Os valados do Ceao
Setembro 5, 2007 ás 8:34 pm | En Alén Piornedo, País | 8 ComentariosPolígono do Ceao (Lugo), ano 2003. O Ministerio de Fomento dirixido por Magdalena Álvarez, esa ministra, inicia as obras de arranxo dos accesos e a súa conexión coa estrada N-VI. Aproximadamente un ano despois, o fundamental da obra -un paso subterráneo- queda arranxado e Fomento instala valados e balizas (tremendo palabro aprendido nos meus anos de autoescola) de xeito "provisional" a xeito de mediana e de rotonda, as obras que restan por facer. Un, que por aquel entón ía en bus, observaba con atención a non-evolución dos traballos.
Setembro de 2007. Os valados están fixados con cemento ao chan dende hai varios anos e por baixo xa lles medrou herba en abundancia. De súpeto, salta a noticia, Fomento reanuda as obras, a mediana e a rotonda faranse e aínda por riba (sente, señora) construirase un paso elevado con-ascensor (véxase referentes, do mesmo partido). Me se ocurre... en marzo hai eleccións, disque e, logo de tanto agardar, que menos que inaugurar a obra cando estea rematada non?. País(-es).
Foto : El Progreso
chuzame -
Este berro para molar, Xabarín popular!
Setembro 3, 2007 ás 7:40 pm | En Alén Piornedo, Divagacións, País | 36 ComentariosLeo en Chuza! que un tal copopoc meneou un post do coñecido blogueiro tangallegocomoelgazpacho alcumado Elentir, no que o devandito humorista alerta sobre o perigoso que pode ser o videoclip Piripimpín, das Malvela (un "grupo de paisanos" ou "alegre coro vecinal") que agora se emite no Xabarín Club (programa que ten unha mascota á que podedes ver sobre estas liñas en actitude ameazante, instando aos inocentes infantes galegos a afiliarse, como mínimo ao BNG, como máximo sabediós a que forza do independentismo terrorista.
O conto é que a raíz da meneada en cuestión, puiden ler un simpático debate sobre o pernicioso que pode ser o Xabarín e, máis concretamente, as súas cancións, temas do máis radical que poidamos atopar e que, por exemplo, animan aos rapaces a "insultar a los castellano hablantes" ou a "solucionar los problemas a golpe de escopeta". Así as cousas, grazas ao amigo copopoc vin a luz e logo de berrar EUSKERA!, digo... EUREKA!... púxenme a lembrar algunhas das cancións que dende tal maléfico clube podreceron o meu cerebro e inseriron a miña persoa nunha deriva nazi-onalista desas contra as que alertan en Libertad Digital... e cheguei a conclusións coma estas:
-
Satélite Xabarín: mensaxes que, claramente, insisten na necesidade de liberarnos da opresión española e acadar a independencia tecnolóxica. Ademais (aínda que varios anos antes) apoia o proxecto de Emilio Pérez Touriño para crear un satélite propio.
-
Just Girls: as mulleres españolas son malas, reprimidas e beatas. En cambio, as portuguesas, malia ao seu bigote, son guapas e divertidas, ademais de animar aos pobres infantes a escapar da casa, emborrachuzarse como preas á marxe da autoridade paterna e darse, en xeral, á mala vida.
-
Fura futbolín: como ben apunta o compañeiro copopoc, chama á revolución e á revolta, a ir contra o bilingüismo legalmente establecido, a matar españolfalantes, etc.
-
Non todo é o que parece: as mulleres revólvense contra a familia tradicional española, beben alcol, fuman e rexeitan aos homes, coma se tivesen dereitos.
-
Pode ser: un cantante drogado cre observar vacas voando e falando, atribuíndo os efectos do seu vicio aos extraterrestres. E todo isto, en horario infantil.
-
Tá-se bem na ràdio: que dicir, por se non abondase con facer pequenos aprendices de Antxón Kintana, ademais búscase que sexan reintegratas e fumen drogas en Xamaica, indignante.
-
Íscalle lura: xa non hai por onde collela... ridiculizando aos probres madrileños que non fan outra cousa que traer a riqueza montada en estupendos barcos que enchen de vida e cor os nosos portos deportivos, que tanto beneficio traen á deprimida costa galega.
-
Socio, busco un socio: evidente chamamento marxista-leninista. "Un exército de berros... este berro para molar... Xabarín popular". Lavado de miolos mediante o cal se pretende que o conxunto dos nenos se afilien ao partido único e comecen a comer españois.
-
Que calor: Pederastia en estado puro. Unha nena espida tomando o sol na praia ao berro lividinoso de "oh, que calor, que calor fai ao sol, fai tanto calor que ata praia me vou".
-
Fin de semana: Rebelión contra o sistema educativo. Video que mostra as diversións que hai alén da disciplina e os bos costumes do ensino tradicional e monolingüe (en castelán).
-
Onde vas, rapaz?: Siniestro Total, grupo coñecido pola súa afección ao alcol e ás drogas, insiste, nada máis e nada menos, no necesario que é rebelarse contra a autoridade paterna para logo poder acudir a antros insalubres e entrar nunha dinámica de sesodrogasrocanrol.
-
Estou na lavadora: Logo da destrución persoal, os nenos son chamados ao suicidio, concretamente, a meterse na lavadora e pór fin, extenuados, á súa vida de vicio, nacionalismo e destrución anti-española.
-
O sancristán de Basán: Aquí, directamente chamamento á loita armada e apoloxía do terrorismo, incitación á violencia contra o capital (español).
E isto por non falar das actuais, que a min xa non me contaminaron tanto porque xa non estaba na idade... hai algunha que ata di "bombaaa!" repetidas veces, que desfachatez. En fin... coñas aparte... O certo é que hai que padecer ben dos nervios para ver un arma de adoctrinamento masivo nun programa que foi do mellor que deu de si a Galega nos seus vintedous anos de vida, e que moitos galegos lembramos cun sorriso... independentemente da nosa conciencia de país -tranquilo, copopoc, non é tan eficaz (xa podía)-.
Actualización: o compañeiro Galegoman tamén puxo o seu gran de area para alertar aos pobres nenos inocentes, é xusto e necesario recoñecelo.
chuzame -
Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios.
Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^
















