Decembro, 2006

“En min nombre no” Vaia por Deus…

Decembro 31st, 2006 Decembro 31st, 2006
Posted in Alén Piornedo
2 Comments »

Se esta xente non dese pena e medo, daría moita risa, tanta como para escarallarnos na súa cara. Pero o tema é ese, a min persoalmente dáme mágoa e un punto de medo ver xente (-uza) coma esta, e non porque sexa fan incondicional de ZP nin moito menos.

Felisiano

Decembro 31st, 2006 Decembro 31st, 2006
Posted in Cousas da casa
2 Comments »

feliz-ano.jpg

Malia todo, confío en que o ano que vén sexa mellor e traia unha carga, senón total, si importante de felicidade. Para todos vós e para min tamén. E a ver que facemos esta noite, que eu tamén fun novo. Apertas mil!

Non conseguistes nada

Decembro 31st, 2006 Decembro 31st, 2006
Posted in Alén Piornedo, Divagacións
Comentarios desactivados en Non conseguistes nada

Non conseguistes nada, salvo complicarlle a vida ao país que disque amades e, probabelmente e sobretodo, matar dúas persoas. E, de paso, darlles argumentos a algúns que ultimamente non tiñan demasiados e quitarllos aos que si os deben ter. Estaredes orgullosos.

Dopaxe natural

Decembro 25th, 2006 Decembro 25th, 2006
Posted in Divagacións
30 Comments »

Cousas veredes. Onte, día de Noiteboa, un voltou por Intramuros para facer o que se adoita facer este tipo de días, con certas salvidades familiares que non veñen ao caso. O conto: pola tarde, en compaña de certo ente materno, dirixinme á segunda (ou primeira?) catedral de Intramuros para mercar isto ou aquilo. Antes, xantara na casa doutro ente familiar que, na sobremesa, me ofreceu unha infusión que, por prescición facultativa, vén ben para o meu. Claro, eu acostumado a ese tipo de herbas noutros formatos máis prácticos, non me decatei do forte do sabor que derivaría en algo semellante a unha sobredose. Agora ben, a experiencia de percorrer un centro comercial totalmente imbuído no meu mundo interior, escoitando de lonxe o que pasaba… non ma vai quitar ninguén é algo así como unha resaca mesturada cunha estraña calma. Un café rematou o episodio. Puiden aproveitar o momento para escribir poesía ou compoñer, seguro que saía algo interesante.

Como bo conto ten moralexa: Niños, pasad de drogas.

Pensando…

Decembro 23rd, 2006 Decembro 23rd, 2006
Posted in Divagacións
6 Comments »

Ultimamente a actualidade galega resúltame especialmente cansina. Si. Quen nolo ía dicir hai un par de anos… que ben viviamos contra Don Manuel. E agora… que? Pois moita imaxe, moito postureo… pouca vontade de facer certas cousas… Cambio houbo, non digo que non, e avanzouse, e estanse a facer cousas que, na miña opinión, son moi positivas. Pero aínda así, e penso que non son o único, dáme a impresión de que falta algo. É como se da ilusión que depositei no na urna o 19-X só chegara ao seu destino unha cuarta parte. Quizais é que velos de cerca permite observalos mellor, vaia vostede saber.

Mentres me aclaro, teñan vostedes Bo Nadal :).

Acto de confraternidade luguesa

Decembro 7th, 2006 Decembro 7th, 2006
Posted in Medios, Momentos freaks, País
99 Comments »

[gv data=”5ikCE3DXwSA” width=”425″ height=”350″][/gv]

Leo en chuza! unha noticia tan lucensística, tan rebordante de lucensite aguda polos catro costados, que non puiden senón facer todo o que estaba na miña man para poñelo a disposición do globo enteiro, ademais de establecer as condicións técnicas necesarias para penduralo destas liñas. A cousa vén sendo a seguinte: informativo de TeleLugo (isto é o célebre e tan comentado por un servidor nas noites de farra “Lugodiario“. A presentadora [decátense vostedes de cantas veces mira á cámara e cantas ao papel que ten na mesa], cuxo nome descoñezo, dá paso á información referida á lucensísima e rancísima gala “Lucenses del año”, que é o equivalente lugués aos Gallegos del año de El Correo, afirmando que se trata dun acto de “confraternidade luguesa”.

Na gala en cuestión, un dos que sae á palestra é Roberto Vilar, vaia, Tonecho Martínez para servirle a Dios, a usté, i ao Málaga Virgen. Comeza a súa intervención, bastante perxudicado por certo, dándolles a benvida a todos os presentes á “asemblea de gais e lesbianas da provincia de Lugo” e remata escarallándose do alcalde Orozco (o cal, no final do video, fai o propio dende a súa mesa). Ollo ademais á despedida de Paco.

Robinsón de ponte

Decembro 7th, 2006 Decembro 7th, 2006
Posted in Divagacións
2 Comments »

Pasar parte da ponte na casa -que non na casa, alí será a outra metade-. Decidino, cando case todos marchaban, quedei. O respiro outorgado polo micro permitiume determe en cousas que haberá quen considere nimiedades e que a min -confeso- me fan rir, ou mesmo matar as gañas de non-durmir, mentres agardaba os efectos das herbas, acompañado da versión galega do pobriño de Robinson Crusoe. Lin a súa historia de pequeno e en adaptación infantil, cando aínda non sabía o que era o estrés, as contracturas musculares ou a tensión alta, e decidín retomala agora.

Coitado… cando estaba a punto de ficar durmido, decidín que, para ben ou para mal, eu nunca podería ser coma Robinson, polo menos no que atinxe ás gañas de seguir dálle-que-te-pego logo do primeiro naufraxio… se cadra, si no que atinxe a deixar atrás a casa, aí si que me mola o tema Robinsón. Así as cousas, pasarei a tarde o máis lonxe posíbel das noticias da radio, nadarei por prescrición facultativa e fareille algo de gasto á hostalería compostelá -si, hai máis xente que, por obriga, por devoción ou por ambas cousas, decidiron pasar na Pedra estes días-.

Nota mental: explicación para quen a queira escoitar. Creo que xa a escribín aquí ou alá nalgún momento, pero repítoa: unha ponte grande NON é un acueducto, unha ponte grande é un viaducto. Que xente!!

Repártense premios, oiga

Decembro 6th, 2006 Decembro 6th, 2006
Posted in Medios, País
54 Comments »

docil.jpg

premio-2006.jpg

A noticia de arriba publicábase hai un ano, a de abaixo, a semana pasada. E non pasa nada. A única voz crítica coa cuestión (e menos mal) é a do Colexio Profesional de Xornalistas, através do seu decano, Xosé Manuel Vega. E saben o problema? que esta é só unha mostra máis dunha actitude cara aos medios de comunicación que, cada vez máis, fai que repita aquilo de “se isto pasase co PP, a que se montaba“. Pero agora, reitero, non pasa nada. E, mentres e non, os medios, os xornalistas, canto máis tranquilos, máis mandadiños e máis atentos ao teléfono, mellor, e se sentan nun xurado con moqueta e entrega de premios no Hostal dos Reis Católicos, xa nin digamos. Se é que ata aos monicreques se lles fai unha férrea marcaxe… e que pasase isto en tempos do Patrón, pois vale, pero agora, sinceramente, decepcióname.