'Divagacións' Category

O meme dos agasallos

Marzo 24th, 2008 Marzo 24th, 2008
Posted in Blogaliza, Divagacións, Momentos freaks
4 Comments »

Recollo a luva guindada por O demo e dispóñome a cumprir co meme (permítanme a cursiva dada a entidade bizarra do palabro) dos agasallos. Logo de facer memoria -son de bastante bo conformar no que a obsequios se refire-, coido que estes son os que non deben faltar na listaxe. Os agasallos máis terríbeis da miña vida son, que eu lembre, os seguintes:

  • Equipación completa do Real Madrid, anos 80 style: sen dúbida, merece encabezar a clasificación. Os 80 foron, como todos sabemos, uns anos moi duros no que a estética se refire, e isto notábase mesmo na roupa deportiva. Se ao look oitentero lle engadimos que a equipación en cuestión era, nin máis nin menos, ca do Real Madrid (la Quinta del Buitre, para máis detalles) xa temos o lote completo. Regalo terríbel, ou a tentativa desesperada dun pai de mudar os criterios futboleiros dun tenro infante, aproveitando como pretexto o seu aniversario -creo-.

  • Xogos de mesa diversos: Pola súa crueldade. Pepe Brazolargo, Tozudo, Adivina quién es (que era o Quién es quién de toda a vida, pero del palo), La sopa loca, Alfred J. Cuack (o xogo)… son só algúns exemplos da perversión feita agasallo. Que sentido gastar cartos nun xogo de mesa, se o seu destinatario é un fillo único? Ningún! Os culpábeis neste caso son diversos, na súa maioría parentes de todo grao e condición.

E non se me vén á cabeza ningún máis… se cadra porque os que me regalan me coñecen ben, ou porque eu son de bo dente, ou polas dúas cousas. Dito isto, correspóndeme a min guindar a luva. E vaille a Abril e Revolução, coma representante da Galiza costeira, Dor na Retina, representando á emigración próxima, En Compostela, coma residente case-ausente e Zero Vacas, que non vai ser todo endogamia.

Que vote, que vote

Febreiro 28th, 2008 Febreiro 28th, 2008
Posted in Cousas da casa, Divagacións, País
9 Comments »

Logo do g-debate de onte, despois de saber que o rigor non se merca en mercerías, que se a nena de Rajoy vivise en Galiza tería asistencia bucodental de balde, que temos que ter máis peso en Madrid ou que o Plan Galicia vai resucitar de entre os mortos… tocou votar. Se aceptamos como válido que o día das eleccións é a festa da democracia, poderiamos afirmar que, o voto por correo é a mesma festa, pero máis cutre… algo así coma se o 9 de marzo tocase a París de Noia e na oficina de Correos, como moito houbese un paisano cun organillo. Pero en fin, dado que a semana que vén vou estar secuestrado e a xornada en cuestión estarei recuperándome do secuestro… votado queda.

Nota mental: observen na imaxe cantas opcións hai na provincia de Lugo se se lle quere votar a un partido facha/freak, para que vexan.

142’50€

Novembro 19th, 2007 Novembro 19th, 2007
Posted in Cousas da casa, Divagacións
Comentarios desactivados en 142’50€

Acabamos de sufrir un atraco de luva blanca, así, sen anestesia nin nada. Pase o que pase, señora, dígollo eu: en ningún caso faga caso do cartón que deixan no buzón e que pon “teléfonos de interese”. Ou polo menos nunca chame a Tecnofogar.

-Darlle para arriba ao limitador despois de esperar polo electricista dúas horas e pico: 142’50€ (e non che cobro a nocturnidá)

Que chova!

Novembro 19th, 2007 Novembro 19th, 2007
Posted in Divagacións
1 Comment »

Onte comezou a chover, hoxe leva todo o día chovendo e disque a cousa seguirá así, polo menos, toda a semana. E que ben chove. E que falta fai…

Foto: Fernando Blanco

Salto mortal (sen rede)

Setembro 30th, 2007 Setembro 30th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
26 Comments »

O pasado venres celebrouse, co seu tradicional (e rancio) ritual, o acto oficial de apertura do curso universitario, coa lección inaugural, promesas de maior inversión por parte do Presidente da Xunta, etc. Mañá, 1 de outubro, comezan as clases. E, por primeira vez nos últimos dezaoito anos da miña vida, decatareime de que non teño que empezar o curso. E, tamén por primeira vez nos últimos catro anos, terei que caer na conta de que todo o que leva o apelativo “de estudantes” (piso, cea, festa, desconto e, en definitiva, cousas) xa non me toca.

Así, mañá cando vaia facer os papeleos que me permitan, por unha banda, acreditar que xa podo recibir o papeliño definitivo e pasar a formar parte dunha cadea de produción e, por outra, seguir ligado á Institución -aínda non sei moi ben por que, isto último- terei que facer de tripas corazón ao pasar polos dous centros neurálxicos da miña historia recente. Decatareime de que xa non. Decatareime de que, aínda que no día a día os cambios xa comezasen hai tempo, agora é o momento do salto mortal, do mundo real. Sexa o que sexa, rematou e fíxoo para sempre. Que nos quiten o bailado e, como dixo o outro… peor sería non cumprir os anos, non?

76 licenzas, 50 traballadores

Setembro 17th, 2007 Setembro 17th, 2007
Posted in Alén Piornedo, Divagacións, Xornalistiña
1 Comment »

Leo en PR Noticias un resumo da actividade de Kiss FM e o seu propietario, Blas Herrero. Como ben din os manuais da factoría, o titular debe enganchar (e seguro que doce ou setenta características ordeadas en puntos que non lembro) e este consígueo, ademais de afectar e provocar a reflexión, agárrese: 76 licenzas (unha delas en Vigo) e 50 traballadores. En síntese, falamos dunha radio que pasa de largo sobre requisitos básicos na concesión de licenzas, como a creación dun determinado número de postos de traballo, posuír estudos ou fomentar os valores locais… algo bastante difícil se temos en conta que a empresa en cuestión emite integramente dende Madrid, cidade na que se atopa a súa enorme plantilla de traballadores. Malia este tipo de irregularidades, a Kiss FM segue emitindo la mejor música (sic) e o seu propietario continúa obtendo licenzas.

Pero, saben o peor de todo? Que poría a man no lume ao afirmar que boa parte dos empresarios do negocio, tamén en la tierriña, miran a Kiss FM con envexa e coa vontade de seguir os seus pasos… que é o que importa? que pola radio, tv ou xornal saia algo, xa sexan noticias, cancións, videos ou fotos… que apañe subvencións, poida coller ben publicidade… en suma, que dea cartos. E se un xornalista operario pode escribir, locutar, cantar e bailar, para que contratar cinco ou seis?

Este berro para molar, Xabarín popular!

Setembro 3rd, 2007 Setembro 3rd, 2007
Posted in Alén Piornedo, Divagacións, País
37 Comments »

xabarin.gif

Leo en Chuza! que un tal copopoc meneou un post do coñecido blogueiro tangallegocomoelgazpacho alcumado Elentir, no que o devandito humorista alerta sobre o perigoso que pode ser o videoclip Piripimpín, das Malvela (un “grupo de paisanos” ou “alegre coro vecinal“) que agora se emite no Xabarín Club (programa que ten unha mascota á que podedes ver sobre estas liñas en actitude ameazante, instando aos inocentes infantes galegos a afiliarse, como mínimo ao BNG, como máximo sabediós a que forza do independentismo terrorista.

O conto é que a raíz da meneada en cuestión, puiden ler un simpático debate sobre o pernicioso que pode ser o Xabarín e, máis concretamente, as súas cancións, temas do máis radical que poidamos atopar e que, por exemplo, animan aos rapaces a “insultar a los castellano hablantes” ou a “solucionar los problemas a golpe de escopeta“. Así as cousas, grazas ao amigo copopoc vin a luz e logo de berrar EUSKERA!, digo… EUREKA!… púxenme a lembrar algunhas das cancións que dende tal maléfico clube podreceron o meu cerebro e inseriron a miña persoa nunha deriva nazi-onalista desas contra as que alertan en Libertad Digital… e cheguei a conclusións coma estas:

  • Satélite Xabarín: mensaxes que, claramente, insisten na necesidade de liberarnos da opresión española e acadar a independencia tecnolóxica. Ademais (aínda que varios anos antes) apoia o proxecto de Emilio Pérez Touriño para crear un satélite propio.

  • Just Girls: as mulleres españolas son malas, reprimidas e beatas. En cambio, as portuguesas, malia ao seu bigote, son guapas e divertidas, ademais de animar aos pobres infantes a escapar da casa, emborrachuzarse como preas á marxe da autoridade paterna e darse, en xeral, á mala vida.

  • Fura futbolín: como ben apunta o compañeiro copopoc, chama á revolución e á revolta, a ir contra o bilingüismo legalmente establecido, a matar españolfalantes, etc.

  • Non todo é o que parece: as mulleres revólvense contra a familia tradicional española, beben alcol, fuman e rexeitan aos homes, coma se tivesen dereitos.

  • Pode ser: un cantante drogado cre observar vacas voando e falando, atribuíndo os efectos do seu vicio aos extraterrestres. E todo isto, en horario infantil.

  • Tá-se bem na ràdio: que dicir, por se non abondase con facer pequenos aprendices de Antxón Kintana, ademais búscase que sexan reintegratas e fumen drogas en Xamaica, indignante.

  • Íscalle lura: xa non hai por onde collela… ridiculizando aos probres madrileños que non fan outra cousa que traer a riqueza montada en estupendos barcos que enchen de vida e cor os nosos portos deportivos, que tanto beneficio traen á deprimida costa galega.

  • Socio, busco un socio: evidente chamamento marxista-leninista. “Un exército de berros… este berro para molar… Xabarín popular”. Lavado de miolos mediante o cal se pretende que o conxunto dos nenos se afilien ao partido único e comecen a comer españois.

  • Que calor: Pederastia en estado puro. Unha nena espida tomando o sol na praia ao berro lividinoso de “oh, que calor, que calor fai ao sol, fai tanto calor que ata praia me vou”.

  • Fin de semana: Rebelión contra o sistema educativo. Video que mostra as diversións que hai alén da disciplina e os bos costumes do ensino tradicional e monolingüe (en castelán).

  • Onde vas, rapaz?: Siniestro Total, grupo coñecido pola súa afección ao alcol e ás drogas, insiste, nada máis e nada menos, no necesario que é rebelarse contra a autoridade paterna para logo poder acudir a antros insalubres e entrar nunha dinámica de sesodrogasrocanrol.

  • Estou na lavadora: Logo da destrución persoal, os nenos son chamados ao suicidio, concretamente, a meterse na lavadora e pór fin, extenuados, á súa vida de vicio, nacionalismo e destrución anti-española.

  • O sancristán de Basán: Aquí, directamente chamamento á loita armada e apoloxía do terrorismo, incitación á violencia contra o capital (español).

E isto por non falar das actuais, que a min xa non me contaminaron tanto porque xa non estaba na idade… hai algunha que ata di “bombaaa!” repetidas veces, que desfachatez. En fin… coñas aparte… O certo é que hai que padecer ben dos nervios para ver un arma de adoctrinamento masivo nun programa que foi do mellor que deu de si a Galega nos seus vintedous anos de vida, e que moitos galegos lembramos cun sorriso… independentemente da nosa conciencia de país -tranquilo, copopoc, non é tan eficaz (xa podía)-.

Actualización: o compañeiro Galegoman tamén puxo o seu gran de area para alertar aos pobres nenos inocentes, é xusto e necesario recoñecelo.

Consellos na parede

Xullo 14th, 2007 Xullo 14th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
2 Comments »

Cando era pequeno e volvía do colexio á casa, nos extramuros de Intramuros, moitas veces me chamou a atención unha frase pintada na esquina das rúas Lamas de Prado con Dona Urraca. No mesmo sitio onde hoxendía hai unha academia de perruquería e un enorme -e ben feito- mural pintado a esprai con secadores, botes de laca, tesoiras e espellos, antes había unha parede de ladrillo, máis ben basta. Xusto alí, alguén seguro que ben espelido escribiu, tamén a esprai: “Ningún camino fácil te llevará a un lugar que merezca la pena“. A boa da parede veume onte á cabeza cando tiven que decidir por onde falar nos vindeiros meses (ou anos, ou semanas). E non lle fixen puto caso, puido a seguridade. Tampouco hai que fiarse dos quinquis que escriben nas paredes… ou quizais si, porque para algo son sabios, non?

Fachenda, digo Orgullo

Xuño 30th, 2007 Xuño 30th, 2007
Posted in Divagacións, País
5 Comments »

A todo isto, parabéns para tod@s! (Para todos os mariquitas y camioneras, a ver si vais pensar que soy, en fin, ya mentiendes :P)

O día que me chamaron alevín ou fluxo comunicativo

Xuño 26th, 2007 Xuño 26th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
5 Comments »

faculcaras.jpg

Como non son consciente, non teño moi claro que dicir. Supoño que un se decata dentro duns días, ou duns meses, cando xa non hai que se lembrar de entregar tal ou cal traballo, ou cando xa non anda rosmando polos corredores porque ten un exame que non serve para gran cousa. Supoño tamén que o feito de non pasar nos últimos meses pola casabranca tamén me amortigua máis a caída ou o salto mortal. Sexa polo que for, o certo é que vou botar en falta esa casa e aos seus habitantes máis dunha vez, seguro que si. Pero que nos quiten o bailado