Abril, 2008

Pradolongo: seguramente, unha película necesaria

Abril 28th, 2008 Abril 28th, 2008
Posted in País
4 Comments »

Esta tarde puiden ver, no Teatro Principal de Compostela, o filme Pradolongo (como é sabido, non foi posíbel vela nunha sala comercial, os empresarios saberán por que). Non farei unha crítica exhaustiva -entre outras cousas, porque a miña falta de coñecementos do asunto o impide- pero si vou deixar por aquí as ideas que me pasaron pola cabeza ao saír do Teatro. Probabelmente Pradolongo non sexa unha película épica que narre as nosas fazañas nacionais, os tres rapaces protagonistas (interpretados por Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto) non resisten no Monte Medulio nin fan unha chamada a salvarmos a Patria.

A cinta arranca no comezo do verán, xusto despois da selectividade (si, Ese Verán), tres amigos, dous rapaces e unha rapaza, a eles gústalles ela, saen por aí, que se me miras, que se un é superficial, que se o outro é sensíbel, que se nos liamos, que se non… Ademais, un deles ten un pai que é dono dunha louseira desas que, cando rematen de expremer os nosos montes, van deixar nas zonas afectadas só iso, un monte estragado, un entorno natural desfeito e algún carto no peto duns poucos. O pai do outro rapaz ten unha explotación agraria, e un monte que garda lousa da mellor nos seus adentros… Xa se poden facer unha idea da trama. Todo isto desenvólvese nun ambiente… quizais demasiado ideal, con rapaces de 18 anos que van -todos- a bares nos que se bebe licor café e se escoita Lamatumbá, que o pasan estupendamente en festas da súa aldea non con orquestras, senón con grupos folkies, e onde mesmo as pijas da cidade falan galego con acento de Valdeorras.

A todo o contado hai que engadirlle unhas actuacións máis afortunadas ca outras, mozas e mozos guapas e guapos, líos veraniegos con sobredose de hormonas… en síntese, é unha película que, sen dúbida, é un dos elementos que fan un pouco máis normal a cultura galega. Necesitamos películas lixeiriñas -aínda que, como neste caso, teñan de fondo un problema moi importante-, de mozos que se gustan, se lían e se deixan… mesmo filmes deses de-despois-de-comer. Veñan moitos máis.

25 de abril, Día da Liberdade

Abril 25th, 2008 Abril 25th, 2008
Posted in Alén Piornedo, Divagacións
5 Comments »

Hai 34 anos, os militares puxeron fin á ditadura que afogaba Portugal. Esta semana, ao escoitar en Compostela a Otelo Saraiva de Carvalho, fun consciente da importancia daqueles acontecementos e, quizais, da mágoa de que durante a ditadura franquista non houbese suficientes oficiais con valor como para artellar algo semellante e, aventuras como a UMD quedaran só niso. O ideal e o desexábel é que ao ditador o derrumbe o pobo, mais se hai axuda dos fusís, sempre é máis doado. Iso si, sempre cun cravo dentro de cada canón.

Actualización: non vai ser todo Revolução… hai algo máis que nos une aos vizinhos do sul. Pimba!–> .

Pode ser un gran ano

Abril 22nd, 2008 Abril 22nd, 2008
Posted in Cousas da casa
3 Comments »

Ás veces aproveitamos o día de Aninovo para poñer un punto e seguido -ou un punto e á parte- na nosa andaina. Eu hoxe non me propuxen comezar a ir ao ximnasio (aínda que non me viría mal), desenfurruxir o meu inglés (cousa que tamén sería beneficiosa) ou adelgazar. Pero tamén é verdade que os 22 marcharon ás dez da mañá e non van volver máis. Non vou dicir que-vaia-Dios-con-eles, pero o certo é que, aínda que non volvan, tampouco pasa nada. Benvidos os 23 e, con permiso de Serrat

Este pode ser un gran ano, duro con el

Nota ao pé: ollo, reflexións que só se poden atopar en Compostela.

“Si es que va provocando…”

Abril 17th, 2008 Abril 17th, 2008
Posted in Medios, País
2 Comments »

A esta xornalista da fotografía, Isabel Quintairos, despedírona do seu posto de traballo logo de 20 anos de exercicio da profesión na mesma empresa. Aproveitando que regresaba dunha excedencia, aseguráronlle que o seu posto estaba amortizado, isto é, despedírona de facto. As súas faltas, delitos ou -vaia vostede saber- pecados:

Segundo recolle a sentenza xudicial correspondente, a Isabel botárona por ser homosexual e simpatizante do Bloque. Dado que non existían motivos para o despedimento, a xuíza obrigou a empresa a readmitila, sentenza contra a que foi presentado un recurso, e mesmo unha denuncia contra a maxistrada, por redactala en “una lengua tal vez cooficial o algún dialecto“. A semana pasada foi despedida outra vez, previo acoso laboral, por “razóns obxectivas“. A empresa en cuestión é propiedade da Conferencia Episcopal, que disque predica a igualdade, os valores do Evanxeo, etc. Demencial.

+ info en El País do 17 de abril. As sentenzas, aquí e mais aquí.

Foto: Anxo Iglesias.

Casas Vs caixas de zapatos

Abril 15th, 2008 Abril 15th, 2008
Posted in País
3 Comments »

O próximo xoves entran en vigor as Normas do Hábitat Galego elaboradas pola Consellería de Vivenda e aprobadas polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro. A nova norma, máis avanzada que o Código Técnico de Edificación do Goberno central, detalla as características que, de agora en diante, deben ter todas as vivendas novas que se constrúan en Galiza, e xa topou coa oposición dos promotores, da Fegamp e de parte dos arquitectos. As normas estipulan, por exemplo, que todas as vivendas deben ter, como mínimo, unha hora de luz natural no mes de decembro, que unha cadeira de rodas poida circular sen problemas por todo o piso ou que os edificios sexan máis respectuosos co medio ambiente. Tendo en conta o balbordo que se leva escoitando de fondo estes días, pregúntome:

  • Ten sentido que, diante dunha crise económica, un Goberno saia ao rescate das empresas da construción, especialmente daqueles que son os principais responsábeis da suba deshorbitada dos prezos da vivenda? Polo tanto, ten sentido que o Presidente da Xunta plantexe a posibilidade de “flexibilizar” as normas?

  • Que papel están xogando a Fegamp e, máis concretamente, a súa directiva? É coherente a súa actitude coa que mantén o seu partido no Goberno?

  • Por que unha parte dun Goberno que fixo bandeira, dende o comezo da lexislatura, da construción sustentábel, recúa agora?

  • Tanto mandan os construtores e promotores? (retórica)

  • Canto falta para as eleccións?

Diante disto, só resta unha posibilidade ou, mellor dito, dúas: baixada de pantalóns e incoherencia ou valentía política.

Dúas cancións para unha tarde de chuvia e frío

Abril 9th, 2008 Abril 9th, 2008
Posted in Cousas da casa
24 Comments »

[gv data=”J_-YjCEgAtU” width=”425″ height=”350″][/gv]

Aínda sen saber cal das dúas é a boa, deixo aquí unha de cal e outra de area. A primeira, un exercicio de autotortura, probabelmente necesario (teoría do rebote técnico, tocar fondo para poder subir ata aboiar), e cruelmente certeiro -especialmente no retrouso- da foto fixa de hai apenas uns minutos, nesta tarde de primavera noxentamente fría e chuviosa. A segunda, de momento é un acto de fe, mais agardo que sexa tamén unha visión do futuro a curto-medio prazo. Disque temos moi pouco tempo para gastalo en chorar. Aínda que custe -moito-.

[gv data=”g3pygk_tlq4″ width=”425″ height=”350″][/gv]

De como un moribundo non pode curar un enfermo

Abril 7th, 2008 Abril 7th, 2008
Posted in Divagacións, Medios, País
35 Comments »

Nunha incursión por terras luguesas -ultimamente abundan por motivos diversos (léanse entradas anteriores…)- estaba facendo algo tan propio do lugar coma ler El Progreso nun bar cando atopei un artigo, metade literatura, metade opinión, que reflicte en gran medida o meu parecer sobre o complexo sanitario que poden ver sobre estas liñas (daba saída así, de paso, ao meu afán dos últimos tempos de ler todo texto que leve palabras coma “Sergas” ou “hospital”). Se cadra porque tiven que pasar por experiencias pouco agradábeis nese lugar que me alteraron a percepción, quizais por preconceptos… o certo é que o Hospital Xeral de Lugo, alias “A Residencia”, é, para min, o máis semellante a un deses hospitais soviéticos das películas, nos que non che estrañaría nada que no cuarto do lado estiven utilizando unha serra de carpinteiro como material cirúrxico e un garabullo nos dentes coma único anestésico. É posíbel que non sexa cousa dos profesionais, nin do equipamento… ou si, vaia vostede saber… o certo é que a descrición que Miguel Olarte asina baixo o título de “El chico de la 208” é tan retranqueira coma realista e demoledora. Déixolles aquí un petisco:

(…) Las tripas del Xeral rugen como las mías, pero no de hambre, sino de olvido. Allí donde miras hay herrumbre, desconchados y abandono, como si se tratara de un enorme enfermo desahuciado que, consciente de su estado terminal, no aspira a más tratamiento que el paliativo, y éste apenas le alcanza para sustentar la dignidad mientras el cuerpo se va cayendo a trozos. Los marcos, las puertas, las paredes ya no se molestan en ocultar las heridas abiertas por el descuidado ir y venir de las pesadas camas; las sillas, parientes cercanas de la Vieja Sparky texana, sólo siguen siendo legales en este país porque carecen de toma de corriente; localizar un soporte móvil para el gotero que aún ruede en lugar de arrastrarse es un imposible.(…)

El Chico de la 208“, Miguel Olarte en El Progreso do 6 de abril do 2008

Unha empresa tri-reintegrata

Abril 3rd, 2008 Abril 3rd, 2008
Posted in Divagacións, País
6 Comments »

Non podo resistir a tentación de compartir con vostedes un encontro lingüístico na (polo menos) terceira fase que me inquieta dende hai vintecatro horas. Como observarán sobre estas liñas, o asunto inscríbese nun contexto no que un servidor, en galego ILG e de forma moi correcta, pon en coñecemento da empresa en cuestión que lle causa certo malestar que unha tarxeta duns poucos centímetros tarde máis dun mes en facer o percorrido Lugo – Santiago de Compostela… Como poden ver, a responsábel de atención ao cliente, devolucións, incidencias e mareos ao usuario, fai un exercicio lingüístico, cando menos, inquietante. Galego normativo? Reintegrado? Español reintegrado?

Nota: teñan en conta que a web en cuestión é trilingüe españolinglésportugués. Mi no entender…