Marzo, 2008

Na noite máis triste

Marzo 28th, 2008 Marzo 28th, 2008
Posted in Cousas da casa, Divagacións
3 Comments »

Era noite pecha cando as nubes comezaron a chorar. E as rúas están inmensamente molladas, máis que nunca na vida.

O meme dos agasallos

Marzo 24th, 2008 Marzo 24th, 2008
Posted in Blogaliza, Divagacións, Momentos freaks
4 Comments »

Recollo a luva guindada por O demo e dispóñome a cumprir co meme (permítanme a cursiva dada a entidade bizarra do palabro) dos agasallos. Logo de facer memoria -son de bastante bo conformar no que a obsequios se refire-, coido que estes son os que non deben faltar na listaxe. Os agasallos máis terríbeis da miña vida son, que eu lembre, os seguintes:

  • Equipación completa do Real Madrid, anos 80 style: sen dúbida, merece encabezar a clasificación. Os 80 foron, como todos sabemos, uns anos moi duros no que a estética se refire, e isto notábase mesmo na roupa deportiva. Se ao look oitentero lle engadimos que a equipación en cuestión era, nin máis nin menos, ca do Real Madrid (la Quinta del Buitre, para máis detalles) xa temos o lote completo. Regalo terríbel, ou a tentativa desesperada dun pai de mudar os criterios futboleiros dun tenro infante, aproveitando como pretexto o seu aniversario -creo-.

  • Xogos de mesa diversos: Pola súa crueldade. Pepe Brazolargo, Tozudo, Adivina quién es (que era o Quién es quién de toda a vida, pero del palo), La sopa loca, Alfred J. Cuack (o xogo)… son só algúns exemplos da perversión feita agasallo. Que sentido gastar cartos nun xogo de mesa, se o seu destinatario é un fillo único? Ningún! Os culpábeis neste caso son diversos, na súa maioría parentes de todo grao e condición.

E non se me vén á cabeza ningún máis… se cadra porque os que me regalan me coñecen ben, ou porque eu son de bo dente, ou polas dúas cousas. Dito isto, correspóndeme a min guindar a luva. E vaille a Abril e Revolução, coma representante da Galiza costeira, Dor na Retina, representando á emigración próxima, En Compostela, coma residente case-ausente e Zero Vacas, que non vai ser todo endogamia.

Limpo e na meta

Marzo 19th, 2008 Marzo 19th, 2008
Posted in Cousas da casa
19 Comments »

Nos últimos tempos foron sabendo, dun xeito máis ou menos críptico, os meus avatares, evolucións e dificultades coa especie médica. O pasado luns cheguei, case dous meses antes do horario previsto pola organización, á meta. E fíxeno coa máis inmensa das felicidades, con menos pelo na cabeza (que xa comeza a medrar) con algún que outro produto tóxico no meu torrente sanguíneo pero sen a máis mínima impureza interior, desas que fan moito dano.

Pasan así dous meses e dezasete días des que todo isto comezara con aquilo das grampas e continuara coa toxicidade e os seus efectos secundarios, aos que me vin referindo nos últimos tempos. Pasa algún tempo máis dende o momento no que entrei na consulta do médico cun problema menor, diagnosticado por alguén con bastantes poucas luces, e saín cun bastante máis grande, deses que asustan de verdade e que, non collidos a tempo, poden facer moito, moito dano. Pero a cousa encarreirouse dende o primeiro día, o resultado do paso polo quirófano foi excelente e a evolución, inmellorábel. O tratamento posterior, deses que asusta dende o nome, respectoume en gran medida e agora, case tres meses despois, pódese dicir que estou curado e chega o momento de tirar conclusións. Esas conclusións son as que, dende hai un par de días, tento sintetizar e plasmalas aquí, para compartilas con vós e de paso sacalas fóra dos miolos.

Non me deterei aquí en todo o que me pasou pola cabeza neste tempo, que é moito, pero si deixarei algúns trazos que contribuiron a pintar o cadro do meu paso polo edificio acristalado, da miña recuperación e tamén dos meus bos ánimos. Foi un cadro pintado grazas a uns profesionais excelentes, que fan que quite o sombreiro diante da nosa sanidade pública, e que non teña máis que palabras de agradecemento dende o primeiro médico ao último celador. Se algúns calificativo merecen, ademais do de “profesionais” é o de “humanos“, que é o mellor que pode ser alguén que ten que compartir e tentar solucionar un dos momentos máis duros da vida dunha persoa. A outra metade do cadro, a que non se solucionaba con cirurxía nin medicamentos, tamén estivo sobradamente atendida, tanto pola familia xenética como pola outra, a que forman todos os que pasaron a carón do meu sofá, do corredor hospitalario, da mesa do bar ou das rúas pola que dei paseos. Os lotes de películas, os xogos de mesa, as revistas, os xornais, os detalliños e, sobre todo, o voso agarimo fixo que isto fose un tránsito moito máis doado. Non vou poñer as ligazóns, que non todos tedes casa internáutica, pero penso que tampouco fai moita falta, que a ligazón xa está feita dende hai tempo. Simplemente as máis inmensas grazas, a todos e a cada un [espero poder dárvolas, polo menos á maioría, co arrecendo do licor café como fondo da escena].

Só me resta unha reflexión: no ano 2008 cada vez hai máis posibilidades de superar esa á que os xornalistas lle chamamos “unha grave enfermidade”. O cancro xa se cura, por desgraza non todos, pero, por sorte, moitos si. Saúde para todos.

Nota: grazas aos autores dos dous comentarios que Blogaliza papou sen explicación.