Hoxe é venres, un saúdo!

Xullo 4, 2008 ás 6:32 pm | En Medios, Momentos freaks | 1 Comentario

Hoxe, e vai un número de veces que só se pode expresar con notación científica (máis info, sobre o asunto, consulte aquí), estes de aquí arriba volven ao Luar, ese fito. Xunto a eles, outro clásico, Sergio Dalma, "un intérprete moi querido polo público galego". Mágoa que xa non canten o Candil, Marica chuschús.

Nota para iniciados: vexan aquí!

Chuzame! chuzame -

A utilidade deste oficio

Xuño 26, 2008 ás 7:09 pm | En Medios, País, Xornalistiña | 2 Comentarios

Hai dous días, unha intervención parlamentaria do nacionalista Carlos Aymerich deu pé a que tres medios, as radios e un dixital, sacasen á luz a existencia dunha páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica na que,  baixo o nome Invest in Galicia, se instaba aos inversores estranxeiros a achegárense ao noso País e montar unha empresiña. Os argumentos? Tales coma que "la Comunidad Autónoma estrá entre las regiones con un menor coste laboral, aproximadamente el 86% de la media nacional", que o noso entorno laboral presenta unha "escasa conflitividade" ou mesmo que a man de obra galega ten unha "excelente predisposición ao traballo". O argumentario reforzábase con táboas e gráficos que deixaban claro que, por exemplo, unha hora de traballo galego podía chegar a custar seis euros menos cá dun vasco Síntese: ben preparados, baratos e parvos. Por se non fose suficientemente grave que o a Xunta nos vendese no mundo coma unha reserva de man de obra barata, isto adquiría especial gravidade se temos en conta que o PSdeG puña, hai catro anos (e con razón) a baixar dun burro ao entón responsábel da Consellaría de Economía, José Antonio Orza, por facer... o que? exactamente o mesmo, através de anuncios na prensa e televisión suecas.

Pois ben, hoxe, apenas cuarenta e oito horas despois, o Presidente da Xunta confirmaba que dera a orde de eliminar semellante insulto (a páxina principal xa non funciona, o resto, de momento si). Non concordaba, disque, coa liña política do Goberno e non era "obviamente", en absoluto "brillante". Uns prenderon a mecha, outros seguiron o rastro da pólvora e outros empregaron toda a súa (gran) capacidade de ser altofalante para demostrar que, unha vez máis, este oficio é, e debe ser, instrumento crítico e útil para a sociedade. Malia todo. Parabéns.

Chuzame! chuzame -

“Si es que va provocando…”

Abril 17, 2008 ás 9:41 pm | En Medios, País | 2 Comentarios

A esta xornalista da fotografía, Isabel Quintairos, despedírona do seu posto de traballo logo de 20 anos de exercicio da profesión na mesma empresa. Aproveitando que regresaba dunha excedencia, aseguráronlle que o seu posto estaba amortizado, isto é, despedírona de facto. As súas faltas, delitos ou -vaia vostede saber- pecados:

Segundo recolle a sentenza xudicial correspondente, a Isabel botárona por ser homosexual e simpatizante do Bloque. Dado que non existían motivos para o despedimento, a xuíza obrigou a empresa a readmitila, sentenza contra a que foi presentado un recurso, e mesmo unha denuncia contra a maxistrada, por redactala en "una lengua tal vez cooficial o algún dialecto". A semana pasada foi despedida outra vez, previo acoso laboral, por "razóns obxectivas". A empresa en cuestión é propiedade da Conferencia Episcopal, que disque predica a igualdade, os valores do Evanxeo, etc. Demencial.

+ info en El País do 17 de abril. As sentenzas, aquí e mais aquí.

Foto: Anxo Iglesias.

Chuzame! chuzame -

De como un moribundo non pode curar un enfermo

Abril 7, 2008 ás 2:17 pm | En Divagacións, Medios, País | 28 Comentarios

Nunha incursión por terras luguesas -ultimamente abundan por motivos diversos (léanse entradas anteriores...)- estaba facendo algo tan propio do lugar coma ler El Progreso nun bar cando atopei un artigo, metade literatura, metade opinión, que reflicte en gran medida o meu parecer sobre o complexo sanitario que poden ver sobre estas liñas (daba saída así, de paso, ao meu afán dos últimos tempos de ler todo texto que leve palabras coma "Sergas" ou "hospital"). Se cadra porque tiven que pasar por experiencias pouco agradábeis nese lugar que me alteraron a percepción, quizais por preconceptos... o certo é que o Hospital Xeral de Lugo, alias "A Residencia", é, para min, o máis semellante a un deses hospitais soviéticos das películas, nos que non che estrañaría nada que no cuarto do lado estiven utilizando unha serra de carpinteiro como material cirúrxico e un garabullo nos dentes coma único anestésico. É posíbel que non sexa cousa dos profesionais, nin do equipamento... ou si, vaia vostede saber... o certo é que a descrición que Miguel Olarte asina baixo o título de "El chico de la 208" é tan retranqueira coma realista e demoledora. Déixolles aquí un petisco:

(...) Las tripas del Xeral rugen como las mías, pero no de hambre, sino de olvido. Allí donde miras hay herrumbre, desconchados y abandono, como si se tratara de un enorme enfermo desahuciado que, consciente de su estado terminal, no aspira a más tratamiento que el paliativo, y éste apenas le alcanza para sustentar la dignidad mientras el cuerpo se va cayendo a trozos. Los marcos, las puertas, las paredes ya no se molestan en ocultar las heridas abiertas por el descuidado ir y venir de las pesadas camas; las sillas, parientes cercanas de la Vieja Sparky texana, sólo siguen siendo legales en este país porque carecen de toma de corriente; localizar un soporte móvil para el gotero que aún ruede en lugar de arrastrarse es un imposible.(...)

"El Chico de la 208", Miguel Olarte en El Progreso do 6 de abril do 2008

Chuzame! chuzame -

Nui!

Decembro 26, 2007 ás 5:15 pm | En Medios, Momentos freaks | 2 Comentarios

Aproveito esta prórroga inesperada antes do paso por onde xa lles contei para facer labor social. E é que, como algúns xa saberán, nos últimos tempos padezo (ou gozo) unha nova adicción: Muchachada Nui. Isto é como co licor café e esas cousas que se toman pola noite... probas un groliño, gústache... e ala, enganchado perdido. Aquí lles deixo unha mostra do invento, que é ademais unha chamada de auxilio desesperado. A todo isto, os videos vense con mellor resolución na páxina oficial ca no YouTube (recoméndolles os Celebrities de Uri Geller, John Galliano, Ahmadineyad e a propia Titaaaaa). Nui!

Chuzame! chuzame -

Diante da dúbida…

Decembro 5, 2007 ás 12:01 am | En Alén Piornedo, Medios | 1 Comentario

Visto en Público. E razón non lle falta...

Chuzame! chuzame -

Pereguirinos

Novembro 1, 2007 ás 4:02 pm | En Medios, País | Sen comentarios

vineta-ngz.jpg

Atópo, vía Chuza!, a versión electrónica d'O Pasquím, o suplemento de humor do Novas da Galiza. Teño así a oportunidade de compartir co simpático lector unha obra mestra do debuxante Gonzalo: Pereguirinos. Trátase dunha historia de terror coa que calquera que vivise en Compostela máis dun mes se sentirá identificado. Góceno!

Nota: poden atopar o número íntegro d'O Pasquím aquí, ou atopar a páxina en cuestión aquí.

Chuzame! chuzame -

O currículum do cuñado

Outubro 25, 2007 ás 2:46 pm | En Medios, País | 2 Comentarios

Hai días que botou a andar a comisión de investigación da Cidade da Cultura e xa comezaron a pasar por alí algúns dos pintorescos personaxes que Don Manuel e Don Jesús elixiron para xestionar tan magno proxecto. Entre eles, como xa saberá o avispado lector, están familiares diversos de destacados membros do Partido Popular, naquela altura conselleiros ou mesmo vicepresidentes de Gobernos centrais. A saber:

  • Alfredo Díaz Grande: director do concurso de ideas e marido de Pilar Rojo, entón Conselleira de Familia, Muller, Voluntariado... e vaia vostede a saber que máis (a que estaba no sitio de Manolita, vaia).

  • Ángel Currás: xerente da Fundación Cidade da Cultura e irmán de Celso Currás, naqueles días Conselleiro de Educación. Actualmente, concelleiro do PP en Santiago.

  • Manuel Fernández Balboa: director económico-financeiro da Fundación e cuñado de Mariano Rajoy (o señor de barba do que xa lles teño falado máis veces).

Como vostede xa saberá, os dous últimos pasaron onte pola devandita comisión, feito que provocou que a atención dos medios se centrase no currículum vitae do cuñadísimo, señor Fernández Balboa. E é que o que fora director económico-financeiro da Fundación Cidade da Cultura -cuxa xestión algo terá que ver con que o orzamento das obras se triplicase- chegou ao posto logo dunha traxectoria profesional que mete medo: unha FEUGA en Caixa Pontevedra de menos dun ano e a xestión de contratos de Urbaser en Pontevedra (tamén sabe falar gallego e andar no Windows 95). Isto lévame a unha conclusión: que pinto eu facendo o que fago se podería estar rexendo os destinos do País? Porque eu tamén tiven unha FEUGA, xa traballei en máis dunha empresa e, ollo, manéxome sen problemas por Windows 95, Windows 98 e Windows XP. E sei andar no Photoshop tamén...

(Captura do currículum vía Escolar.net, preman nas miniaturas para ampliar e gozar del)

Actualización: aquela Consellaría de Cultura si que era dilixente. Resulta que o contrato do cuñadísimo se empezou a tramitar mesmo antes de que el se interesase polo posto e enviase o currículum. Podedes consultar o documento que acredita a tramitación do contrato na web da SER.

Chuzame! chuzame -

Denunciado

Outubro 20, 2007 ás 3:15 pm | En Alén Piornedo, Medios | 37 Comentarios

Íñigo Landa Larrazábal, cidadán vasco neto de represaliada, vén de denunciar a Jaime Mayor Oreja, eurodeputado do Partido Popular, por "enaltecemento do franquismo". Esta demanda chega logo de que Mayor, no transcurso dunha entrevista en La Voz de Galicia, deixase para a posteridade perlas como "¿Cómo voy a condenar [o franquismo] que, sin duda, representaba a un sector muy amplio de españoles?" e na que tamén aseguraba que, aínda que "Algunos dicen que las persecuciones en los pueblos vascos fueron terribles (...), no debieron serlo tanto cuando todos los guardias civiles gallegos pedían ir al País Vasco. Era una situación de extraordinaria placidez".

Estas declaracións e a posterior denuncia, dan lugar, ademais de a un retrato das afinidades do personaxe, a unha reflexión posterior: que pasaría se as afirmacións de Mayor Oreja fosen feitas, poñamos por caso, por un líder da esquerda abertzale ou mesmo por un dirixente do PNV sobre a implantación social de ETA durante a ditadura? Se cadra, aplicábanlle a Lei.

Chuzame! chuzame -

Aquí e na China

Outubro 17, 2007 ás 11:15 pm | En Alén Piornedo, Medios | 2 Comentarios

Josep Lluís Carod-Rovira en Tengo una pregunta para usted. Paréceme unha boa homenaxe a todos os damnificados por, por exemplo: Seijo, Seijas, Otero, Buján, Teijeiro, Noya... mesmo Rajoy, se me apura.

Nota mental: que grande Carod. E que atrevida a ignorancia.

Nota mental 2: Houbo quen se extendeu máis na interpretación da xogada. Secúndoo completamente.

Chuzame! chuzame -
Seguinte páxina »

Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios. Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^