Novembro, 2007

De rúas e mortos

Novembro 29th, 2007 Novembro 29th, 2007
Posted in País
2 Comments »

“Pertenece usted a una ideología que en el siglo XX arrastra más de cien millones de muertos sobre sus espaldas”

Gerardo Conde Roa, showman e voceiro do PP compostelán (dirixíndose a Néstor Rego, voceiro municipal do BNG no Concello de Santiago.)

Esta perla cultivada é o que deixou o voceiro municipal do PP en Compostela, durante o pleno municipal no que, semella que desaforadamente, se debatía sobre o novo nomenclátor de rúas para a cidade. E é que o señor do Bloque opúñase, nin máis nin menos, que a que o ex-ministro Fraga Iribarne, logo de asumir que o conxunto de vías urbanas non son súas, tivese polo menos unha rúa para el soíño. Ao final, esa proposta -que no seu momento, todo sexa dito, partiu do alcalde Sánchez Bugallo- non prosperou e si pasaron a peneira outras basante máis afortunadas. Así, saiba vostede que se ten pensado mudarse a unha rúa compostelá que aínda non teña nome, pode que vaia vivir na rúa de Andrés Dobarro, rúa de Voces Ceibes, rúa de Avelino Pousa Antelo, rúa das Trece Rosas ou rúa do Zeca Afonso, por poñer uns exemplos. Pode consultar toda a relación aquí.

Unha “Pradera” para a Muralla

Novembro 21st, 2007 Novembro 21st, 2007
Posted in País
3 Comments »

pradera.jpg

Leo en El Progreso que o Concello de Lugo conmemora o VII aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Para tan magnos fastos, a Concellaría de Cultura da cidade organiza un concerto de María Dolores Pradera. Como é algo sumamente lóxico, non merece máis comentarios, non cre, señora? Y olé.

142’50€

Novembro 19th, 2007 Novembro 19th, 2007
Posted in Cousas da casa, Divagacións
Comentarios desactivados en 142’50€

Acabamos de sufrir un atraco de luva blanca, así, sen anestesia nin nada. Pase o que pase, señora, dígollo eu: en ningún caso faga caso do cartón que deixan no buzón e que pon “teléfonos de interese”. Ou polo menos nunca chame a Tecnofogar.

-Darlle para arriba ao limitador despois de esperar polo electricista dúas horas e pico: 142’50€ (e non che cobro a nocturnidá)

Que chova!

Novembro 19th, 2007 Novembro 19th, 2007
Posted in Divagacións
1 Comment »

Onte comezou a chover, hoxe leva todo o día chovendo e disque a cousa seguirá así, polo menos, toda a semana. E que ben chove. E que falta fai…

Foto: Fernando Blanco

13-N: Nunca Máis, 5 anos despois

Novembro 13th, 2007 Novembro 13th, 2007
Posted in País
32 Comments »

Hai cinco anos, un buque feito con catro latas e cargado con setenta mil toneladas de chapapote sufría unha vía de auga a trinta millas de Fisterra. Uns días e varios paseos polo Atlántico máis tarde, o barco en cuestión, de nome Prestige, rachaba e comezaba a botar na costa galega todo o que levaba dentro (que, como logo aprendimos a distinguir, nin tan sequera era petróleo ou fuel-oil, senón unha mestura barateira e embrutecida de todo o anterior). Os que nos gobernaban naquela altura… pois, xa saben: un, de caza, o resto… cos “hilillos“, a “batasunización“, o “rencor por las esquinas” e, despois, cuarto de trolas, metade de improvisación, os mariñeiros autoorganizados, os medios de comunicación públicos secuestrados pola manipulación e moitos galegos, á rúa.

O caso e que xa vai alá un lustro duns días que a algúns nos serviron, ademais de para coñecer aos personaxes que mandaban, para espertar á conciencia política e tamén para saír á rúa a protestar, por nós propios, por primeira vez. Malia todo… lembro aqueles días cun non-sei-que de nostalxia. Profesores de instituto implicados e cabreados, segundo os casos, (moita) xente nas rúas, mesmo Intramuros, a marcha a MadridValería para algo?

Pé de foto: imaxe tomada na praia de Traba (Laxe), da cadea humana organizada por Area Negra, os profesores integrados na Plataforma Nunca Máis. A modo de curiosidade tecnolóxica, saiban que a foto saiu da primeira cámara dixital de quen lles fala, cunha calidade semellante á dos actuais teléfonos móbiles.

Nota mental: Vou facer algo semellante ao que fan as películas-basadas-“on true facts”-de -Antena 3- despois-de-comer (ese xénero): na actualidade, a Plataforma Nunca Máis atópase, a efectos prácticos, desintegrada -o seu dominio en Internet xa nin existe- e boa parte da súa simboloxía foi institucionalizada. Que novos eramos.

A miña precariedade é a túa desinformación

Novembro 5th, 2007 Novembro 5th, 2007
Posted in Xornalistiña
3 Comments »

precariedade-sxg.jpg

Hoxe, o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) sumouse á mobilización europea contra a precariedade laboral neste negocio. Tal e como se expón dende a Federación Europea de Xornalistas, o oficio padece unha “crise dramática (…) debido á excesiva comercialización, a presión política que están facendo máis precarias e empobrecendo as condicións de traballo en toda Europa”. En Galiza, a protesta fíxose notar nas roldas de prensa, presentacións públicas ou nas comisións parlamentarias celebradas durante a xornada, através das camisolas repartidas entre os traballadores da información polo SXG, cun lema tal claro coma certo: “A miña precariedade é a túa desinformación“. Quede aquí, polo tanto, a adhesión de quen subscribe e a miña máis enérxica protesta contra os soldos de “rir por non chorar”, a carencia de medios, as horas extra non pagadas ou o desleixo pola calidade do que sae ás ondas, se publica nunha web ou queda escrito nun papel prensa. Ou, o que é o mesmo, contra a precariedade laboral no xornalismo.

Nota mental: se isto fose unha sitcom, os datos reflectidos nesta información, publicada en La Voz de Galicia, poderían ser os risos enlatados.

Pereguirinos

Novembro 1st, 2007 Novembro 1st, 2007
Posted in Medios, País
1 Comment »

vineta-ngz.jpg

Atópo, vía Chuza!, a versión electrónica d’O Pasquím, o suplemento de humor do Novas da Galiza. Teño así a oportunidade de compartir co simpático lector unha obra mestra do debuxante Gonzalo: Pereguirinos. Trátase dunha historia de terror coa que calquera que vivise en Compostela máis dun mes se sentirá identificado. Góceno!

Nota: poden atopar o número íntegro d’O Pasquím aquí, ou atopar a páxina en cuestión aquí.