Maio, 2008

Coma un buxo

Maio 28th, 2008 Maio 28th, 2008
Posted in Cousas da casa
6 Comments »

Logo de pasar polo taller e chegar á meta, hai que seguir pasando as correspondentes inspeccións técnicas. Logo de moder as unllas ata a metade dos dedos, podo dicir que a primeira xa vai alá, e pasada con nota. E estou de tan bo humor…

Queiran ou non… Eurovisión

Maio 25th, 2008 Maio 25th, 2008
Posted in Momentos freaks
1 Comment »

Visto o visto, tendo en conta que nunca tivemos a oportunidade de nos bater directamente en tan peculiar evento, e tendo como base todas esas cousas inmateriais que nos unen… hoxe, día de efeméride impronunciábel polas súas siglas, avogo polo seguinte: impulsarmos, dende xa, unha candidatura galaico-portuguesa para Eurovisión 2009. Eu xa teño candidato… imaxinades algún hit dos seus cos arranxos de quen, sen dúbida, tería o dereito moral de compartir escenario en tan magno evento? Temos todo un ano e unha Internet enteira para freakear (ollo ao palabro) sobre o tema. Conto coas vosas aportacións. A luva está lanzada.


“En mi calle no, que molestan”

Maio 23rd, 2008 Maio 23rd, 2008
Posted in Divagacións, País, Rachí
Comentarios desactivados en “En mi calle no, que molestan”

Como bo lugués emigrado, teño o costume/vicio de botarlle un ollo a El Progreso practicamente a diario. Ao facelo na súa web, leo o xornal cun día de atraso e hoxe atopei o titular que poden ler sobre estas liñas. Resulta que os veciños das rúas que colindan co Parque Rosalía de Castro, ou o que é o mesmo, co recinto feiral do San Froilán, están dispostos a chegar aos tribunais para que as barracas marchen para outro punto da cidade, lonxe do centro. Tradución: un grupo de xente de-Lugo-de-toda-la-vida está disposta a matar as festas da cidade porque non son quen de aturar algo menos de dez días de ruído nocturno e de non poder chegar co coche á porta da casa. Agardemos que o Concello de Lugo teña a valentía suficiente como facer ouvidos xordos á reivindicación en cuestión -xa ten feito o propio cou outras bastante máis xustas na mesma zona, por outra banda- e non lles dea máis valor por-ser-ellos-quien-son. Máis información no exemplar de El Progreso do 22 de maio.

Apuntamentos no Día das Letras

Maio 18th, 2008 Maio 18th, 2008
Posted in Divagacións, Momentos freaks, País
3 Comments »

Ademais de todo o de sempre, do poeta do Día, de na Galiza en galego e do moi honroso resultado da manifestación convocada pol’A Mesa, hai certas frases, diálogos ou situacións das últimas horas que merecen ser escritas por alguén, co obxectivo de que perduren alén da miña -hoxe- precaria memoria, por mor da escaseza de horas durmidas. A saber:

-Un libro de Marta nunha carpa instalada na Praza do Toural para vender libros galegos.

A toalha de mesa, por riba d’A Mesa.

Aquí estamos, ao pé do Callón.

-Un paraugas de PG, que non do PG, na man dunha conselleira (favorita) manifestante.

Que queiran, que non, Mourente a Eurovisión.

E, por último, o seguinte diálogo escoitado a pé de rúa

Señora 1 (saíndo do portal): Ola, (nome).

Señora 2 (pasando pola rúa): Que, como vai ese home?

Señora 1: igual, segue mal, segue mal.

Señora 2 (con ton case de reproche): ti tamén, que mala sorte tuveches (sic) na vida, cando non é o marido, é o xenro, é que tu tamén… (inaudíbel).

Foto: Vieiros

No 17-M

Maio 17th, 2008 Maio 17th, 2008
Posted in País
Comentarios desactivados en No 17-M

Para que o de hoxe sexa algo maís ca o Día dos Poetas Mortos.

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

Con dez canóns p2p, pirateando a toda vela

Maio 15th, 2008 Maio 15th, 2008
Posted in Divagacións
3 Comments »

Os defensores a ultranza da propiedade intelectual continúan lanzando enxeñosas propostas para rematar con esa pandilla de criminais que sodes, si, ti que estás lendo tamén, aqueles que abrides un programa de intercambio de arquivos para descargar música. Ademais de que, obviamente o neno Xesús xa non vos quere, segundo os Productores de Música de España (Promusicae) estades cometendo un delicto e o único que se vos ocurre pensar é isto: es ilegal, ¿y qué?. Así que, nun alarde de creatividade, propoñen que se lles “corte” a conexión a Internet a todos aqueles que cometan o crime coma o que vós cometedes, animaliños. Eu, dende esta humilde tribuna, e seguindo a filosofía dos defensores dos dereitos de autor, reclamo o seguinte para a miña persoa: que se me pague no que me queda de vida por cada noticia que escriba, mesmo cando alguén a lembre ou escoite as palabras do seu protagonista. E a quen non o faga, non se lle permitirá, por exemplo, que entren na súa casa as ondas hertzianas de radio e televisión, para que se fastidie.

Actualización vía Encompostela (que agora é Enmexico): visiten a EXGAE

Mouchos, curuxas, sapos e bruxas

Maio 10th, 2008 Maio 10th, 2008
Posted in País
3 Comments »

Pode haber moitas alternativas para tentar que os máis novos, no canto de marchar de botellón ou ir de bares as noites da fin de semana, teñan espazos de lecer alternativo (non serei eu quen faga aquí un alegato contra os bares, pero iso é outro conto). O Concello de Lugo promove, dende hai anos, un destes programas de actividades, denominado Elixe a túa noite, e no que se inclúen opcións diversas, dende baile ata informática, pasando por deportes ou cinema. Hai un tempo, dentro de Elixe a túa noite impartiuse un obradoiro para aprender a ligar… que os mozos a e as mozas adquiran habilidades sociais, etcétera. Ata aquí, todo en orde.

Se cadra, a Concellaría competente na materia recibiu queixas dos participantes no mencionado obradoiro de ligue… cabe a posibilidade de que non lles dese resultados e sigan ghanosos, que dirían pola banda do Morrazo. Así as cousas, e nunha arroutada de atención ao cidadán, dende o consistorio das Murallas decidiuse atallar o problema de raíz do xeito que se explica a continuación: contrátase á célebre vidente de TeleLugo, Carmen de Foz (autora de grandes momentos televisivos coma “-Tu marido padece del corazón -Mi marido está muerto“) para que imparta, nada máis e nada menos, que un cursiño baixo o título Interpretación de soños e filtros de amor. Que non te queren? Pois nada, unha pata de sapo por aquí, un ollo de lesma por alá, mexo de morcego por acolá… e toliño ou toliña polos teus osos. E todo isto, por xentileza das arcas dunha Administración pública. Cousas veredes.

No día do Patrón

Maio 3rd, 2008 Maio 3rd, 2008
Posted in Xornalistiña
2 Comments »

Hoxe, Día da Liberdade de Expresión, santo patrón dos xornalistas, non podo evitar lembrar as subvencións aos medios, a precariedade laboral materializada en soldos de miseria ou en contratos eventuais, as roldas de prensa sen preguntas, o control partidario dos medios públicos, a autocensura, a censura política, a censura económico-empresarial… e todas estas cousas coas que convivimos cada día os que nos dedicamos a este negocio. Non é necesario mirar a milleiros de quilómetros para reivindicar un xornalismo máis libre. Subscribo, de paso, o manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas, que di cousas tan atinadas coma estas:

A liberdade de expresión para un xornalista só pode ser entendida como unha sucesión de deberes: o deber de saber o que pasa, o deber de contalo e o deber de chamarlles ás cousas polo seu nome. Esta é a era das comunicacións porque a comunicación converteuse no principal elemento de control social no chamado mundo desenvolvido; é o gran somnífero das conciencias. Por tódolos medios posibles, transmítesenos información, desinformación, propaganda e publicidade; todo para conseguir o imposible de facer consumidores felices a exércitos de mileuristas hipotecados.

Expresémonos libre e honestamente, conscientes do diminuta que é a nosa forza, pero conscientes tamén de que, cando quedamos calados ou adormecidos, o que empurra en sentido conrario non descansa e, sen que nos decatemos, estanos facendo recuar no camiño da liberdade que dicimos defender.

Feliz día do Santo Patrón.