Outubro, 2008

Cidadán AP-9

Outubro 25th, 2008 Outubro 25th, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
6 Comments »

Os días comezan pola mañá cedo. Con puntualidade case británica, chego cada día ao atasco matutino, primeiro na entrada da cidade e despois na entrada ao polígono. Hai que ir tan devagar que mesmo son quen de utilizar o volante coma batería improvisada, podo memorizar cuñas radiofónicas absolutamente terríbeis e re-atoparme coas gracietas sobre “o único” na radio. Semella que hai moitos condutores da Coruña e arredores que non aturan que alguén leve boa cara a esas horas, porque me miran mal cando se decatan que, ás veces, monto unha pequena orquestra no coche no “engarrafamento de tránsito” ou cando lle dou voltas ao polígono buscando un sitio para aparcar (hai quen toma a xustiza pola man e se bota ao monte co vehículo…;) ).

E dirán: a que vén este relato de costumes? Pois a que xa había días que tiña a barra desatendida e tamén me apetecía compartir con vostede, señora, cabaleiro, que pasa por aquí, o ledo que ando. Malia ás horas de atasco e de teléfono falando con persoeiros. A criatura Xornalística segue medrando a bo ritmo…

Manteros

Outubro 11th, 2008 Outubro 11th, 2008
Posted in Divagacións, País
Comentarios desactivados

Manteiros

As dúas primeiras semanas de outubro son as festas de Lugo. Do 4 ao 12, as rúas do centro da cidade alteran o seu ritmo de vida normal e énchense de barracas, churrarías, tómbolas e, dende hai uns anos, tamén de homes e mulleres de pel morena que tentan quitar uns poucos cartos vendendo cedés piratas, bolsos de Armoni ou Chinnel e suadoiros de Adudas ou Abibas. Son rapaces moi novos, que roldan os vinte anos e non dubidan en viaxar moitos quilómetros, fuxindo da fame, para chegar a este punto do mapa e rabuñar uns euros que, con sorte, lles darán para pagar os bocadillos que coman mentres estean na cidade e mais o billete de autobús para marchar a outra feira.

Todo isto acontece nunhas festas que hai xa tempo que abandonaron o seu carácter de romaría para pasaren a ser a grande e masiva celebración do outono galego, algo que, seguramente con bo criterio, levou a que as autoridades observasen a necesidade dun dispositivo policial acorde coa masa de propios e foráneos que poboan as rúas luguesas durante estes días. Así, as patrullas da mermada policía local refórzanse estes días con eses funcionarios policiais que levan un leonciño no ombro e que teñen a principal función de disuadir o criminal e transmitir sensación de seguridade.

Nestas condicións, quen manda nos policías do leonciño deciden que, para reforzar esa sensación de seguridade, pode ser unha grande idea repetir o espectáculo que xa se estreara hai uns anos na Rúa Real da Coruña, e desenvolver unha redada contra a pirataría. Non contra os que traen aos rapaces dos que antes falabamos e lles chuchan ata o sangue. Non contra os que importan as falsificacións, Tampouco contra quen as almacenan. Só porra contra manta de cedés, paseantes lucenses de-toda-la-vida que, por primeira vez, se decatan que o lado da sensatez, polo menos neste caso, non é o do uniforme, e non dubidan en protexer ao mantero da desmesura policial. De postre, temos un xornalista retido nun furgón das Fuerzas y Cuerpos. O entremés celebrouse a poucos metros do lugar en que, ao comezo das festas, dúas churrarías arderon ao carón de dous centros educativos. Sensación de seguridade.

Foto: Xesús Ponte, en El Progreso do 9 de outubro.

O debate do estado da cuestión

Outubro 10th, 2008 Outubro 10th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
1 Comment »

Debate

Por primeira vez en tres anos vivín un acontecemento político neste santo país dende a distancia do ouvinte, o lector ou o espectador. O Debate, de estado da autonomía, de política xeral, de estado da nación… chegou á miña casa como á de todo o mundo, pola radio, pola tele, por Internet e, ao día seguinte, polo xornal. A primeira xornada, mentres o presidente desgranaba durante dúas horas infraestruturas, dous mil doces e subvencións ás empresas que contraten indefinidamente a persoas que leven máis doce meses no paro, eu aproveitei para facer a cama, pór un pouco de orde no meu cuarto e ir ao súper. Pola tarde, merquei unha camisa con Anxo Quintana lembrándolles ás bancadas populares que xa abonda de dicir que o castelán está en perigo de morte, e elixín unha chaqueta negra en Zara mentras Alberto Núñez Feijoo subía á tribuna cunha caste de discurso de investidura adiantado.

Soubemos con este debate que os socios do bipartito veñen de escenificar a unidade do Goberno. Por primeira vez no que vai de lexislatura -deixando de lado aqueles días do verán de 2005-, dende as bancadas nacionalistas se aplaudiu en masa o discurso de Emilio Pérez Touriño e, dende as do PSdeG, fíxose o propio coa intervención de Anxo Quintana. Non podo evitar preguntarme que nos trouxo de bo, ou de novo, o acontecemento, aparte de todo o ritual que supón, dunha lembranza máis de que as eleccións están aí, á volta, e do momento histórico da semana, co Partido Popular aprobando (sí-pero-no) unha proposta de resolución que condea a ditadura de Franco. Non os botan de menos, parlamentariamente falando, aínda que só sexa un chisquiño?

Nota ao pé: todo o que na entrada anterior diciamos con toda caste de cautelas, agora podemos dicir que xa é seguro. E aviso: estase a cocer algo moi grande… xa me verán a cara de ilusión.

Case seguro…

Outubro 3rd, 2008 Outubro 3rd, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
3 Comments »

X

Con todas as cautelas que estes asuntos merecen e, a falta de explicacións de condicións, sinaturas e demais. Isto é: collido con alfinetes, polo menos de momento, penso que podemos asegurar que O’Xirarei xa non busca traballo. Coido que xa volo dixen á maioría, pero que conste en acta: grazas. Polas chamadas, por preocuparvos, por poñervos no meu lugar e por tentar, cada un na medida das súas posibilidades, unha manciña nese momento que resulta calquera cousa menos doado. Contareivos máis cando lle poidamos quitar as cautelas ao asunto.

Nota  mental 1: traeríame boa sorte? E é que o escenario para recibir a boa nova non puido ser mellor…

Nota mental 2: moitos, moitos parabéns. As penas con pan son menos, e as alegrías con compaña son máis.

Nota gráfica: o X do de aí arriba inventeino eu.

O’Xirarei busca traballo

Outubro 1st, 2008 Outubro 1st, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
1 Comment »

Busco traballo