Febreiro, 2008

Que vote, que vote

Febreiro 28th, 2008 Febreiro 28th, 2008
Posted in Cousas da casa, Divagacións, País
9 Comments »

Logo do g-debate de onte, despois de saber que o rigor non se merca en mercerías, que se a nena de Rajoy vivise en Galiza tería asistencia bucodental de balde, que temos que ter máis peso en Madrid ou que o Plan Galicia vai resucitar de entre os mortos… tocou votar. Se aceptamos como válido que o día das eleccións é a festa da democracia, poderiamos afirmar que, o voto por correo é a mesma festa, pero máis cutre… algo así coma se o 9 de marzo tocase a París de Noia e na oficina de Correos, como moito houbese un paisano cun organillo. Pero en fin, dado que a semana que vén vou estar secuestrado e a xornada en cuestión estarei recuperándome do secuestro… votado queda.

Nota mental: observen na imaxe cantas opcións hai na provincia de Lugo se se lle quere votar a un partido facha/freak, para que vexan.

O g-debate

Febreiro 26th, 2008 Febreiro 26th, 2008
Posted in País
9 Comments »

Faltan pouco máis de vintecatro horas para que se celebre (ou non) diante das cámaras da Galega o debate entre os que, xenericamente, chamaremos os nosos líderes -en diante, ONL- a saber: o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e mais o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo. Nesta tesitura, xúrdenme varias preguntas:

Ten sentido un debate entre ONL no marco dunhas eleccións xerais?

-Non sería máis acaído que debatisen os que se presentan a estas eleccións?

Canto custa a montaxe espectacular que a TVG está a montar nun hotel compostelán?

Cantos cartos se van perder no caso de que, finalmente, o PP diga que Feijoo non vai? Alguén preveu esta posibilidade?

Como se van aproveitar os cartos investidos no caso de que non haxa debate? Vaise emitir o Luar desta semana dende o hotel en cuestión?

-Por que o PP pon tantas condicións?

É este debate un ensaio para de-hoxe-nun-ano?

Actualización: finalmente, vai haber debate, así que non vai haber que empregar o decorado para emitir o Luar ou improvisar unha festa-dos-nosos-maiores. Saben o peor de todo? Que, aínda mantendo todas as anteriores cuestións, no fondo do meu ser, estes eventos encántanme -que inconsistencia moral, la que está liando Zapatero :P-.

Distonía

Febreiro 19th, 2008 Febreiro 19th, 2008
Posted in Cousas da casa
14 Comments »

O corpo humano évos o ordenador co Windows máis enrevesado, ou o trebello que máis parafusos pode variar de posición. Como ben sabedes os máis dos que pasades por aquí, veño de estar uns días no edificio acristalado, na primeira quenda de por-se-acaso. Andaba eu a fin de semana inmerso nos -escasos- efectos secundarios, unha ida de pinza e unhas gañas de facer nada aquí, un pitido nos ouvidos alá, unha revolución estomacal sen demasiada importancia acolá… cando comezou o verdadeiro espectáculo. Pasaban pouco máis alá das nove da noite do domingo cando quen lles fala comezou a sentir unha leve tensión na parte posterior da cabeza… leve tensión que derivou en pequeno tirón… logo nun tirón máis forte… e que ía aumentando ata obligarme a estar coa cabeza alta coma os lexionarios cando lles pasa a cabra por diante…

Así as cousas, e diante do desconcerto xeralizado e o acongoje persoal e familiar reinante, o meu utilitario tornou en vehículo do 061 e ala, para a Choupana outra vez… nesa altura, as cellas chegábanme ao ceo aproximadamente (ríase vostede da campaña de ZP^^). Logo… paso polos corredores de urxencias a douscentos por hora, xuramentos diversos (meus), analítica e, por fin… a causa… un protector estomacal, o ata o momento considerado inofensivo Primperán (concretamente, a súa variante culta, a metroproclamida) estábame pegando a peor das malleiras! Antídoto en vea… e ata o médico rindo en quince minutos de reloxo. Seica lle chaman transtorno extrapiramidal e/ou distonía muscular. Total, unhas risas (agora).

Corredores e saliñas

Febreiro 13th, 2008 Febreiro 13th, 2008
Posted in Cousas da casa
5 Comments »

O corredor e a saliña. Cando nun ingreso hospitalario tes a posibilidade de pasar no cuarto bicompartido o menor tempo posíbel, os corredores son os teus mellores aliados e, neste caso concreto, a “saliña de estar” tamén cumpre a súa boa función. Non sei cantos quilómetros percorrería hoxe co meu amigo de rodas, primeiro só, enchufado ao mp3, e logo coa compaña materna… Polo demais, sigo resistindo ao endroghamento, e os míticos efectos secundarios non fixeron, polo momento, acto de presenza, cousa que se agradece, e moito. Bebiches? Mexaches? Canto? Pon o termómetro! Imos mirar esa tensión… Son frases que se repiten ou alternan co piii do meu amigo con rodas, que, para que o saiban, ten o inquietante nome de bomba de infusión.

O último tramo do serán transcurriu moito máis rápido… polos corredores do CHUS apareceu unha manifestación… houbo quen me proporcionou xogos célticosoutras trouxeron películas, humor patrio… e, sobretodo, todos trouxeron a compaña que se agradece inmensamente. Tamén as chamadas, que aínda se valoran máis cando quen chama tamén ten as súas cousas. Dende a casa acristalada onde curan e aburren, despídome ata o vindeiro parte.

A rumba do hospital

Febreiro 12th, 2008 Febreiro 12th, 2008
Posted in Cousas da casa
2 Comments »

Dende a parte máis alta do CHUS pódese ver Santiago case enteiro, dicíao onte e hoxe achego proba documental. Dende as infames torres de Salgueiriños ata as da catedral, pasando polos aceiros en plena soldaduda da Cidade da Cultura. Entre esta fiestra, a salita-de-estar e mais o outro lado do meu corredor van pasando as horas… a rumba do hospital, corredor para aquí, corredor para alá. O certo é que o meu camiño cara a converterme nun toxic man non está a ser, polo momento, demasiado dificultoso. O conglomerado de pastillas (omeprazoles, lorazepanes e outras que non lembro) para que o meu estómago aguante o tirón fai, de momento, o efecto desexado (non saben estes con quen tratan, tamén é verdade… que diría o castizo, “en peores plazas hemos toreao”, no que a asuntos gástricos se refire) e deambulo con soltura co meu amiguiño ao carón.

Como andas de ánimo? Pregúntanme. Pois deixando á marxe o feito de ter que estar aínda tres días máis (sen ter en conta as visitas posteriores, etc. etc.) aquí metido, polo demais, non me podo queixar. Os efectos secundarios eses apenas tiveron valor para manifestarse, e agardo que siga sendo así… ademais, este retiro tóxico-espiritual está servindo para chantarlle o dente a algúns libros que tiña por aí esquecidos, xunto á correspondente prensa diaria. Non lles negarei que teño gañas de que chegen os derradeiros días de abril nin que este sitio non é o máis recomendábel para pasardes unhas vacacións… pero mentres e non… a cousa marcha e aquí estamos, corredor para aquí, corredor para alá, a xente é simpática… e se é acompañado, coma sempre, moitísimo mellor. Mañá máis.

Live from the CHUS

Febreiro 11th, 2008 Febreiro 11th, 2008
Posted in Cousas da casa
4 Comments »

Pois si, señoras e señores, retransmitimos en directo dende o edificio que poden ver sobre estas liñas. O luns foi a vencida, e logo dunha toma de mostrar no pueblo ese no que non lles gusta o monte Gaiás, vinme instalar aquí. Primeiro, o pinchazo de rigor… a ver se che doe… e esas cousas… e logo, a dopaxe, que para iso estamos aquí. Por obra e graza da tecnoloxía poderei -polo menos mentres me dure o saldo- irlles contando as miñas andanzas, se é que son dignas de contar (o meu espazo vital redúcese a un cuarto (bicompartido), un corredor e unha salita con cadros impresionistas). O primeiro asalto cos tóxicos vouno levando, apenas unha sensación rara no estómago, moito inferior, para que se fagan unha idea, á que provoca certo líquido espirituoso unhas horas despois de ser consumido. Iso si, dende aquí arriba domino a City enteira, do Gaiás ao Pedroso, pasando pola Catedral, as moles de Salgueiriños ou o pico Sacro (mañá póñolles unha afoto)… serán, durante os vindeiros cinco días, o pano de fondo dos meus paseos agarrado ao que xa é un amigo máis, e mesmo unha extensión do meu brazo esquerdo.

Así as cousas, mentres estiven só fun levando a tarde entre libros, músicas e demais… logo, non faltaron as visitas, primeiro individuais e logo en manifestación. Xa sabedes que se agradecen, e moito. Agora, nun pouquiño tocará durmir… que nestes sitios, por moi amábeis que sexan (que o son), seica lles pagan por molestar a partir das sete da mañá. Haberá novo parte cando sexa necesario :).

Un, dous, tres… maaartes

Febreiro 6th, 2008 Febreiro 6th, 2008
Posted in Momentos freaks
61 Comments »

O Sergas concédeme unha prórroga ata o luns (desta vai, prometido) e a min dáme por reflexionar sobre o xeito en que se pode manifestar o noso feito diferencial, ás veces, nos xeitos máis insospeitados. Para, mostra, un botón que hoxe tiven a oportunidade de comentar á hora do xantar. Cantos galegos, ao escoitar as novas políticas que chegan dende Iankilandia nas últimas horas, pensamos en Barack Obama ou Hillary Clinton?