Setembro, 2006

Sobre a COPE e o transporte

Setembro 24th, 2006 Setembro 24th, 2006
Posted in Divagacións, Medios
21 Comments »

COPE Bus.jpg

O fenómeno que vou comentar non lles será, probábelmente, nada novo: a afección de boa parte do sector transportista, léase buseiro ou taxista, polos medios radiofónicos ultra-dereitosos, ou o que vén sendo o mesmo, a teima de taxistas e buseiros por levar a COPE posta, xeralmente a todo trapo e asentindo/sorrindo en plan “di que sí, dales caña…”.
Pero, igual que lles comentaba onte, hai certas cousas das que un non se decata ata que lle toca vivilas en carne propia. O pasado venres, dirixíamonos cunha bolsiña cun par ou tres de recipientes de líquido elemento, a pasar un bo anaco nun piso compostelán convertido por unhas horas nun antro de certa perdición. Así as cousas, e tendo en conta que chovía, optamos pola opción bus urbano. Era dos vellos, así que non tiña tele desas que repiten machaconamente anuncios e videos musicais… polo que o único medio audiovisual (só audio-) era a radio (o arradio). Dende os puntos de inicio e fin de traxecto, puiden reflexionar, entre outros temas, coas prédicas do hooligan de turno sobre:

-O anuncio sobre a Selección Catalá e o malo que é iso para a unidade de España: “claro, un niño va a cualquier pueblo de Esspaññña con la camiseta de la Selección Catalana y no le dejan jugar, claro, claro”.

-A Lei da Memoria Histórica: “aprendan un poco de historia… inocentes e curas fusilados… revanchistas… etc.”

-O 11-M: “al PSOE no le interesa que se sepa la verdá, etc.”

Así as cousas, eu pregúntome… se envío unha carta ao Concello comentando os trastornos que me causa escoitar iso mentres vou no bus urbano farán algo? É que tragar tanto veleno non pode ser bo… Xa sei que cada un ten os seus vicios, pero que pasa, que se un buseiro ten por vicio, non ser, criar pirañas, pode levar unha peixeira cos bechos no bus? Pois iso, home. En-la-casa-de-uno.

Vox pópuli, oiga

Setembro 23rd, 2006 Setembro 23rd, 2006
Posted in Medios, Momentos freaks
26 Comments »

Vox Pópuli.jpg

Lía a edición dixital de El Progreso (cada un ten os seus vicios) cando atopei este texto de indubidábel calidade xornalística, que non me puiden resistir a compartir con todos vostedes. Por certo, o momento da guitarra reprodúceo o mesmo xornal nunha inquietante fotografía un par de páxinas máis adiante. Ai, que humano y que campechano, que tontorrón, es imprevisible.

Cagho nas máquinas

Setembro 23rd, 2006 Setembro 23rd, 2006
Posted in Divagacións
9 Comments »

Limpias.jpg

Dependemos das máquinas, iso non é unha novidade. De feito, penso que unha ampla maioría dos que lean estas liñas estarán dacordo con esta afirmación. Non obstante, un non é consciente da súa dependencia de todo tipo de chintófanos ata que estes deixan de traballar como deben. Este serán, despois dunha boa tarde de conversa -á que ía ir adicado o meu seguinte post de non ser pola eventualidade que agora comento-, dispúñame a ir alén-Pedra e pasar unhas horas Intramuros. Chovía, e mesmo pensei cando saía da cidade… que ben se vai aquí dentro, a tecnoloxía mola e tal.
De súpeto, o limpaparabrisas esquerdo, isto é, o que fai que o condutor -eu- vexa por onde vai en tardes como a de hoxe, decidiu que xa funcionara demasiado. O dereito, que aínda funcionaba, chocou contra o limpaparabrisas en folga e rachou. Eran as oito e pico dun sábado, polo que de mecánicos, nin falar ata o luns. Resultado: cabreo monumental (coa propia máquina, que últimamente ten demasiados achaques, con quen a vendeu, co seguro e a súa merda de asistencia e en xeral) e unha noite de sábado enclaustrado na casa contra a miña vontade… e é que hoxe, precisamente hoxe, entre unhas cousas e as outras, circunstancias e demais, quen lles fala está na Pedra sen ter con quen irlle tomar uns licores, que sen dúbida aliviarían o mal café con licor idem. En fin, agárdame unha noite apaixonante, creo. Me cagho nas máquinas.

A Junta e o furbo

Setembro 20th, 2006 Setembro 20th, 2006
Posted in Alén Piornedo, Medios, País
17 Comments »

Todo apunta a que na Federación Galega de Fútbol as cousas non son, nin para nada, limpas. Des que saltou a primeira noticia, logo da denuncia da Asociación de Clubs Galegos de Fútbol, hai máis que indicios de que na Federación, co seu presidente, Julio Meana, e o seu director xeral, Ramón de Llano á cabeza (o mesmo que di que o partido da Selección foi algo semellante a un Solteiros Vs Casados), os cartos -públicos- non se gastaron como se debían, senón todo o contrario. Entre outras cousas, de momento non parece moi vencellado o marisco as cousas do fútbol, ou 100€ por unha ración de polbo, viño e queixo, antóllaseme algo moito tamén.
En fin, o que me chamou a atención foi o papel que está a ter a Radio Galega, que lle está dando bastante bóla ao asunto. Pois ben, hoxe o presidente da Federación Española de Fútbol, Angel María Villar, dixo que poñía “la mano en el fuego” polo presidente da “Federación Gallega de Furbo” e que non coñecía ao Secretario Xeral de Deportes da “Junta” nin o que dicía. Hoxe, no programa Caneando, o seu condutor -o de sempre é Andrés Vieites, hoxe coido que Roberto Carlos Carballo- aclarou:

-Señor Villar, xa lle dixemos moitas veces que non é furbo, senón fútbol, e non Junta, senón Xunta, Xun-ta.

Enorme!

A Manifestación

Setembro 18th, 2006 Setembro 18th, 2006
Posted in Divagacións, País
20 Comments »

Por circunstancias que vostedes poderán deducir, vivín de primeirísima primeira man o de onte, así que podo dar unha versión alén-Vocesdegalicia e alén-Correosgallegos. Vaia por diante que non me gusta demasiado criticar manifestacións, no sentido estrito da palabra, polo que implica o feito mesmo de saír á rúa criticar o Goberno, cousa que un fixo bastantes veces e é probábel que volva facer. Manifestarse é bo, saudábel; e que a xente se manifeste e lle dea ghas ao Goberno, esixíndolle responsabilidades, poñéndolle os pés no chan, paréceme perfecto, e moi san.
Agora ben, hai un pero, ou varios. Onte vin unha manifestación que en boa parte era contra a xestión da Xunta durante a vaga de lumes, pero en boa parte tamén era contra o resultado electoral do pasado dezanove de xuño. Eu véxoo así. Detrás das pancartas de madeira serigrafiada, dos panfletos en papel de boa gramaxe e das bandeiriñas de plástico, por tras tamén do coche de megafonía con consignas pregravadas por un coro contratado para a ocasión, había máis que cabreo por ter que saír a poñerlle a cara ao lume co balde ou a mangueira dos tomates.
E é que houbo erros e descoordinación, e dicir que todo estaba controlado pois non é dicir a verdade. Pero menos é dicir a verdade cando se afirma que se desmantelou o dispositivo de extinción, cando se di que todos os alcaldes do PP -os mesmos que onte encabezaban cada súa comitiva de xubilados- colaboraron ao 100% (algúns si, moitos, tamén, todos, non), cando se di que o Goberno en pleno estaba de vacacións ou cando se fala de que conDonManuelestonopasaba. Síntoo, pero é mentira.
Así, unha manifestación que me sentaría mal polo simple feito de ver ao PP botado á rúa, de escoitar posicionamentos políticos que non son os meus e me incitarían á discusión, sentoume mal por outros motivos: por ver vellos que máis ben viñan á romaría do Monte do Gozo que ao manifestódromo, por ver pancartas que o único que buscaban era a crítica barateira e o “tú antes decías Nunca Máis, pues ahora te lo digo yo y te fastidias“. Moitos perderon onte a oportunidade de calar a boquiña, e outros a de falar con mesura e sentido común. Ah, xa se me pasaba… utilizar a dor de alguén que -voluntariamente, non o nego- perdeu a dúas familiares para ver se pescamos algúns votos, moi ético moi ético non sei se será.

E ademais do cartaz?

Setembro 16th, 2006 Setembro 16th, 2006
Posted in Alén Piornedo, Divagacións
10 Comments »

Eu non digo nada, de feito xa hai un tempo que comentei cousiñas sobre o (agora) partido en cuestión. Pois agora o do partido non-nacionalista e que eu saiba nada máis, presentan o seu cartaz electoral. O candidato sae espido. A min personalmente paréceme que presentarse a unhas eleccións facendo a chirigota non é o máis acaído… si, xa sei, é algo provocativo. Mesmo moderno, se me apuran. Pero, para min, por se quedaba algunha dúbida, agora confírmase… cando o principal que ten que ofrecer un partido, ademais de “non ser” é saír en pelotas no cartaz electoral… malo. En fin.

Cando a chuvia volve de vacacións

Setembro 15th, 2006 Setembro 15th, 2006
Posted in Divagacións
6 Comments »

Estes días a chuvia está anunciando que volve por aquí, que polo momento é só unha visita pero que en breve chegará para quedar… este, ao cabo, é un dos seus lugares preferidos. E a medida que van rematando os tres meses de xogar ao futuro, que a xente vai volvendo… un vaise decatando de que cada vez queda menos… para o resto da vida. E a chuvia volve de vacacións… agardo poder vela voltar á pedra, outravolta, noutros moitos setembros… e que con ela, volte todo.

Brigadas si, pero sen présa

Setembro 11th, 2006 Setembro 11th, 2006
Posted in Medios, País
3 Comments »

Esta mañá enterábame de que a responsábel de organización do PP na Coruña enviou unha carta aos seus alcaldes, a golpe de 22 de xuño, na que lembraba que, malia non ser os convenios deste e do anterior Goberno para a creación de brigadas de extinción de incendios “substancialmente diferentes”, deberían non negarse, pero si estender o máis posíbel o proceso de posta en marcha das mesmas. Iso si, de cara á galería, debería parecer que se estaban matando contra o lume e que a Xunta non estaba polo labor. Agora ben, o domingo, de manifa, e máis anchos que eu que sei. (O da foto é o jefe de toda a tropa, por se non se decataran… vai ser que non precisaban brigadas porque xa o teñen a el de apagalumes).

Outra máis, ou dúas

Setembro 9th, 2006 Setembro 9th, 2006
Posted in Divagacións, Rachí
70 Comments »

-Oes, que eu unha vez gañei un concurso de poesía amorosa

-Ah si (risa perversa) e que lle fixeches o poema, ao viño ou ao licor café?

Frases coma esta, perpetradas na noite coa suficiente lucidez por parte de artistas nocturnos, fan que un día estresado, preocupado, de baixón e de mala hostia xeral se convirta en algo bastante mellor. Marcho á rúa, a ver se alguén me solta outra destas, que me volve facer falta, creo.

Moito Lugo!

Setembro 6th, 2006 Setembro 6th, 2006
Posted in País, Rachí
11 Comments »

Mira que eu non son excesivamente desaforado para o tema futboleiro… pero xa van dúas entradas neste blogue sobre o tema. Hoxe… Copa Xunta, CD Lugo 2 – Dépor 0. E 3000 persoas no campo. Noraboa, rapaces! (E a vós tamén) Mágoa que as cousas laborais non permitisen poder saír voando de aquí para chegar… pero tampouco era plan de matarse, xa o darei todo cando lle gañemos ao Madrí ou así hehe.