Sobre o galego na escola

Agosto 25, 2007 ás 7:07 pm | En Medios, País | 35 Comentarios

enquisa-el-correo.jpg

Esta enquisa, atopada na web de El Correo Gallego, ese xornal, deixoume bastante inquieto, concretamente sementou en min unha dúbida: que pasaría se á publicación en cuestión fixese a mesma pregunta pero exactamente ao revés?, algo así como: Debe a Xunta -ou o Goberno do Estado, se se quere- obrigar aos nenos a ler e escribir primeiro en español? Cando eu cheguei ao colexio, na máis miña tenra infancia, ninguén me preguntou, e á miña nai penso que tampouco "A ver, en qué quiere que aprenda el chaval a escribir?". En Portugal, Francia, Inglaterra... pregúntano? E en Madrid? Ai, cantas dúbidas.

Nota mental: A todo isto, vai gañando o "SI".

Chuzame! chuzame -

Xuntos, máis fortes

Agosto 23, 2007 ás 7:15 pm | En País | 32 Comentarios

quinvellos-pequeno.jpg

A imaxe que vostede pode ver é un fragmento da portada do xornal El Progreso (diario de Lugoysuprovincia) do día de hoxe. No interior, nas páxinas 16 e 17, podemos observar dúas páxinas, a toda cor e escritas integramente en galego, nas que o xornal nos narra as aventuras do Vicepresidente Anxo Quintana diante de dez mil maiores, ou vellos, na edición de Lecer para os Nosos Maiores celebrada en Vilalba. Para mostra, un botón:

Moitos maiores quixeron aproveita-la oportunidade para falar con Anxo Quintana, que saudou a tódolos que se lle achegaron. Os xubilados pasaron un día cheo de ledicia en Vilalba.

Xuntos, máis fortes. Dejà vu.

Chuzame! chuzame -

Eu tamén son do Verbenero

Agosto 21, 2007 ás 3:10 pm | En Medios, Momentos freaks, País, Rachí | 18 Comentarios

verbenero1.jpg

Sabía que esquecía algo. De camiño para o Sarabanduxa, cos ollos na estrada e os oídos na radio, comprobei con estupor e tristura que Verbenero . ficaba no cuarto posto e non era proclamada, con todas as honras, gañadora do A polo Ghit e, polo tanto, canción do verán 2007. Señora, vostede non sei que pensará, pero eu, dende a miña humilde opinión, teño claro que por ritmo, tema e mesmo por capacidade de crear ambiente de campo da festa, Verbenero, d'Os Forfiestas, é o gañador sentimental dun certame cuxa magna labor é, nin máis nin menos, que a de elixir a canción do verán galega. Dito isto, señores do xurado: queda constituída formalmente a PVFA (Plataforma dos que votamos polos Forfiestas no A Polo Ghit 2007), polo momento unipersoal pero aberta a todo tipo de adhesións máis ou menos interesadas.

Nota mental: Vaia por diante que non teño nada en contra de Sacha na Horta e os seus Biocultivos, mesmo me ten o seu aquel... pero canción do verán, o que se di canción do verán para min, non é.

Chuzame! chuzame -

Envísiate

Agosto 21, 2007 ás 2:30 pm | En Rachí | 6 Comentarios

imaxe006.jpg

Logo da Gran Caída, Blogaliza is up e dispóñome a escribir o que tiña pendente dende a fin de semana. Inicialmente previamos pasar dous días no cuasi-paraíso, pero parece que todo o mundo tivo a mesma idea e non houbo sitio, así que os planes trocaron e rematamos no Sarabanduxa, un festival que, a dicir verdade, a min non me atraía demasiado pero que rematou sendo bastante mellor do que pensaba. Despois: a aventura... preguntarse se realmente é aí onde se pode acampar, probar a ría e comprobar que para ter auga máis arriba da cintura hai que ir case ata as bateas... ou agardar polas estrelas da noite mentres eramos fotografados. Así as cousas... noite de xolda e anécdotas (aventuritas) para contar durante un mes, aproximadamente, e máis matices e aspectos da noite porque aquí, ao cabo, coñecémonos todos -ou case-.

Nota ao pé: a foto, tomada ás 6:02 da mañá, penso que resume ben parte da idiosincrasia do evento. Visio.

Chuzame! chuzame -

Matar, non se matou moito

Agosto 14, 2007 ás 5:55 pm | En Alén Piornedo | 1 Comentario

gobierno-dejpana.jpg

O Gobierno de España, que é como lle chaman dun tempo a esta parte ao Goberno do Estado ou Goberno Central, ou mesmo Administración General del Estado na propaganda institucional, anda cambiar a de identidade corporativa. Para a creación dos novos logotipos, convocouse, disque, un concurso de ideas, gañado por un deseñador de nome Juan Repullés Nuño de la Rosa, creador, entre outras, da web da Presidencia del Gobierno ou do Ministerio de la Presidencia. Como poden observar na imaxe superior, un dos logotipos elixidos (o que, supoñemos, ocupará de aquí en diante anuncios, sobres e demais papeis oficiais), ten un sorprendente e estraño parecido co logotipo do Goberno alemán.

Eu entereime esta mañá pola SER que, no seu programa Hoy por Hoy, entrevistaron ao simpático deseñador e, xusto despois, chamaron á súa correspondente en Alemaña para que lles explicase como era o logo en cuestión. Na web da cadea de PRISA aínda fan chanza co asunto baixo o título "Parecido razonable". Sexa como for, será isto un paso máis do Estado español cara á converxencia coa UE? A saber.

Chuzame! chuzame -

La Ejpaña plurinacional feita tenda

Agosto 7, 2007 ás 9:35 pm | En Momentos freaks | 5 Comentarios

img_0036.JPG

Saía eu de mercar na segunda catedral cando, de boas a primeiras, atopei a imaxe que vostede pode ver sobre estas liñas e que non me puiden resistir a captar co móbil. Canta harmonía, canta tensión simbólica... a bandeira do touro (que non do Torito), a bandeira de la Ejpaña constitucional, a bandeira autonómica e dúas Bandeiras da Patria. Todas, colgadas entre unha morea de produtos divesos, entre peluches e camisolas desas con mensaxes tan contundentes como "Garrafone" ou "A Birras". A min, persoalmente, provocoume malestar xeral (aínda que no reconto xeral gañemos 3-2 ás ejpañolas :P).

Chuzame! chuzame -

Toca Pardiñas!

Agosto 3, 2007 ás 7:18 pm | En Rachí | 5 Comentarios

Aínda que as cousas laborais e estivais fixeron que nos últimos días teña este espazo algo desatendido, non me resisto a pasar por aquí para facerlles unha recomendación. E é que de todas as opcións de rachí que temos esta fin de semana, para min a elección está clara: sábado e domingo, todos a Pardiñas. Ademais dos que figuran no cartaz, unha sorpresa: Fuxan os Ventos. Máis información, na web da Asociación Cultural Xermolos, organizadores do evento que xa cumpre vinteoito anos.

Chuzame! chuzame -

Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios. Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^