
Fanno a propósito? O de desilusionar, quero dicir. Porque senón cousas coma estas non se entenden. Resulta que o futuro ex-presidente da Xunta e actual xefe do Goberno galego, xa na campaña electoral e, máis tarde, no seu discurso de investidura, prometera dignificar e darlles o trato institucional que merecen aos ex-presidentes. Ata aí, non me parece mal, mesmo me parece ben. Agora, ano e pico despois, concrétase a proposta: aproveitarase toda a vagaxe política dos presidentes galegos do seguinte xeito: pasarán a formar parte, de desexaren, do Consello Consultivo. Paréceme perfecto, perfectísimo. Pero o conto non é ese. O conto é que, coma membros do devandito órgano, cobrarán en torno aos 68.000 euros anuais durante doce anos (o máximo que poderían permanecer na institución, aínda que algúns, por lei vital, non creo que cheguen tan lonxe). Ademais, meus pobres, disporán de coche oficial, servizo de secretaría e dun asistente persoal -un funcionario da Xunta que todos pagamos- á súa disposición.
Di o Conselleiro do ramo, señor Méndez Romeu, que a norma só sairá adiante se hai consenso total entre as tres forzas do arco parlamentario, a saber: o PP (dirá que non a que Don Manuel sexa persoeiro ata a fin dos seus días?), o PSOE (impulsor da idea) e o BNG (socio de Goberno que, neste caso e como xa se deduce dalgunhas declaracións, non rachará pacto ningún, disque a medida "dignifica" as institucións galegas e que a remuneración será a contrapartida a un servizo prestado -despois matizaron, seica...-).
Nota mental: hai xente neste santo País, pensionistas que, coa mesma idade que a que terán estes paisanos cando se convirtan en xubilados, cobran, con sorte, cincocentos euros ao mes. Será por cartos...