Convalecencia, capítulo 4: o que traen os Reis
Xaneiro 6, 2008 ás 6:48 pm | En Cousas da casa | 12 Comentarios
Cando era pequeno, o día de Reis era un dos máis importantes do ano, supoño que moi semellante aos de moitos dos que ledes isto. Eran nervios pola noite, madrugón e abrir paquetes, primeiro na miña casa, logo na dos meus avós e logo na dos meus tíos. Ilusión a cascoporro, vaia. Dende hai uns anos, o día de Reis xa non provoca esas cóxegas na barriga -como moito, outro tipo de sensacións estomacais provocadas polos excesos do día anterior-. Así as cousas, podo afirmar que o día de Reis do 2008 é o máis peculiar da miña vida: é o primeiro no que teño cousas metálicas chantadas no corpo... o primeiro no que o doping non ten nada que ver coa resaca... e o primeiro no que o mellor agasallo que me poden facer non ten envoltorio posíbel.
Aparte da disgresión inicial... o día comezou contra as 12 da mañá, coa miña nai traéndome os Reis á cama (a miña velocidade aínda non está para competir, e menos recén esperto), roupiña xeitosa, sobre todo. Logo... a inxesta rutineira de analxésicos -máis espaciados, por certo, estou feito un campión- e a resistencia xa non contra os ataques de tos, senón contra o crecemento dos pelos que unha enfermeira asasina depilou a macheta sen encomendarse nin a Dios nin ao demo... por dicilo finamente, se me ven camiñar, só me falta o cabalo.
Pero sen dúbida avanzamos, para mostra: neste preciso instante, é a primeira vez que estou só na casa dende hai cinco días! As obrigas laborais fan que a marcaxe familiar se teña que reducir e que, tiróns de grapas aparte, a idea de normalidade estea un pouquiño máis preto. Seguiremos informando e, unha vez máis, grazas polas visitas, sms, chamadas e demais.
chuzame -
Convalecencia, capítulo 3: os meus amigos e mais eu
Xaneiro 5, 2008 ás 7:11 pm | En Cousas da casa | 9 ComentariosEmitimos en directo dende o día 3 de convalecencia, ou dende o día 4 despois de soltar lastre indesexábel. E falo en plural porque, nesta altura, penso que non escribo xa só no meu nome, senón tamén no dos meus compañeiros de fatigas que, a esta hora, son xa case amigos. A saber: Enantyum e Nolotil, tomados alternativamente cada 4 ou 6 horas para evitar que suba polas paredes. No grupo tamén está Strepsils, moi útil contra os tiróns dos remaches que onte lles comentaba. Por último, citarei a Benq Joybook, o aparello dende que lles escribo e que, se xa habitualmente é un apéndice das miñas mans, a tal hora conforma case unha unidade coa miña persoa.
Polo demais, teño que recoñecer que a cousa avanza, dentro dos cauces normais, mesmo ben. Os tiróns e dores redúcense e os meus -lentos- movementos vanse facendo menos dificultosos. Polo demais, ando inmerso noutra tarefa: convencer a certos entes familiares de que enfermo non é igual a inútil ou persoa digna de compaixón e merecedora de férrea marcaxe no que a horas de sono, alimentación e hábitos vitais en xeral se refire (algo que, por outra banda, adquire unha dimensión máis surrealista se se fai por vía telefónica). E é que, nestes casos, sempre hai alguén que sabe máis ca o enfermo e mesmo ca o médico. Pero non todo é negativo en canto a contacto cos humanos, non pensen. Que hai quen me trata a corpo de rei e eu non me queixo, aínda que sempre quede ese regusto amargo de andar dicindo "tráeme, cólleme, achégame". Por último: grazas polas chamadas e as visitas. Deica o vindeiro parte.
chuzame -
Convalecencia, capítulo 2: cando a casa é un mundo
Xaneiro 4, 2008 ás 5:10 pm | En Cousas da casa | 13 Comentarios
Hai algo máis de vintecatro horas que deixei o taller de chapa e pintura para chegar ao que, nos vindeiros días, será o meu único espazo vital, isto é, a miña casa. O certo é que o balance das últimas horas non é para queixarse: despois dunha noite con grandes logros coma cambiar de posición ou durmir de lado, cunha axudiña cheguei ao salón dende o que lles falo. Dende este sillón, auténtico centro de operacións, ando a resistir as embestidas dunha leve tos que provoca que os meus remaches tiren cada un para o seu lado, provocando unha dor semellante ao de 32 agullas clavándose onde máis lle doa a cadaquén.
Polo demais, o menú de hoxe incluiu ese grande éxito: "as curas", que puiden substanciar eu soíño, igual que a correspondente ducha e parte das tarefas culinarias (un ataque de tos impediume agardar a que os macarróns rematasen de ferver). Visitas que se agradecen, contar a mesma película diversas veces por teléfono e sentir que, por veces, un volve ter catro ou cinco aniños -faime isto, faime o outro, cólleme aquí, axúdame alá- , veñen sendo outras das notas dominantes a salientar nesta República Independente. Vémonos no próximo parte.
chuzame -
Convalecencia, capítulo 1: a grapadora
Xaneiro 3, 2008 ás 6:52 pm | En Cousas da casa | 9 Comentarios


Dezaseis grapas. A miña conexión entre a perna dereita e o resto do corpo está, dende onte á mañá, perfectamente tuneada con dezaseis apliques metálicos. Foi apenas unha hora na que, un equipo de xente entre o que se contaban ata dous lugueses, fedellaron en min para quitarme todo o que me sobraba. Unha vez soltado o lastre (que, en principio, parece que non escapou máis alá do sitio no que estaba), quen lles fala pasou por unha cama desas que suben e baixan cun mando e tentou -sen éxito- dar a volta para durmir. Agora escribo dende a casiña compostelá... durante os vindeiros días, a familia máis cercana irá metabolizando o susto que lles dei e desexará, coma min, que os resultados cheguen en tempo e forma e sexa para ben. Ademais... percorrerei distancias abismais coma o traxecto cociña-cuarto-baño-salón a un ritmo propio dos nosos maiores. De momento, un adianto... 100% de posibilidades de éxito no asunto, que non é pouco. Seguirei informando.
chuzame -
Feliz 2008
Decembro 30, 2007 ás 6:34 pm | En Cousas da casa | 1 ComentarioActualización: ademais dos bos desexos expresados máis arriba, o derradeiro día do 2007 déixame un capítulo máis na miña relación con esa caixa de sorpresas que é o Servizo Galego de Saúde. Como xa lles comentei, o meu paso por chapa e pintura adiouse unhas horas antes de celebrarse... pois ben, esta mañá, non con nocturnidade pero si con aleivosía, recibín unha nova chamada que cursou, aproximadamente así:
-Le llamamos del Hospital Clínico, ingresa mañana de cuatro a siete
-Pero non quedara para a segunda semana de xaneiro?
-[Reprodución libre do falado]: Quedar, quedara... pero tamén pode rexeitar a cita e agardar a que San Froilán baixe o dedo para que o volvamos chamar. Por min como se está traballando ou de vacacións no Congo Belga.
-A seguir ben e feliz ano, simpática.
Pois iso, que as reparacións produciranse -sempre e cando non haxa alteracións de axenda nas próximas 24 horas- pasado mañá, dous de xaneiro. Hoxe escoitaba na radio que os veciños do sur acostuman guindar pola fiestra todo o malo que lles sobra no comezo do ano, como símbolo de pureza e renovación. Eu fareino, pero ao besta e por vía cirúrxica. Mantereinos informados (se non hai cambios)...
chuzame -
O Sergas é como unha caixa de bombóns…
Decembro 26, 2007 ás 3:57 pm | En Cousas da casa | 3 ComentariosO Servizo Galego de Saúde, alias Sergas, é unha caixa de sorpresas. Lembrará o avispado lector que unhas liñas máis abaixo comentaba que esta semana, concretamente hoxe, ía ter que pasar polo taller para que mañá me fixesen uns amaños. Pois ben. Esta mañá, contra as 10, recibo unha chamada do taller en cuestión, e un señor moi correcto explicoume que "ese quirófano [esa operación, para os non iniciados] se ha aplazado hasta la semana del 7 de enero". Faltoulle dicir "si tal lo operamos, si tal no". Puideron agardar a terme anestesiado para dicirmo. En fin, non hai mal que por ben non veña, seguireilles contando. Que a sorte me acompañe.
chuzame -
Reformas no (propietario do) local
Decembro 19, 2007 ás 4:30 pm | En Cousas da casa | 9 Comentarios
Como observarían, levo uns días sen pasar demasiado por aquí, e é que ando cos miolos ocupados noutros asuntos. O caso é que a semana que vén -o mesmo día do partido da Selección, para máis datos-, quen lles fala ten que pasar polo taller para que lle fagan un amaño, así que non estarei moi operativo. Nuns días prometo estar de volta para contarlles a experiencia e retomar, máis cedo que tarde, a actividade, tuneado e máis lixeiro de equipaxe innecesario e perxudicial. Saúde! (que é o máis importante).
chuzame -
142′50€
Novembro 19, 2007 ás 11:35 pm | En Cousas da casa, Divagacións | Sen comentarios
Acabamos de sufrir un atraco de luva blanca, así, sen anestesia nin nada. Pase o que pase, señora, dígollo eu: en ningún caso faga caso do cartón que deixan no buzón e que pon "teléfonos de interese". Ou polo menos nunca chame a Tecnofogar.
-Darlle para arriba ao limitador despois de esperar polo electricista dúas horas e pico: 142'50€ (e non che cobro a nocturnidá)
chuzame -
A fesssta da democracia
Maio 26, 2007 ás 11:29 pm | En Cousas da casa, Divagacións, Xornalistiña | 9 ComentariosMañá vai ser un día especial. Por unha banda, porque xa votei, por outra, porque o vou contar... así que verei todo dende máis preto ca nunca e á vez cunha certa distancia... como quen ve unha película. Non farei unha análise previa á xornada na que se celebra a gran fesssta da democraciaaa... aínda que, obviamente, teño os meus pronósticos, as miñas preferencias e os meus desexos. Pero en fin, é o que lle ten o "pobo soberano", que soberanea ao seu libre albedrío -ou non-, que non ten que coincidir exactamente co de un. O malo é cando un pregunta aquilo de "non sei se [eu] son dos nosos"... Pero iso xa é outro cantar -e seguro que hai máis xente que o pensa-.
En fin... moitas horas de traballo por diante, de estrés e satisfacción. E todo isto no día no que fun consciente de que onte asinei o inicio dunha aventura cun quinteto de feito... imos ser a familia máis moderna do pueblo.
chuzame -
Un moi bo día
Maio 20, 2007 ás 6:04 pm | En Cousas da casa, Divagacións, Xornalistiña | 19 ComentariosMáis dunha vez teño comezado algunha entrada nesta casa con algo así como "hai días nos que semella que todo sae mal..." "hai días nos que é mellor non erguerse da cama...", etc. Pois hoxe quero compartir con vostede, señora, un día que foi todo o contrario. E é que nas últimas horas, concretamente ao longo da xornada do sábado 19, quen lle fala solucionou, vía paterna, as súas tribulacións automobilísticas -provocadas por un elemento con poucos miolos e moitos cabalos que, pensando que é un xoguete, xoga co seu cochiño (de coche, non de cocho) ata que atopa a alguén de frente.
Logo desa sorpresa ao máis puro estilo película-de-antena-3-de-despois-de-comer (faltaba o laciño no capó), un empregou a tarde en rememorar os últimos catro anos na Factoría. Rimos, lembramos, aplaudimos (moito), sentímonos todos un pouco disfrazados e digamos que quedamos con bo regusto, bo sabor de boca, vaia. Penso que todos tivemos un pouquiño a sensación de que algo remata, aínda que algúns xa levemos con ela un tempiño por outras circunstancias. Algo remata, iso seguro, pero non remata todo, iso nunca.
chuzame -
Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios.
Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^


















