Día Nacional

Xullo 13, 2006 ás 11:41 pm | En Medios, País | 5 Comentarios

Día Nacional.jpg

Leo no diario El Progreso (diario de Lugo y su provincia), unha noticia peculiar. O contido en si non é que me faga saltar de ledicia, pero bueno, paréceme bastante ben -que lle entreguen a única Medalla Galiza á RAG, tendo en conta que antes se repartían como churros e a cada elemento que vaia pola Virxe, o cambio está bastante ben, a dicir verdade. O tema é o antetítulo: "preparativos del Día Nacional". Vale que Touriño hoxe se referiu á data como tal e que o debate vén de días atrás (o de conservar o nome oficial "Día Nacional de Galicia" para o Día da Patria). Pero por Deus, onde está o meu Progreso-de-toda-la-vida? Confío en que só fose un descuido dun bolseiro que non re-redactou a nota de axencia para pendurala na web. Ou é que xa nos vamos adaptando ao que poida pasar? Eh?

Nota mental: Hai momentos na vida en forma de rolda de prensa que quedan marcados na mente para o resto da eternidade. Esta tarde vivín un deses.

Chuzame! chuzame -

A Ortigueira, outra vez

Xullo 10, 2006 ás 11:46 pm | En Rachí | 3 Comentarios

Ai, que cansanzo. Non, señora, non desaparecín nin fiquei devorado polas ondas (polo menos ata o de agora). Pero é que estes días foron moi intensos do noso Señor, ata o punto de non mirar o correo nin o blog en días e nin lembrarme, mire vostede. Dende o venres pola tarde e ata onte mesmo, quen lles fala estivo en Ortigueira. Sempre me pregunto por que vou, o malo é que sempre o fago cando estou alí. As aglomeracións rematan por aburrirme e rebéntame (moito) que nun festival que lle chaman do Mundo Celta cada vez haxa máis bakaladeros (e derivados) deses, carpas tecno e xente que substitúe o licor-café e derivados por merda química. Malia todo, hai que dicir que ese sitio segue tendo un non-sei-que. Este ano faltoume gozar dalgún concerto máis, pero élles o que ten a vida do bolseiro ou cuase-traballador, hai que ir cando se pode e marchar cando se debe. Vou durmir.

(A foto é de Vieiros)

Chuzame! chuzame -

O que cansa traballar, oiga

Xullo 4, 2006 ás 9:30 pm | En Xornalistiña | 5 Comentarios

Moitos pensadores e filósofos deixaron ben claro que o traballo mata através de sentenzas como "traballar eu? traballar é o último, antes morrer!". Pois hai quen, coma quen lles fala, en alarde de imprudencia, fai ouvidos xordos a tan sabias advertencias e se pon a practicar, isto é, traballar para que o día de mañá poidas traballar (máis ou menos). Logo de dous meses e pico longos sentado, ir para arriba, logo para abaixo, preguntar, escribir, corrixir, falar... cansa algo ou moito. Conste que xa caeron algúns mitos, levo máis de 24 horas e aínda non fixen ningunha fotocopia e non levei café ningún. E fixen o que me gusta, agora ben, como cansa. Hoxe vou durmir como un santiño ou un bebé, elixan vostedes.

Chuzame! chuzame -

Algo comeza, penso

Xullo 3, 2006 ás 11:21 am | En Divagacións | 4 Comentarios

Remataron as vacacións. Logo dun breve paseo por alá, volvín para poñerme ao choio hoxe á tarde. Hai momentos nos que che dá a sensación de que está comezando algo. Onte, logo de xantar, mentres conducía, decateime de que o proceso de autodeterminación individual está a comezar, ou iso creo. Se cadra ten algo que ver que hai dous anos te deixase entre bágoas, porque te deixaba a ti e contigo marchaban durante uns meses moitas cousas. Estará vencellada tamén a cousa a que hai un ano xa non te deixara de todo e que as visitas fosen máis habituais cás ausencias. Será cousa relacionada, tamén, con que este ano xa non te deixase.

Chuzame! chuzame -

Evasión moi necesaria

Xullo 1, 2006 ás 7:45 pm | En Rachí | 29 Comentarios

O Grove 030.jpg

Disque se o bo é breve, é dobremente bo. Non sei se será, pero estes días estiven a experimentar sensacións que veñen confirmando o dito popular en cuestión. E é que despois de moitos anos -toda a vida- con vacacións de, polo menos, dous meses e pico longos, un está a gozar dun período feriado de catro días (hoxe é o terceiro). Os primeiros tres discorreron ao carón do mar, con compaña desas que dan gusto. Moito riso, moito mar, moita area, algún que outro chupiño e pel queimada. Grazas aos cinco por estes días, por axudarme a evadirme e mesmo contribuír á miña distensión muscular a golpe de gargallada.

Chuzame! chuzame -
« Páxina anterior

Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios. Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^