Abril, 2009

Javier Ortiz, xornalista

Abril 29th, 2009 Abril 29th, 2009
Posted in Medios, Xornalistiña
1 Comment »

Hai dous anos, na anterior vida deste mesmo blog, comentaba o moito que me prestaba ler as columnas de Javier Ortiz, por entón contrapunto do marasmo de opinadores de El Mundo, meses antes de trasladar as súas lúcidas columnas a Público, ademais de aos seus Apuntes del Natural.

Onte, no mesmo Público, descubrín o obituario de Javier Ortiz, escrito por Javier Ortiz. Vasco con antepasasados de todos os sitios, este xornalista tivo o peito, a retranca e, de novo, a lucidez, de escribir a crónica da súa propia morte, sen dramatismo e concluíndo que, á fin, a súa repentina desaparicion do mapa deriva en “otro puesto de trabajo disponible”. “Algo es algo”, reflexionaba a continuación. Sinxelamente, grandioso.

Agora, que Ortiz non poderá escribir máis, volvo -tomando prestado o seu titular- recomendar a re-lectura dos seus escritos, e reafírmome na opinión de querer parecerme -na escrita, o de morrer novo xa decidín hai un tempo que, a ser posíbel, mellor nonun pouquiño ao vasco barbudo ao que tiven a oportunidade de coñecer na miña época universitaria, nunha aula de Xornalismo Especializado. Os comunistas coma el van ao ceo?

25-A

Abril 25th, 2009 Abril 25th, 2009
Posted in Alén Piornedo
Comentarios desactivados en 25-A

25-A

Sempre! Quen asina engadiu, en máis dunha ocasión, esta exclamación ao “día de la fecha” de hoxe, cando se cumpren trinta e cinco anos da Revolução dos Cravos, o movemento militar que, impulsado pola MFA e apoiado por boa parte da poboación portuguesa, conseguiu levar a bo porto o que deste lado da raia non se quixo, non se soubo ou non se puido facer. E todo, ao son de Grândola, vila morena.

Aínda a risco de caer na nostalxia e na morriña daqueles que berran “viva antes!”, hoxe non está de máis escribir a pé de páxina, polo fondo, pero sobre todo polo espírito, aquelo que Luís Pastor resumiu cun sorriso cantando “por otro florido abril y otras Cantigas de Maio“.

Paga a pena contalo, creo

Abril 22nd, 2009 Abril 22nd, 2009
Posted in Cousas da casa
Comentarios desactivados en Paga a pena contalo, creo

Levaba tempo querendo facelo e este é un día tan bo coma outro calquera. Despois de darlle varias voltas á idea de reabrir este espazo, decidín que o día en que sumo un ano máis á conta pode ser un bo momento para abrir fiestras, ventilar e reiniciar.

Ademais dos cambios estéticos, a idea é darlle outro aire a este blog, aínda non sei moi ben cal, pero outro. Igual que os cans se parecen aos donos, estes bechos virtuais disque se parecen a quen os perpetra. Neste caso, ao perpetrador que asina cambiáronlle moitas cousas. As ondas polo papel impreso, o peso relativo das cousas despois dun tránsito por causas de forza maior, o cuartel xeral dende o que escribo estas liñas e mesmo cuestións de portas adentro que, probablemente, non vén ao caso mencionar. Ao país, tamén lle cambiaron as cousas.

Nos próximos días iredes observando algún que outro engadido tecnolóxico e tamén coordenación deste blog con ese artiluxio chamado a comernos a todos, como é o Facebook.

O conto é que tanto cambio había que reflectilo nalgún sitio e, despois de matinar, pensei que pagaba a pena seguir contándoo. Benvidos, benvidas.