Xaneiro, 2008

Convalecencia, capítulo 2: cando a casa é un mundo

Xaneiro 4th, 2008 Xaneiro 4th, 2008
Posted in Cousas da casa
13 Comments »

casamundo.jpg

Hai algo máis de vintecatro horas que deixei o taller de chapa e pintura para chegar ao que, nos vindeiros días, será o meu único espazo vital, isto é, a miña casa. O certo é que o balance das últimas horas non é para queixarse: despois dunha noite con grandes logros coma cambiar de posición ou durmir de lado, cunha axudiña cheguei ao salón dende o que lles falo. Dende este sillón, auténtico centro de operacións, ando a resistir as embestidas dunha leve tos que provoca que os meus remaches tiren cada un para o seu lado, provocando unha dor semellante ao de 32 agullas clavándose onde máis lle doa a cadaquén.

Polo demais, o menú de hoxe incluiu ese grande éxito: “as curas”, que puiden substanciar eu soíño, igual que a correspondente ducha e parte das tarefas culinarias (un ataque de tos impediume agardar a que os macarróns rematasen de ferver). Visitas que se agradecen, contar a mesma película diversas veces por teléfono e sentir que, por veces, un volve ter catro ou cinco aniños -faime isto, faime o outro, cólleme aquí, axúdame alá- , veñen sendo outras das notas dominantes a salientar nesta República Independente. Vémonos no próximo parte.

Convalecencia, capítulo 1: a grapadora

Xaneiro 3rd, 2008 Xaneiro 3rd, 2008
Posted in Cousas da casa
10 Comments »

Dezaseis grapas. A miña conexión entre a perna dereita e o resto do corpo está, dende onte á mañá, perfectamente tuneada con dezaseis apliques metálicos. Foi apenas unha hora na que, un equipo de xente entre o que se contaban ata dous lugueses, fedellaron en min para quitarme todo o que me sobraba. Unha vez soltado o lastre (que, en principio, parece que non escapou máis alá do sitio no que estaba), quen lles fala pasou por unha cama desas que suben e baixan cun mando e tentou -sen éxito- dar a volta para durmir. Agora escribo dende a casiña compostelá… durante os vindeiros días, a familia máis cercana irá metabolizando o susto que lles dei e desexará, coma min, que os resultados cheguen en tempo e forma e sexa para ben. Ademais… percorrerei distancias abismais coma o traxecto cociña-cuarto-baño-salón a un ritmo propio dos nosos maiores. De momento, un adianto… 100% de posibilidades de éxito no asunto, que non é pouco. Seguirei informando.