Xaneiro, 2008

Convalecencia, capítulo 11: dopaxe

Xaneiro 30th, 2008 Xaneiro 30th, 2008
Posted in Cousas da casa
24 Comments »

Seguimos avanzando, literal e simbolicamente. As dificultades dos anteriores dez capítulos desta novela están practicamente superadas, xa sei andar, xa sei conducir, xa sei mesmo saltar, así que no que a psicomotricidade se refire, xa estou recuperado. Polo demais, a cousa tamén avanza. Logo de pasar por un túnel de luciñas cun líquido que provoca calor polas veas, xa sei que interiormente estou limpo e non teño máis defectos ca os estruturais, os de nacemento, os mentais e os provocados polos vicios… así que só resta un chute de “por se acaso. Así as cousas, ao camiño réstanlle catro tiradas de cinco días no edificio acristalado separadas por un mes entre elas. A primeira comezará, o máis seguro, mañá, como moi cedo, o luns o luns día 11.Logo, segundo o horario previsto pola organización… chegaremos a finais de maio e, un malestar xeral e algúns mareíños despois, o que agora é unha lata pasará a ser unha batalliña para lle contar aos netos. Seguiremos informando.

Convalecencia, capítulo 10: desgrapado

Xaneiro 14th, 2008 Xaneiro 14th, 2008
Posted in Cousas da casa
6 Comments »

Hai aproximadamente unha hora, un simpático homiño tendeume nunha camilla padiola, ao carón dunha fiestra con vistas á Cidade da Cultura. Quitou dúas gasas esterilizadas dun armariño. Doutro armariño quitou unhas tesoiras, tamén esterilizadas.

-Vaime doer moito?

-Xa mo dirás, non mires.

-Xa che quitei a primeira.

Volvo mirar… dúas, tres, catro… e así ata dezaseis. Indoloro.

-Vouche poñer unha gasa, por quedar ben contigo, máis que nada. Por certo, vexo aquí que te está atendendo o mellor médico do CHUS. Leva estes apósitos (gran palabra), que a nosa compañía é rica e así non os tes que mercar. Ala, a facer vida normal.

Así foi a cousa, máis ou menos, xa percorremos unha tirada máis. O mércores, temos un porto de montaña que decidirá se nos diriximos ao sprint final ou aínda quedan un par de metas volantes. Seguiremos informando, que o merecedes logo do ben que me tratastes estes días.

Convalecencia, capítulo 9: encarreirado

Xaneiro 12th, 2008 Xaneiro 12th, 2008
Posted in Cousas da casa
2 Comments »

Toda convalecencia é un camiño que hai que percorrer. Hoxe dei un pasiño máis e mesmo imprimin un pouco máis de velocidade ao camiño en cuestión: xa podo conducir! e é que despois de semana e pico avanzando paseniño paseniño (coma o tren aquel que ía pola beira do Miño ao que hai quen se ten referido en diversas ocasións), poder pasar dos cincuenta por hora sen os tiróns de grapas regulamentarios é pouco menos ca un luxo. Iso si, a medida que os remaches van deixando de dar a lata, os danos colaterais da depilación a macheta fanse máis virulentos; queridos nenos: se algún día vos van depilar do xeito en que mo fixeron a min, non vos deixedes, logo pica moito. E así seguimos… avanzando un pouquiño máis rápido e, ao tempo, facendo acopio de comprensión e man esquerda para, máis cedo que tarde, ter algunha conversa familiar que deixe claro que nin volvo ter 5 aniños nin estou morrendo, pero iso xa é outro cantar.

Nota ao pé: que me din do concurso e a letra, ou da letra do concurso?

Nota metálica: xa teño data e hora de desgrapado. Se todo vai segundo o previsto e con permiso da autoridade, o luns á tarde. Contareilles.

Convalecencia, capítulo 8: eloxio do peón

Xaneiro 11th, 2008 Xaneiro 11th, 2008
Posted in Cousas da casa
1 Comment »

sinal_pasocebra.gif

O de hoxe foi un día de dicir algo así como “mira ti como estaba hai unha semana e mira como estou agora“. E é que hai hoxe sete días o simple feito de me erguer da cama provocaba en min os efectos do mellor (ou peor) psicotrópico e os remaches, tirando cada un para o seu lado, case humedecían os meus ollos e non da emoción, precisamente. A tal hora a cousa cambiou, pero aínda queda un treitiño por mellorar, a saber: hoxe, para o meu paseíño de rigor -baixo a chuvia- puiden apretar un pouco máis o cinto sen que me doese, e a velocidade aumentou un pouco máis -comparado co de hai unha semana, case corrín-. Cada vez teño máis gañas de que chegue o desgrapamento e poderme botar a andar, mesmo a correr baixo a chuvia, se é preciso. Nunca tiven tanta gaña de ser peón -e, a ser posíbel, peón despreocupado, que iso quererá dicir que todo marcha como debe-.

Nota ao pé: ademais de pola compaña, a tarde transcurriu máis amena grazas á (re) aparición na miña vida dun novo vicio: o emulador da Megadrive ou, o que é o mesmo, o regreso dos xogos cos que me enviciaba cando tiña dez anos. Será que nesta casa empeza a faltar o osíxeno?

Estamos de coña ou que?

Xaneiro 10th, 2008 Xaneiro 10th, 2008
Posted in Cousas da casa
Comentarios desactivados en Estamos de coña ou que?

verificacion-grapa.jpg

Advírtenme de algo significativo que penso que teño que compartir cos que nos últimos días sodes, dalgún xeito, partícipes da miña convalecencia. Este blog, ou Blogaliza, ou WordPress, ou todos, estanme puteando. Só así se pode explicar que onte á noite, para deixar un comentario, a palabra de verificación anti-spam fose, precisamente, esa que poden ler sobre estas liñas (preman na imaxe para comprobar que é real como as grapas mesmas).

Convalecencia, capítulo 7: Borat

Xaneiro 9th, 2008 Xaneiro 9th, 2008
Posted in Cousas da casa
1 Comment »

Aquí seguimos. Hoxe un dos accesos de aburrimento foi tratado con terapia de choque: Borat en vea. E os resultados foron positivos, mesmo puiden rir (frouxiño e con coidado) sen que me doese, e iso é moi bo sinal. Así, entre cavilacións, decateime de que hai exactamente unha semana que soltei lastre, unha semana des que comecei o camiño cara á normalidade, un carreiro que agardo que sexa o máis curto posible. Pero entre esas mesmas cavilacións, tamén apareceu no meu maxín unha imaxe: a depiladora (a muller, non a máquina). E é que aquela señora que con precisión e falta de sensibilidade a partes iguais pasou a súa segadora sobre quen lles fala ten verdadeiros efectos secundarios… tantos que, a tal punto, os seus danos colaterais son equiparábeis, en canto a molestias, aos dezaseis remaches de marras. Malia todo, volvín facer o meu caminiño, rúa arriba e abaixo, un día máis, aínda que hoxe cun destino e compaña diferentes. Grazas outra vez máis para os que me aturades estes días. Cada día falta menos. Aí seguimos.

Convalecencia, capítulo 6: aburrimento

Xaneiro 8th, 2008 Xaneiro 8th, 2008
Posted in Cousas da casa
22 Comments »

aburrimento.jpg

Todos estivemos, algunha vez, enfermiños na casa. Eses días sen ir ao cole/facultade/traballo recibindo atencións e medio endrogados pola febre e os medicamentos. Son días que, malia ao mal que poidas ter dentro, mesmo se agradece estar colmado de atención entre soneca e soneca. A cousa varía cando, como a min, os remaches te teñen grapado ao sofá pero mentalmente estás ben -ou, polo menos, non estás peor que habitualmente, enténdase-. Esta tarde tiven a primeira crise de aburrimento. Cando en Internet xa non hai máis xornais que ler nin máis blogs nos que fedellar… cando na tele Superpiñeiro primeiro, e o insultantemente sorrinte presentador de Alta Tensión (ex-Un, dos, tres) te incitan claramente a enfrontarte ao mundo… decides que hai que tomar unha determinación (iso si, lentamente, que non estamos para dar carreiras), que aínda estamos a martes e quedan, polo menos, catro días así.

Así as cousas, pedín auxilio cibernético e atopei resposta para ir dar un paseíño de ancián e ir tomar unha auguiña a un bar próximo -por certo, a auga nos bares custa 1€, eu non o sabía-. Nunca unha rúa supuxo unha dura proba e unha satisfacción ao mesmo tempo. Así e todo, non me queixo. A cousa avanza razonablemente ben e parece que estamos encarreirados cara á recuperación. En canto me desgrapen penso que non vou parar quieto, para compensar… mentres… xa hai quen, ademais de chegar onde os meus maltreitos movementos non chegan, me recomenda baixar pelis tipo “Colega, dónde está mi coche?” para pasar o aburrimento. Iso é unha terapia. Mañá máis.

Convalecencia, capítulo 5: autodeterminación

Xaneiro 7th, 2008 Xaneiro 7th, 2008
Posted in Cousas da casa
8 Comments »

eu-convalecente.jpg

Estou en pleno proceso de autodeterminación. Aínda resta cando menos unha semana para volver, aínda que sexa relativamente, á bendita normalidade (iso que tanto aborrecemos ata que non podemos gozalo), pero xa estamos dando pasos -lentos- cara a ese obxectivo final. Logo de que a marcaxe materna se reducise ao eido telefónico (que os demais traballen ás veces é beneficioso para un mesmo), este luns está sendo de avances. A velocidade de cruceiro aínda está lonxe, pero os meus pasiños están chegando á categoría de pasos máis ou menos seguros. Facer a comida case só -cunha axudiña– foi outro paso máis. Isto acontece mentres me chegan algúns datos médicos máis. Non hai moita cousa nova, pero neste caso a reiteración é o mellor do mundo: semella que a cousa pinta ben. Non aburrirei máis aos que aínda seguides lendo este caderno de convalecencia… só apuntar un detalle máis: é moi posíbel que nas vindeiras horas dea un salto adiante: nada máis e nada menos que… saír á rúaaaaaa!! Mañá cóntolles como foi a experiencia, a ver se aínda lembro como é iso de andar ao aire.

Actualización:  Saída á rúa… proba superada!

Convalecencia, capítulo 4: o que traen os Reis

Xaneiro 6th, 2008 Xaneiro 6th, 2008
Posted in Cousas da casa
13 Comments »

reis.jpg

Cando era pequeno, o día de Reis era un dos máis importantes do ano, supoño que moi semellante aos de moitos dos que ledes isto. Eran nervios pola noite, madrugón e abrir paquetes, primeiro na miña casa, logo na dos meus avós e logo na dos meus tíos. Ilusión a cascoporro, vaia. Dende hai uns anos, o día de Reis xa non provoca esas cóxegas na barriga -como moito, outro tipo de sensacións estomacais provocadas polos excesos do día anterior-. Así as cousas, podo afirmar que o día de Reis do 2008 é o máis peculiar da miña vida: é o primeiro no que teño cousas metálicas chantadas no corpo… o primeiro no que o doping non ten nada que ver coa resaca… e o primeiro no que o mellor agasallo que me poden facer non ten envoltorio posíbel.

Aparte da disgresión inicial… o día comezou contra as 12 da mañá, coa miña nai traéndome os Reis á cama (a miña velocidade aínda non está para competir, e menos recén esperto), roupiña xeitosa, sobre todo. Logo… a inxesta rutineira de analxésicos -máis espaciados, por certo, estou feito un campión- e a resistencia xa non contra os ataques de tos, senón contra o crecemento dos pelos que unha enfermeira asasina depilou a macheta sen encomendarse nin a Dios nin ao demo… por dicilo finamente, se me ven camiñar, só me falta o cabalo.

Pero sen dúbida avanzamos, para mostra: neste preciso instante, é a primeira vez que estou só na casa dende hai cinco días! As obrigas laborais fan que a marcaxe familiar se teña que reducir e que, tiróns de grapas aparte, a idea de normalidade estea un pouquiño máis preto. Seguiremos informando e, unha vez máis, grazas polas visitas, sms, chamadas e demais.

Convalecencia, capítulo 3: os meus amigos e mais eu

Xaneiro 5th, 2008 Xaneiro 5th, 2008
Posted in Cousas da casa
11 Comments »

eumedicamentos.jpg

Emitimos en directo dende o día 3 de convalecencia, ou dende o día 4 despois de soltar lastre indesexábel. E falo en plural porque, nesta altura, penso que non escribo xa só no meu nome, senón tamén no dos meus compañeiros de fatigas que, a esta hora, son xa case amigos. A saber: Enantyum e Nolotil, tomados alternativamente cada 4 ou 6 horas para evitar que suba polas paredes. No grupo tamén está Strepsils, moi útil contra os tiróns dos remaches que onte lles comentaba. Por último, citarei a Benq Joybook, o aparello dende que lles escribo e que, se xa habitualmente é un apéndice das miñas mans, a tal hora conforma case unha unidade coa miña persoa.

Polo demais, teño que recoñecer que a cousa avanza, dentro dos cauces normais, mesmo ben. Os tiróns e dores redúcense e os meus -lentos- movementos vanse facendo menos dificultosos. Polo demais, ando inmerso noutra tarefa: convencer a certos entes familiares de que enfermo non é igual a inútil ou persoa digna de compaixón e merecedora de férrea marcaxe no que a horas de sono, alimentación e hábitos vitais en xeral se refire (algo que, por outra banda, adquire unha dimensión máis surrealista se se fai por vía telefónica). E é que, nestes casos, sempre hai alguén que sabe máis ca o enfermo e mesmo ca o médico. Pero non todo é negativo en canto a contacto cos humanos, non pensen. Que hai quen me trata a corpo de rei e eu non me queixo, aínda que sempre quede ese regusto amargo de andar dicindo “tráeme, cólleme, achégame”. Por último: grazas polas chamadas e as visitas. Deica o vindeiro parte.