Paga a pena contalo, creo
Abril 22nd, 2009 Abril 22nd, 2009 Posted in Cousas da casaNo Comments »

Levaba tempo querendo facelo e este é un día tan bo coma outro calquera. Despois de darlle varias voltas á idea de reabrir este espazo, decidín que o día en que sumo un ano máis á conta pode ser un bo momento para abrir fiestras, ventilar e reiniciar.
Ademais dos cambios estéticos, a idea é darlle outro aire a este blog, aínda non sei moi ben cal, pero outro. Igual que os cans se parecen aos donos, estes bechos virtuais disque se parecen a quen os perpetra. Neste caso, ao perpetrador que asina cambiáronlle moitas cousas. As ondas polo papel impreso, o peso relativo das cousas despois dun tránsito por causas de forza maior, o cuartel xeral dende o que escribo estas liñas e mesmo cuestións de portas adentro que, probablemente, non vén ao caso mencionar. Ao país, tamén lle cambiaron as cousas.
Nos próximos días iredes observando algún que outro engadido tecnolóxico e tamén coordenación deste blog con ese artiluxio chamado a comernos a todos, como é o Facebook.
O conto é que tanto cambio había que reflectilo nalgún sitio e, despois de matinar, pensei que pagaba a pena seguir contándoo. Benvidos, benvidas.








