenda libretiña de xornalista con pluma, que non falte), polo churrasco, polo traxe que lle cortamos á Factoría… Saiban vostede que me prestou moito pasar o día entre o San Clodio e mais Bonaval… a charla profunda con don Modesto, a señora Oko fotógrafa, Emereci despedíndose antes de facer as Américas… Calidonia rematando co misterio inblogsíbel… Ifrit de visita… ou Dorfun surtíndonos de substancias espirituosas. Agardando pola edición outono-inverno e sabendo que aquí non quedan plasmados nin a metade de detalles, despídome… mañá é día de gharabullos…

Goodbye, Paco

Xullo 28th, 2006 Xullo 28th, 2006
Posted in Momentos freaks, País
2 Comments »

Goodbye Paco1.jpg

Hai cousas que, por moi esperadas que sexan, non poden deixar indiferente a un… Que será da túa finca, sen ti, Paco, sen ti. Moitos esta noite choran desconsolados. Que vida esta, Paco, que vida esta…

Día da Patria, doutro xeito

Xullo 26th, 2006 Xullo 26th, 2006
Posted in Divagacións, Rachí
3 Comments »

Non tiven tempo nin para desexarlle a vostede, que pasa por aquí, un feliz Día da Patria. Pois iso. Foi este un 25 de Xullo moi raro… se cadra porque foi o primeiro no que as cousas laborais se impuxeron. O primeiro no que un houbo de se moderar para que o micro lle puidese roubar palabras ao día seguinte… o primeiro no que un pasou pola Alameda e seguiu porque esa non era a súa parada. Vin o Día dende outras perspectivas… escoitei o son dos lugares onde me gustaría estar e fun a sitios onde nunca pensei que estaría… élle o que hai, señora.
Mais non todo foron nostalxias, desazón e renxer de dentes, oiga… tamén houbo risos, orquestra, Espido, Kepa, kalimotxo e licor café, xente enorme durmindo no meu chan e chegando cando eu marchaba traballar… que saibades que, grazas a vós, as horas que lle quitei ao sono souberon a gloria.

Nota mental: para outro día quedan as análises políticas.

Noraboa, Pereiro

Xullo 23rd, 2006 Xullo 23rd, 2006
Posted in País
2 Comments »

Pereiro.jpg

Toda miña fun dos que se preguntou que graza ten ver como cento e pico paisanos van en bicicleta. E aínda por riba á hora que máis se presta para unha soneca de despois de xantar. Non sei se será porque este ano non teño moito tempo para sestas… ou quizais é porque sinto máis preto ao paisano que corre na bici… e ás bandeiras que o animan. Pois si, sentín un non-sei-que ao ver -e escoitar, en galego, anque logo na súa casa fale o que fale, que non o sei- ao Pereiro subindo, vestíndose de marelo e poñéndose no segundo caixón do podium co pequeno e todo. E si, compráceme dobremente porque alén-Piornedo non tentaron, ou polo menos eu non me decatei de tal cousa, de apropiarse da xesta. Parabéns! (para cando no Karpin Galiza, xa postos?).

O que pensa Fernández

Xullo 19th, 2006 Xullo 19th, 2006
Posted in Divagacións
4 Comments »

Chámome Fernández (por exemplo). Estiven vivindo unha tempada en Ávila, logo pasei por un par de sitios por alí preto e agora vivo en León (por exemplo, tamén). Son un home de acción, sempre me gustaron as pelis do Van-Damme e do Stallone. Son do Madrí. Estes días mandáronme a Galiza, non é que me guste moito, pero páganme un plus polo traballo extra, e cúndeme para levar a muller a Andalucía en setembro, cando colla as vacacións. Pero non penses que son cartos de balde eh? Non, para nada. Mandáronme para Galiza, concretamente a Santiago de Compostela, para traballar, e moito. Están nas festas e xa se sabe o que pasa… Polas mañás, aparco a furgalla nunha beirarrúa (enriba de-) e baixo co compañeiro. Paseo por esa beirarrúa, pola paralela e pola perpendicular. Ás veces paro na esquina das dúas rúas, onde teño o coche parado, e a verdade que aínda se está entretido, enfrente hai unha tenda destas que é de Zara pero para rapazas noviñas, e aínda está ben a paisaxe, he-he-he.
Si, eu son un home de acción. Non creas eh, o ano pasado, na rúa perpendicular puxeron un petardo. Un home de acción… xa che digo. Onte mesmo, non vai un guiri destes que non falan español nin nada… vai, colle… e ponse a quitar fotos?. Aí me ves… alá me fun, e bueno, dime aí ata o teu ADN. Faltaba máis. E dereitiño que non te vexa. Íalle pedir o carrete pero pasei. Nin puta idea tiña o guiri. Un home de acción, si señor… Bueno, voulle pedir outra caña e para a cama, que mañá traballo coma un burro outra vez.

(Tradución libre dos pensamentos de Fernández -por exemplo)

Lembrar. 18-7.

Xullo 18th, 2006 Xullo 18th, 2006
Posted in Divagacións, País
4 Comments »


Un perigroso elemento

Morréu sin entender
que por namorar ó vento
que namora á libertá,
(vento do pobo que xime
por coñecer a verdá);
que por rirse a gargalladas
da necia solenidá,
tivera que ser á forza
un perigroso elemento,
subversivo e pecadento.
Nunca o entendéu, mais agora,
dempóis de morrer, enténdeo.

Celso Emilio Ferreiro en Cimenterio Privado 

Imaxe de Castelao. Atila en Galiza 

Queiran ou non, Galiza a Eurovisión

Xullo 16th, 2006 Xullo 16th, 2006
Posted in Momentos freaks, País
7 Comments »

Giraré.jpg

Se vostede é máis ou menos habitual desta casa saberá da especial querencia de quen lles fala por Xil Ríos e a súa composición máis mítica, que me dá nome. Pois ben, unha grata mensaxe sms chegada de terras hercúleas infórmame dunha reportaxe no suplemento dominical de La Opinión que me vén como anel ao dedo, moi do estilo dos tempos A polo ghit que vivimos, isto é, sobre as cancións do verán galegas. Nesta reportaxe, que lin en plan friki en canto a atopei en Internet, además de facerse un percorrido por algunhas cancións míticas de todo, don Xil fai unha revelación que paso a relatar de xeito resumido: Xirarei estivo preseleccionada para representar a Ejpaña en Eurovisión no 1985. Imaxinan se poderían soportar a José Luis Uribarri dicindo algo tal que así?:
Canción: Giraré

Canta: Sil Ríos 

Non digo máis.

Noite para ser contada

Xullo 16th, 2006 Xullo 16th, 2006
Posted in Rachí
3 Comments »

Muralla.jpg

Hai noites que semellan feitas para ser contadas. Logo de semanas pasei por Intramuros para ver que se cocía e tamén para que as diversas entidades familiares non esquecesen a miña cara. Pola noite, tocou saída cun bo compañeiro que derivou en noite enormísima, incluíndo encontro coa instancia materna de quen lles fala mentres un servidor portaba na man líquido espirituoso de cor escura.
A medida que a noite avanzaba e o etanol cumpría a súa función, logo de varias cancións e reflexións que arranxarían o país en dous días, tivo lugar a visita a un deses locais nos que poñen pachangueo. E que poñían? o sua-suá (si, o mesmo que canta París de Noia, cousa que nos encargamos de lembrar a berros) e raguetón dese. Para a lembranza queda o seguinte retrouso (música de “Pobre Diabla“):

Pobre Quintanaaa

se dice que te han visto por la calle pactando…

Se cadra, onte á noite tiña máis graza… en fin, a cousa rematou con activismo cultural (autoerixímonos en sucesores patrios das Guerrilla Girls), dado que decidimos que as pegatas que poñen “Publicidade” sen o -e final non merecen seguir nos respectivos buzóns e que un cartaz de “Prohibida la entrada a toda persona ajena a la obra” estaría moito mellor nunha cabina de teléfonos.

 

Tenten atopar as diferenzas

Xullo 15th, 2006 Xullo 15th, 2006
Posted in Divagacións
2 Comments »

Eu tentei atopar as diferenzas e non atopei demasiadas. Se cadra, só é a mesma merda con distinto cheiro.

Case un pecado

Xullo 14th, 2006 Xullo 14th, 2006
Posted in Rachí, Xornalistiña
1 Comment »

Algo na túa vida está cambiando cando á unha e pico da mañá e con 23 graos de temperatura abandonas a toda unha tropa festeira para ir durmir por causas laborais e non etílicas. Non digo máis. Que dolor, señora, que dolor.