25 de abril, Día da Liberdade
Abril 25, 2008 ás 2:19 pm | En Alén Piornedo, Divagacións | Sen comentariosHai 34 anos, os militares puxeron fin á ditadura que afogaba Portugal. Esta semana, ao escoitar en Compostela a Otelo Saraiva de Carvalho, fun consciente da importancia daqueles acontecementos e, quizais, da mágoa de que durante a ditadura franquista non houbese suficientes oficiais con valor como para artellar algo semellante e, aventuras como a UMD quedaran só niso. O ideal e o desexábel é que ao ditador o derrumbe o pobo, mais se hai axuda dos fusís, sempre é máis doado. Iso si, sempre cun cravo dentro de cada canón.
Actualización: non vai ser todo Revolução... hai algo máis que nos une aos vizinhos do sul. Pimba!--> .
chuzame -
De como un moribundo non pode curar un enfermo
Abril 7, 2008 ás 2:17 pm | En Divagacións, Medios, País | 3 Comentarios
Nunha incursión por terras luguesas -ultimamente abundan por motivos diversos (léanse entradas anteriores...)- estaba facendo algo tan propio do lugar coma ler El Progreso nun bar cando atopei un artigo, metade literatura, metade opinión, que reflicte en gran medida o meu parecer sobre o complexo sanitario que poden ver sobre estas liñas (daba saída así, de paso, ao meu afán dos últimos tempos de ler todo texto que leve palabras coma "Sergas" ou "hospital"). Se cadra porque tiven que pasar por experiencias pouco agradábeis nese lugar que me alteraron a percepción, quizais por preconceptos... o certo é que o Hospital Xeral de Lugo, alias "A Residencia", é, para min, o máis semellante a un deses hospitais soviéticos das películas, nos que non che estrañaría nada que no cuarto do lado estiven utilizando unha serra de carpinteiro como material cirúrxico e un garabullo nos dentes coma único anestésico. É posíbel que non sexa cousa dos profesionais, nin do equipamento... ou si, vaia vostede saber... o certo é que a descrición que Miguel Olarte asina baixo o título de "El chico de la 208" é tan retranqueira coma realista e demoledora. Déixolles aquí un petisco:
(...) Las tripas del Xeral rugen como las mías, pero no de hambre, sino de olvido. Allí donde miras hay herrumbre, desconchados y abandono, como si se tratara de un enorme enfermo desahuciado que, consciente de su estado terminal, no aspira a más tratamiento que el paliativo, y éste apenas le alcanza para sustentar la dignidad mientras el cuerpo se va cayendo a trozos. Los marcos, las puertas, las paredes ya no se molestan en ocultar las heridas abiertas por el descuidado ir y venir de las pesadas camas; las sillas, parientes cercanas de la Vieja Sparky texana, sólo siguen siendo legales en este país porque carecen de toma de corriente; localizar un soporte móvil para el gotero que aún ruede en lugar de arrastrarse es un imposible.(...)
"El Chico de la 208", Miguel Olarte en El Progreso do 6 de abril do 2008
chuzame -
Unha empresa tri-reintegrata
Abril 3, 2008 ás 8:37 pm | En Divagacións, País | 6 ComentariosNon podo resistir a tentación de compartir con vostedes un encontro lingüístico na (polo menos) terceira fase que me inquieta dende hai vintecatro horas. Como observarán sobre estas liñas, o asunto inscríbese nun contexto no que un servidor, en galego ILG e de forma moi correcta, pon en coñecemento da empresa en cuestión que lle causa certo malestar que unha tarxeta duns poucos centímetros tarde máis dun mes en facer o percorrido Lugo - Santiago de Compostela... Como poden ver, a responsábel de atención ao cliente, devolucións, incidencias e mareos ao usuario, fai un exercicio lingüístico, cando menos, inquietante. Galego normativo? Reintegrado? Español reintegrado?
Nota: teñan en conta que a web en cuestión é trilingüe español-inglés-portugués. Mi no entender...
chuzame -
Na noite máis triste
Marzo 28, 2008 ás 4:26 am | En Cousas da casa, Divagacións | 3 Comentarios
Era noite pecha cando as nubes comezaron a chorar. E as rúas están inmensamente molladas, máis que nunca na vida.
chuzame -
O meme dos agasallos
Marzo 24, 2008 ás 4:15 pm | En Blogaliza, Divagacións, Momentos freaks | 3 Comentarios
Recollo a luva guindada por O demo e dispóñome a cumprir co meme (permítanme a cursiva dada a entidade bizarra do palabro) dos agasallos. Logo de facer memoria -son de bastante bo conformar no que a obsequios se refire-, coido que estes son os que non deben faltar na listaxe. Os agasallos máis terríbeis da miña vida son, que eu lembre, os seguintes:
-
Equipación completa do Real Madrid, anos 80 style: sen dúbida, merece encabezar a clasificación. Os 80 foron, como todos sabemos, uns anos moi duros no que a estética se refire, e isto notábase mesmo na roupa deportiva. Se ao look oitentero lle engadimos que a equipación en cuestión era, nin máis nin menos, ca do Real Madrid (la Quinta del Buitre, para máis detalles) xa temos o lote completo. Regalo terríbel, ou a tentativa desesperada dun pai de mudar os criterios futboleiros dun tenro infante, aproveitando como pretexto o seu aniversario -creo-.
-
Xogos de mesa diversos: Pola súa crueldade. Pepe Brazolargo, Tozudo, Adivina quién es (que era o Quién es quién de toda a vida, pero del palo), La sopa loca, Alfred J. Cuack (o xogo)... son só algúns exemplos da perversión feita agasallo. Que sentido gastar cartos nun xogo de mesa, se o seu destinatario é un fillo único? Ningún! Os culpábeis neste caso son diversos, na súa maioría parentes de todo grao e condición.
E non se me vén á cabeza ningún máis... se cadra porque os que me regalan me coñecen ben, ou porque eu son de bo dente, ou polas dúas cousas. Dito isto, correspóndeme a min guindar a luva. E vaille a Abril e Revolução, coma representante da Galiza costeira, Dor na Retina, representando á emigración próxima, En Compostela, coma residente case-ausente e Zero Vacas, que non vai ser todo endogamia.
chuzame -
Que vote, que vote
Febreiro 28, 2008 ás 8:33 pm | En Cousas da casa, Divagacións, País | 9 ComentariosLogo do g-debate de onte, despois de saber que o rigor non se merca en mercerías, que se a nena de Rajoy vivise en Galiza tería asistencia bucodental de balde, que temos que ter máis peso en Madrid ou que o Plan Galicia vai resucitar de entre os mortos... tocou votar. Se aceptamos como válido que o día das eleccións é a festa da democracia, poderiamos afirmar que, o voto por correo é a mesma festa, pero máis cutre... algo así coma se o 9 de marzo tocase a París de Noia e na oficina de Correos, como moito houbese un paisano cun organillo. Pero en fin, dado que a semana que vén vou estar secuestrado e a xornada en cuestión estarei recuperándome do secuestro... votado queda.
Nota mental: observen na imaxe cantas opcións hai na provincia de Lugo se se lle quere votar a un partido facha/freak, para que vexan.
chuzame -
142′50€
Novembro 19, 2007 ás 11:35 pm | En Cousas da casa, Divagacións | Sen comentarios
Acabamos de sufrir un atraco de luva blanca, así, sen anestesia nin nada. Pase o que pase, señora, dígollo eu: en ningún caso faga caso do cartón que deixan no buzón e que pon "teléfonos de interese". Ou polo menos nunca chame a Tecnofogar.
-Darlle para arriba ao limitador despois de esperar polo electricista dúas horas e pico: 142'50€ (e non che cobro a nocturnidá)
chuzame -
Que chova!
Novembro 19, 2007 ás 4:38 pm | En Divagacións | 1 Comentario
Onte comezou a chover, hoxe leva todo o día chovendo e disque a cousa seguirá así, polo menos, toda a semana. E que ben chove. E que falta fai...
Foto: Fernando Blanco
chuzame -
Salto mortal (sen rede)
Setembro 30, 2007 ás 7:53 pm | En Divagacións, Xornalistiña | 26 Comentarios
O pasado venres celebrouse, co seu tradicional (e rancio) ritual, o acto oficial de apertura do curso universitario, coa lección inaugural, promesas de maior inversión por parte do Presidente da Xunta, etc. Mañá, 1 de outubro, comezan as clases. E, por primeira vez nos últimos dezaoito anos da miña vida, decatareime de que non teño que empezar o curso. E, tamén por primeira vez nos últimos catro anos, terei que caer na conta de que todo o que leva o apelativo "de estudantes" (piso, cea, festa, desconto e, en definitiva, cousas) xa non me toca.
Así, mañá cando vaia facer os papeleos que me permitan, por unha banda, acreditar que xa podo recibir o papeliño definitivo e pasar a formar parte dunha cadea de produción e, por outra, seguir ligado á Institución -aínda non sei moi ben por que, isto último- terei que facer de tripas corazón ao pasar polos dous centros neurálxicos da miña historia recente. Decatareime de que xa non. Decatareime de que, aínda que no día a día os cambios xa comezasen hai tempo, agora é o momento do salto mortal, do mundo real. Sexa o que sexa, rematou e fíxoo para sempre. Que nos quiten o bailado e, como dixo o outro... peor sería non cumprir os anos, non?
chuzame -
76 licenzas, 50 traballadores
Setembro 17, 2007 ás 6:05 pm | En Alén Piornedo, Divagacións, Xornalistiña | 1 Comentario
Leo en PR Noticias un resumo da actividade de Kiss FM e o seu propietario, Blas Herrero. Como ben din os manuais da factoría, o titular debe enganchar (e seguro que doce ou setenta características ordeadas en puntos que non lembro) e este consígueo, ademais de afectar e provocar a reflexión, agárrese: 76 licenzas (unha delas en Vigo) e 50 traballadores. En síntese, falamos dunha radio que pasa de largo sobre requisitos básicos na concesión de licenzas, como a creación dun determinado número de postos de traballo, posuír estudos ou fomentar os valores locais... algo bastante difícil se temos en conta que a empresa en cuestión emite integramente dende Madrid, cidade na que se atopa a súa enorme plantilla de traballadores. Malia este tipo de irregularidades, a Kiss FM segue emitindo la mejor música (sic) e o seu propietario continúa obtendo licenzas.
Pero, saben o peor de todo? Que poría a man no lume ao afirmar que boa parte dos empresarios do negocio, tamén en la tierriña, miran a Kiss FM con envexa e coa vontade de seguir os seus pasos... que é o que importa? que pola radio, tv ou xornal saia algo, xa sexan noticias, cancións, videos ou fotos... que apañe subvencións, poida coller ben publicidade... en suma, que dea cartos. E se un xornalista operario pode escribir, locutar, cantar e bailar, para que contratar cinco ou seis?
chuzame -
Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios.
Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^
















