Os Rastreros seguro que non pensaban nisto
Xullo 14, 2008 ás 3:52 pm | En Divagacións, Momentos freaks, País | 2 ComentariosQuizais era só cuestión de tempo: señora, a Xunta organizou unha tractorada. O certo é que, nestes tempos confusos que nos toca vivir, non sería máis de estrañar que moitos outros saraos do Goberno, pero isto en concreto (aínda) non pasou. Trátase dunha peregrinaxe a Compostela protagonizada por 24 tractores clásicos.
Nota mental 1: non lles lembra a ningunha obra pictórica, polo menos en espírito a foto de Otto, artista de AGN? Mirada ao horizonte, bandeira ao vento.
Nota mental 2: non sería un conselleiro de Medio Rural montado nun Massey Ferguson de época un bo cartaz para o vindeiro 25? Non é Barreiros, vale, pero... sempre poderá valer para unha campaña contra os incendios, recuperando o lema "Sorte para o País", que un director xeral xa fixera célebre nos infaustos días do verán de 2006.
Nota mental 3: que pensarán Os Rastreros?
chuzame -
Hoxe é venres, un saúdo!
Xullo 4, 2008 ás 6:32 pm | En Medios, Momentos freaks | 1 ComentarioHoxe, e vai un número de veces que só se pode expresar con notación científica (máis info, sobre o asunto, consulte aquí), estes de aquí arriba volven ao Luar, ese fito. Xunto a eles, outro clásico, Sergio Dalma, "un intérprete moi querido polo público galego". Mágoa que xa non canten o Candil, Marica chuschús.
Nota para iniciados: vexan aquí!
chuzame -
O boneco deste verán!
Xuño 30, 2008 ás 2:58 pm | En Momentos freaks, País | 4 Comentarios
A idea naceu dunha conversa con algunha que outra mente perversa, baixo a inspiración dunha obra audiovisual que retrata estes tempos polos que transita o País. Quen asina tenta dar, vía Photoshop, a esa inquedanza... señora, velaquí o regalo deste verán, ideal para vicepresidir as viaxes dende un lugar privilexiado do seu utilitario (póñalle música, verá o que fai...).
chuzame -
Crise
Xuño 11, 2008 ás 9:34 pm | En Cousas da casa, Divagacións, Momentos freaks | 2 ComentariosCompartía uns grelos con chourizo, unhas croquetas, queixo de tetilla e unha ensalada con nome de blog nun clásico local de Compostela cando os meus compañeiros de mesa e mais eu comezamos a falar... da crise. En síntese: a folga do transporte, o mar e, en pouco tempo, os labregos, é só o comezo da crise do sistema, provocada polo espectacular encarecemento do petróleo. Un crack, a creba total do noso modo de vida, a fuxida das cidades e a volta ás pequenas comunidades baseadas na agricultura de subsistencia. Catastrofismo? Botáronnos algo na masa das croquetas? En todo caso... imaxínano? E, o máis importante... Murcia e La Rioja... existen?
chuzame -
Queiran ou non… Eurovisión
Maio 25, 2008 ás 4:50 pm | En Momentos freaks | 1 ComentarioVisto o visto, tendo en conta que nunca tivemos a oportunidade de nos bater directamente en tan peculiar evento, e tendo como base todas esas cousas inmateriais que nos unen... hoxe, día de efeméride impronunciábel polas súas siglas, avogo polo seguinte: impulsarmos, dende xa, unha candidatura galaico-portuguesa para Eurovisión 2009. Eu xa teño candidato... imaxinades algún hit dos seus cos arranxos de quen, sen dúbida, tería o dereito moral de compartir escenario en tan magno evento? Temos todo un ano e unha Internet enteira para freakear (ollo ao palabro) sobre o tema. Conto coas vosas aportacións. A luva está lanzada.
chuzame -
Apuntamentos no Día das Letras
Maio 18, 2008 ás 5:22 pm | En Divagacións, Momentos freaks, País | 3 Comentarios
Ademais de todo o de sempre, do poeta do Día, de na Galiza en galego e do moi honroso resultado da manifestación convocada pol'A Mesa, hai certas frases, diálogos ou situacións das últimas horas que merecen ser escritas por alguén, co obxectivo de que perduren alén da miña -hoxe- precaria memoria, por mor da escaseza de horas durmidas. A saber:
-Un libro de Marta nunha carpa instalada na Praza do Toural para vender libros galegos.
-A toalha de mesa, por riba d'A Mesa.
-Aquí estamos, ao pé do Callón.
-Un paraugas de PG, que non do PG, na man dunha conselleira (favorita) manifestante.
-Que queiran, que non, Mourente a Eurovisión.
E, por último, o seguinte diálogo escoitado a pé de rúa...
Señora 1 (saíndo do portal): Ola, (nome).
Señora 2 (pasando pola rúa): Que, como vai ese home?
Señora 1: igual, segue mal, segue mal.
Señora 2 (con ton case de reproche): ti tamén, que mala sorte tuveches (sic) na vida, cando non é o marido, é o xenro, é que tu tamén... (inaudíbel).
Foto: Vieiros
chuzame -
O meme dos agasallos
Marzo 24, 2008 ás 4:15 pm | En Blogaliza, Divagacións, Momentos freaks | 3 Comentarios
Recollo a luva guindada por O demo e dispóñome a cumprir co meme (permítanme a cursiva dada a entidade bizarra do palabro) dos agasallos. Logo de facer memoria -son de bastante bo conformar no que a obsequios se refire-, coido que estes son os que non deben faltar na listaxe. Os agasallos máis terríbeis da miña vida son, que eu lembre, os seguintes:
-
Equipación completa do Real Madrid, anos 80 style: sen dúbida, merece encabezar a clasificación. Os 80 foron, como todos sabemos, uns anos moi duros no que a estética se refire, e isto notábase mesmo na roupa deportiva. Se ao look oitentero lle engadimos que a equipación en cuestión era, nin máis nin menos, ca do Real Madrid (la Quinta del Buitre, para máis detalles) xa temos o lote completo. Regalo terríbel, ou a tentativa desesperada dun pai de mudar os criterios futboleiros dun tenro infante, aproveitando como pretexto o seu aniversario -creo-.
-
Xogos de mesa diversos: Pola súa crueldade. Pepe Brazolargo, Tozudo, Adivina quién es (que era o Quién es quién de toda a vida, pero del palo), La sopa loca, Alfred J. Cuack (o xogo)... son só algúns exemplos da perversión feita agasallo. Que sentido gastar cartos nun xogo de mesa, se o seu destinatario é un fillo único? Ningún! Os culpábeis neste caso son diversos, na súa maioría parentes de todo grao e condición.
E non se me vén á cabeza ningún máis... se cadra porque os que me regalan me coñecen ben, ou porque eu son de bo dente, ou polas dúas cousas. Dito isto, correspóndeme a min guindar a luva. E vaille a Abril e Revolução, coma representante da Galiza costeira, Dor na Retina, representando á emigración próxima, En Compostela, coma residente case-ausente e Zero Vacas, que non vai ser todo endogamia.
chuzame -
Un, dous, tres… maaartes
Febreiro 6, 2008 ás 7:06 pm | En Momentos freaks | 55 ComentariosO Sergas concédeme unha prórroga ata o luns (desta vai, prometido) e a min dáme por reflexionar sobre o xeito en que se pode manifestar o noso feito diferencial, ás veces, nos xeitos máis insospeitados. Para, mostra, un botón que hoxe tiven a oportunidade de comentar á hora do xantar. Cantos galegos, ao escoitar as novas políticas que chegan dende Iankilandia nas últimas horas, pensamos en Barack Obama ou Hillary Clinton?
chuzame -
Nui!
Decembro 26, 2007 ás 5:15 pm | En Medios, Momentos freaks | 2 Comentarios
Aproveito esta prórroga inesperada antes do paso por onde xa lles contei para facer labor social. E é que, como algúns xa saberán, nos últimos tempos padezo (ou gozo) unha nova adicción: Muchachada Nui. Isto é como co licor café e esas cousas que se toman pola noite... probas un groliño, gústache... e ala, enganchado perdido. Aquí lles deixo unha mostra do invento, que é ademais unha chamada de auxilio desesperado. A todo isto, os videos vense con mellor resolución na páxina oficial ca no YouTube (recoméndolles os Celebrities de Uri Geller, John Galliano, Ahmadineyad e a propia Titaaaaa). Nui!
chuzame -
Oito cousas
Outubro 30, 2007 ás 8:20 pm | En Blogaliza, Momentos freaks | 8 ComentariosRecibo unha encarga da emigración e non me queda outra que respostar, dado que a emigrada en cuestión non forma parte -que eu saiba- do CERA e, polo tanto, non é "deses". A cousa vén sendo aportar á sabedoría universal (ou do Blogomillo), oito apuntamentos sobre "algo", cousa que non deixa de ser inquietante. Velaí vai: oito cousas sobre Lugo (coido que a distancia de cen quilómetros e case catro anos xa me permite describila):
-
Apuntamento histórico: é unha cidade fundada hai máis de dous mil anos polos romanos (di o alcalde que por Paulo Fabio Máximo, un señor que agora ten un monumento na Praza Maior) sobre o bosque sagrado do deus Lugh.
-
É unha aldea grande e unha cidade pequena. Así, é doado atopar hortas con vistas á Muralla ou grandes bloques de cemento no medio do monte, que tamén o hai.
-
Se pides un xornal (periódico), danche El Progreso, que é onde saen as esquelas, o suplemento "Gente" e as "Fotos del pulpo".
-
Aínda hai (bastante) xente que fala galego, pero que di Vivero ou Villadonga. No caso de ter unha empresa, especialmente unha oficina, os íes substitúense pola letra "y" para referenciar nomes de parroquias ou barrios. A saber: Aday, Orbazay, Magoy, Fingoy.
-
Conserva o Círculo de las Artes, cos seus bailes de Entroido, San Froilán ou Reis, ous seus socios, o seu elitismo e os seus "rellenos" de Fin de Ano. Tamén alberga diferentes entregas de premios do "periódico" (ver 3).
-
Ten un alcalde do PSOE que foi seminarista e profesor de filosofía. O seu cerebro almacena os nomes de pía de boa parte da cidadanía. Tamén no político, foi sede da Asemblea de Lugo, onde en 1918 botou a andar boa parte do que hoxe coñecemos como nacionalismo.
-
Na catedral hai un dedo de San Froilán, santo que podería ser leonés pero ao que se lle renden honras nunhas festas que conforman boa parte do ser de Lugo. Pasear arriba e abaixo polas "barracas" (que non atraccións) ou comer polbo nun garaxe convertido en "pulpería" (nas casetas es-un-robo) forma parte dos ritos tribais que aínda se conservan entre o 4 e o 12 de outubro.
-
É como unha maqueta dunha cidade. Se non temos en conta a zona de "dentro-de-murallas", as rúas son como as dunha cidade normal, pero máis pequenas. Tamén ten un río e unha ponte romana pola que pasan coches.
E a encarga vaille a... Madeleine e Encompostela... non me dá a cabeciña para máis.
chuzame -
Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios.
Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^



















