Xuño, 2008

O boneco deste verán!

Xuño 30th, 2008 Xuño 30th, 2008
Posted in Momentos freaks, País
6 Comments »

A idea naceu dunha conversa con algunha que outra mente perversa, baixo a inspiración dunha obra audiovisual que retrata estes tempos polos que transita o País. Quen asina tenta dar, vía Photoshop, a esa inquedanza… señora, velaquí o regalo deste verán, ideal para vicepresidir as viaxes dende un lugar privilexiado do seu utilitario (póñalle música, verá o que fai…).

A utilidade deste oficio

Xuño 26th, 2008 Xuño 26th, 2008
Posted in Medios, País, Xornalistiña
2 Comments »

Hai dous días, unha intervención parlamentaria do nacionalista Carlos Aymerich deu pé a que tres medios, as radios e un dixital, sacasen á luz a existencia dunha páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica na que,  baixo o nome Invest in Galicia, se instaba aos inversores estranxeiros a achegárense ao noso País e montar unha empresiña. Os argumentos? Tales coma que “la Comunidad Autónoma estrá entre las regiones con un menor coste laboral, aproximadamente el 86% de la media nacional”, que o noso entorno laboral presenta unha “escasa conflitividade” ou mesmo que a man de obra galega ten unha “excelente predisposición ao traballo“. O argumentario reforzábase con táboas e gráficos que deixaban claro que, por exemplo, unha hora de traballo galego podía chegar a custar seis euros menos cá dun vasco Síntese: ben preparados, baratos e parvos. Por se non fose suficientemente grave que o a Xunta nos vendese no mundo coma unha reserva de man de obra barata, isto adquiría especial gravidade se temos en conta que o PSdeG puña, hai catro anos (e con razón) a baixar dun burro ao entón responsábel da Consellaría de Economía, José Antonio Orza, por facer… o que? exactamente o mesmo, através de anuncios na prensa e televisión suecas.

Pois ben, hoxe, apenas cuarenta e oito horas despois, o Presidente da Xunta confirmaba que dera a orde de eliminar semellante insulto (a páxina principal xa non funciona, o resto, de momento si). Non concordaba, disque, coa liña política do Goberno e non era “obviamente”, en absoluto “brillante”. Uns prenderon a mecha, outros seguiron o rastro da pólvora e outros empregaron toda a súa (gran) capacidade de ser altofalante para demostrar que, unha vez máis, este oficio é, e debe ser, instrumento crítico e útil para a sociedade. Malia todo. Parabéns.

CaNON

Xuño 20th, 2008 Xuño 20th, 2008
Posted in Alén Piornedo, Divagacións
1 Comment »

Escoitamos falar del durante meses, pero en apenas dez días será xa unha realidade. As tarifas do tan traído e levado canon dixital xa foron publicadas no BOE e, en consecuencia, dende o 1 de xullo, mercar un mp3 custará 3’15 euros máis, teremos que pagar ata 15 euros a maiores ao adquirirmos unha impresora multifunción, ou desembolsaremos 12 euros sobre o prezo cando queiramos un disco duro externo.

Chega así aos nosos petos a guerra preventiva contra ese mal do século XXI e do que, non se equivoquen, non son culpábeis o Goberno nin as entidades recadadoras dos dereitos de autor, senón escuros personaxes que, envoltos en torres infindas de tostadoras de cd’s, fan botar fume os seus routers para matar a cultura. Neste escenario, resulta comprensíbel que vostede e mais eu teñamos que financiar cos nosos impostos a actividade privada de certos elementos, e que esa gravame pese sobre as copias, de por exemplo, as fotos das vacacións, os traballos da carreira, os arquivos de audio dunha reportaxe elaborada por min mesmo ou sobre o deseño que encabeza estas liñas, se me dá por gardalo nun pendrive. Disque Todoscontraelcanon vai promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra este trabuco -encántame o termo-. Haberá que ver a actitude de todos e cada un, se a cousa prospera. Especialmente dos que se sumaron ao movemento contra o canon dun xeito, como mínimo… sospeitosamente oportunista. Eu, de momento… voume cabrear un pouco e pegar isto na barra lateral do blog. Como din os vellos… se foran cavar…

Aínda por riba, “cachondeo”

Xuño 19th, 2008 Xuño 19th, 2008
Posted in Sen clasificar
4 Comments »

A publicidade ten unha intención básica de seu: vender as bondades dun produto dado ou  vender pesos a catro pesetas e cobralos a seis. Mesmo raiar a media verdade. Pero cando minte descaradamente e aínda se escacha das miserias alleas nos fuciños do afectado merece, como mínimo, un comentario. A cuestión é que veño de atopar nas páxinas de El Progreso o anuncio que podedes ver arriba (e aquí máis grande), no que, cun mapa de Galiza cruzado por dous trens como motivo fundamental, se asegura que coa Renfe “vas o vienes siempre que quieras“.

Se xa ten coña que a operadora dos ferrocarrís diga isto neste santo país, o asunto adquire tintes esperpénticos se o fai en Lugo e arredores… faltoulles aclarar “sempre que queira ir, sempre e cando non sexa máis de dúas veces ao día” ou “sempre que queira tardar dúas horas e media en percorrer un camiño que no coche non leva máis de cuarenta e cinco minutos”, ou mesmo “vas ou vés sempre que queiras en trens que nos anos 70 xa eran vellos“. Pero non se aflixa, benquerido lector: nunha data máis ou menos próxima, disque os nosos males van curar definitivamente: chegará a velocidade alta, que non alta velocidade, e os trens tradicionais ficarán no esquecemento. Seguirá sen existir vía entre, por exemplo, a capital e Lugo… agora ben, sempre nos quedará a esperanza de dicir que compensa máis ir ao Corte Inglés da Calle Preciados que ao da Coruña, minuto arriba, minuto abaixo.

Nota ao pé: tendo en conta o simboliño de abaixo á esquerda… quen subvenciona este tinglado?

Uns polos outros…

Xuño 17th, 2008 Xuño 17th, 2008
Posted in País
2 Comments »

Debateuse todo o debatíbel e máis alá sobre o tema. Creouse un relatorio parlamentario que fracasou primeiro e se encarrilou despois. Agora, semella ser cuestión de tempo. O caso é que todo parece indicar que, case catro anos despois, chegarán as eleccións autonómicas e o voto emigrante seguirá coma sempre estivo: contaminado, fraudulento, manipulado, mercado. E é que, aínda que se axusten os prazos ao máximo, non dará tempo a que o Congreso tramite a Proposición de Lei que, se cadra, podería saír do Parlamento de Galiza en apenas un mes co consenso dos tres grupos. Pero tanto ten.

Volverán votar os mortos, os vivos poderán votar dúas veces ou a súa vontade política cambiarase por unha paparota, por unha limosna… ou, simplemente, cambiarase. Quizais, despois da xornada electoral, hai quen se lamenta ou se felicita pola non-reforma… aínda que a mellor reforma, neste caso, para quen asina sería aquela que conducise ao conxunto baleiro, ao non voto, a rematar co sen sentido de que o venezolano, o marroquí ou o francés que vive en Galiza non poida decidir quen o vai gobernar, pero si o poida facer alguén que nunca pisou este país e que, probabelmente, só se lembra del cando o líder de turno vai prometer isto ou o outro.

E, como conclusión, unha nota ao pé:

Reforma da Lei Electoral que garantirá a paridade de xénero nas listas electorais, a mellor adecuación entre electores e deputados, así como as garantías de emisión de voto polos electores emigrantes.

Lembran? Forma parte dunha peza literaria, por fantasiosa, que, polo que parece, poucos lembran xa.

Crise

Xuño 11th, 2008 Xuño 11th, 2008
Posted in Cousas da casa, Divagacións, Momentos freaks
2 Comments »

Compartía uns grelos con chourizo, unhas croquetas, queixo de tetilla e unha ensalada con nome de blog nun clásico local de Compostela cando os meus compañeiros de mesa e mais eu comezamos a falar… da crise. En síntese: a folga do transporte, o mar e, en pouco tempo, os labregos, é só o comezo da crise do sistema, provocada polo espectacular encarecemento do petróleo. Un crack, a creba total do noso modo de vida, a fuxida das cidades e a volta ás pequenas comunidades baseadas na agricultura de subsistencia. Catastrofismo? Botáronnos algo na masa das croquetas? En todo caso… imaxínano? E, o máis importante… Murcia e La Rioja… existen?

Encontros na terceira lingua

Xuño 8th, 2008 Xuño 8th, 2008
Posted in Cousas da casa, País
6 Comments »

Camiñaba eu pola Rúa Ourense, en Lugo, tamén coñecida popularmente como Callorense, cando atopei un home que fedellaba nos baixos do seu coche. No interior do vehículo, unha muller remexía papeis, aparentemente dunha aseguradora. Ao chegar á súa altura, prodúcese o seguinte diálogo:

Home mecánico: Chaval, oístes, ¿cómo se llama esta calle?

Eu: Rúa Ourense.

Home mecánico: (á muller) apunta ahí, calle Rúaourense.

Sigo camiñando, máis convencido, se cabe, de que o castrapo ou bilingüeharmónico é un ente con vida de seu. E o día que se enfade, vainos comer a todos, avisado quedas.

Era cuestión de tempo

Xuño 5th, 2008 Xuño 5th, 2008
Posted in País
2 Comments »

Agora si. No seu momento xa glosamos neste mesmo espazo as bondades dun posíbel satélite galego. Ao final non será Xabarín, senón Dieste, e nacerá ao abeiro da Universidade de Vigo e mais da Axencia Espacial Europea co patrocinio de Retegal. Tamén será bastante máis pequeniño do que daquela maxinaban os señores da Fundación. En todo caso, que a pandeirada sideral sexa para ben, que isto parece que ten algo máis de xeito que aquilo.

Actualización: finalmente será XatCobeo! Sempre se pode ir un pouco máis alá…