Outubro, 2006

Medianeras

Outubro 20th, 2006 Outubro 20th, 2006
Posted in Divagacións
5 Comments »

O martes saín antes do que pensaba de traballar e decidín subir correndo ao centro para poder chegar a ver as curtas de ficción do Curtocircuito. De paso comprobei que este festival existe… explícome: pásame normalmente. Cando certos acontecementos ocupan un lugar na miña mente a xeito de roldas de prensa que anuncian tal ou cal acto, festival, concerto ou chámalle-equis, deixan de existir para o (meu) mundo do real. E cando comprobo que existen fóra da noticia mesma, pásame algo semellante a… non sei, ir de cañas con Doraemon ou atopar a Xabarín tomando o café. Xúntanse realidade e o que aparece nos medios, que non ten por que coincidir (por certo, non me dirán vostedes que non estaría ben o de tomar as cañas don Doraemon).
En fin, o conto. Unha das curtas que máis me gustou foi Medianeras, do arxentino Gustavo Taretto (o nome do director acabo de miralo en Interné), que xa gañou o premio do público do festival (isto tamén o atopei en Interné agora, hai que ser sinceros). Conta a historia dun mozo (Martín) e dunha moza (Mariana), deseñador de webs e artista plástica, que viven en sellos micro-apartamentos, moi habituais, polo visto, en Bos Aires. Estas vivendas non teñen, en moitas ocasións, apenas luz natural, e os seus inquilinos abren de xeito ilegal pequenas fiestras nas paredes.
Estes dous rapaces están basicamente sós. Desenganos sentimentais e demais familia fixeron o posíbel para deixalos así. A graza da curta comeza cando a vida de ambos comeza a cruzarse, na rúa, nas cabinas telefónicas… sen que cheguen a coñecerse. Mesmo coinciden nun chat, pero Dios que cando dá non é nada cocho, dálle máis emoción á cousa facendo que marche a luz no momento en que el lle vai dar o seu teléfono a ela para que o esperte ao día seguinte. Atópanse mercando candeas e deducimos que se recoñecen, pero apenas falan. Ela está obsesionada coa páxina dun libro de Onde está Wally? que non dá resolto.

A curta remata (síntoo, vóuvola destripar, podes parar de ler agora) cando ela ve na rúa dende a súa fiestriña ao mozo en cuestión, cun xersei branco de liñas vermellas. Non é boísimo?

A grande romaría

Outubro 19th, 2006 Outubro 19th, 2006
Posted in Divagacións, País
Comentarios desactivados en A grande romaría

Non morrín, señora, non morrín. A ver se foi pensar vostede que o bicho me matou. Non -de momento- e agardemos que siga a cousa así. Só que entre micros e respirar un pouquiño non é que me sobre moito tempo para pasar por aquí. En fin, recibo un correo (o primero dalguén que me le e non coñezo, cousa que mellenadeorgulloysatisfacción) no que se me lembra que non falei nada da grannnnde romaría do outono galego, léase San Froilán, e do fío musical que dende o Templo Lugués da Democrácia, léase Concello, se lle puxo. E é que este ano, a miña viaxe alén-Mediterráneo e a miña escasa presenza por Intramuros fixeron que na miña consciencia non fose San Froilán. En fin… que vou dicir. Non me estenderei demasiado. É máis, tentarei reducilo o máis posíbel: o concerto de Lamatumbá (a quen lle lle viría a idea á cabeza, seguro que foi por equivocación) foi anunciado coma un concerto menor, xa non digamos a presenza dos Festicultores pola rúa. O resto, salvo honrosas excepcións (léase Ismael Lô ou Pablo Milanés) redúcese en poucas verbas: Falete y olé.

Nota mental: por que as noticias da web de Lamatumbá, incluída a referida ao San Froilán, ultimamente aparecen en español, sendo a “opción b” o galego?

Vintecatro horas de bicho

Outubro 12th, 2006 Outubro 12th, 2006
Posted in Divagacións
4 Comments »

Algúns, a metade máis ou menos, da expedición xornalistiña en terras africanas, caeron, supoñemos que por algún bichiño deses que se che meten no corpo… e durante 24 horas, cuarta arriba ou abaixo, estiveron botando o máis profundo do seu ser cara ao exterior e vendo a realidade tan distorsionada como no día de resaca máis potente.
Así as cousas, quen lles fala formou parte da outra metade, dos que non tivemos que quedar metidos na cama. Ata onte. Á dor de cabeza seguírona os mareos e a dor de estómago. A cobertura dunha pequena (en fin…) noticia supuxo un mundo para min e hai cousa de vintecatro horas que me metín na cama… E iso, o máis profundo do meu ser cara ao exterior e mareos diversos… e os coidados agarimosos que tanto se agradecen cando un está enfermiño. Semella que mañá me poderei reincorporar ao mundo, e hoxe mesmo vou comer. Imos de reto en reto.. ;).

Túnez

Outubro 9th, 2006 Outubro 9th, 2006
Posted in Rachí
5 Comments »

Túnez.jpg

Aquí estamos. Non pense vostede, señora, que morrín nos últimos días. Só estiven a dous mil e pico quilómetros, diso que lle chaman Paso de Ecuador e non sei por que, porque o Ecuador xa vai boa que o pasamos. En fin, que quedei con moitas cousas desta semana… o paseo en dromedario (todo un espectáculo), a inmensidade do deserto, marabillas naturais coma os oasis, edificios preciosos… tamén con cousas que petan nos miolos do occidentaliño común. E é que por tras dos enormes (-ísimos) complexos hoteleiros hai rúas que non viron nunca unha vasoira, porque nelas vive xente que vive do que pode e nenos que che piden bolígrafos ou lapis pola rúa. Diso tamén hai, e ese é un dos países privilexiados do continente, o de abaixo é moito peor.
Malia todo (algún que outro guía imbécil, o cansanzo dos madrugóns, etc.) o balance é satisfactorio, si señora. Rin moito, moitísimo… nos zocos, releando a-lo-loco, nos hoteis, co inglés-francés-árabe macarrónico que practicamos, con Mohamed (o guía simpático) e o seus xeito de falar… ademais da boa noticia recibida no medio da semana… Ai, pois xa quedou alá ese cachiño de África no que algún vendedor xa sabe que Galiza is not Pantoja.