'Momentos freaks' Category

Nui!

Decembro 26th, 2007 Decembro 26th, 2007
Posted in Medios, Momentos freaks
2 Comments »

[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/nrzch25LEL4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Aproveito esta prórroga inesperada antes do paso por onde xa lles contei para facer labor social. E é que, como algúns xa saberán, nos últimos tempos padezo (ou gozo) unha nova adicción: Muchachada Nui. Isto é como co licor café e esas cousas que se toman pola noite… probas un groliño, gústache… e ala, enganchado perdido. Aquí lles deixo unha mostra do invento, que é ademais unha chamada de auxilio desesperado. A todo isto, os videos vense con mellor resolución na páxina oficial ca no YouTube (recoméndolles os Celebrities de Uri Geller, John Galliano, Ahmadineyad e a propia Titaaaaa). Nui!

Oito cousas

Outubro 30th, 2007 Outubro 30th, 2007
Posted in Blogaliza, Momentos freaks
8 Comments »

lugo.jpg

Recibo unha encarga da emigración e non me queda outra que respostar, dado que a emigrada en cuestión non forma parte -que eu saiba- do CERA e, polo tanto, non é “deses“. A cousa vén sendo aportar á sabedoría universal (ou do Blogomillo), oito apuntamentos sobre “algo”, cousa que non deixa de ser inquietante. Velaí vai: oito cousas sobre Lugo (coido que a distancia de cen quilómetros e case catro anos xa me permite describila):

  1. Apuntamento histórico: é unha cidade fundada hai máis de dous mil anos polos romanos (di o alcalde que por Paulo Fabio Máximo, un señor que agora ten un monumento na Praza Maior) sobre o bosque sagrado do deus Lugh.

  2. É unha aldea grande e unha cidade pequena. Así, é doado atopar hortas con vistas á Muralla ou grandes bloques de cemento no medio do monte, que tamén o hai.

  3. Se pides un xornal (periódico), danche El Progreso, que é onde saen as esquelas, o suplemento “Gente” e as “Fotos del pulpo“.

  4. Aínda hai (bastante) xente que fala galego, pero que di Vivero ou Villadonga. No caso de ter unha empresa, especialmente unha oficina, os íes substitúense pola letra “y” para referenciar nomes de parroquias ou barrios. A saber: Aday, Orbazay, Magoy, Fingoy.

  5. Conserva o Círculo de las Artes, cos seus bailes de Entroido, San Froilán ou Reis, ous seus socios, o seu elitismo e os seus “rellenos” de Fin de Ano. Tamén alberga diferentes entregas de premios do “periódico” (ver 3).

  6. Ten un alcalde do PSOE que foi seminarista e profesor de filosofía. O seu cerebro almacena os nomes de pía de boa parte da cidadanía. Tamén no político, foi sede da Asemblea de Lugo, onde en 1918 botou a andar boa parte do que hoxe coñecemos como nacionalismo.

  7. Na catedral hai un dedo de San Froilán, santo que podería ser leonés pero ao que se lle renden honras nunhas festas que conforman boa parte do ser de Lugo. Pasear arriba e abaixo polas “barracas” (que non atraccións) ou comer polbo nun garaxe convertido en “pulpería” (nas casetas es-un-robo) forma parte dos ritos tribais que aínda se conservan entre o 4 e o 12 de outubro.

  8. É como unha maqueta dunha cidade. Se non temos en conta a zona de “dentro-de-murallas”, as rúas son como as dunha cidade normal, pero máis pequenas. Tamén ten un río e unha ponte romana pola que pasan coches.

E a encarga vaille a… Madeleine e Encompostela… non me dá a cabeciña para máis.

Marusía e superávit entre Bares e Fisterra

Outubro 18th, 2007 Outubro 18th, 2007
Posted in Momentos freaks, País
1 Comment »

o-presidente-do-tempo.jpg

Falaba de números pero , diante do seu plasma e todo pedagóxico, semella o propio Pemán, non vos parece?

Eu tamén son do Verbenero

Agosto 21st, 2007 Agosto 21st, 2007
Posted in Medios, Momentos freaks, País, Rachí
21 Comments »

verbenero1.jpg

Sabía que esquecía algo. De camiño para o Sarabanduxa, cos ollos na estrada e os oídos na radio, comprobei con estupor e tristura que Verbenero . ficaba no cuarto posto e non era proclamada, con todas as honras, gañadora do A polo Ghit e, polo tanto, canción do verán 2007. Señora, vostede non sei que pensará, pero eu, dende a miña humilde opinión, teño claro que por ritmo, tema e mesmo por capacidade de crear ambiente de campo da festa, Verbenero, d’Os Forfiestas, é o gañador sentimental dun certame cuxa magna labor é, nin máis nin menos, que a de elixir a canción do verán galega. Dito isto, señores do xurado: queda constituída formalmente a PVFA (Plataforma dos que votamos polos Forfiestas no A Polo Ghit 2007), polo momento unipersoal pero aberta a todo tipo de adhesións máis ou menos interesadas.

Nota mental: Vaia por diante que non teño nada en contra de Sacha na Horta e os seus Biocultivos, mesmo me ten o seu aquel… pero canción do verán, o que se di canción do verán para min, non é.

La Ejpaña plurinacional feita tenda

Agosto 7th, 2007 Agosto 7th, 2007
Posted in Momentos freaks
6 Comments »

img_0036.JPG

Saía eu de mercar na segunda catedral cando, de boas a primeiras, atopei a imaxe que vostede pode ver sobre estas liñas e que non me puiden resistir a captar co móbil. Canta harmonía, canta tensión simbólica… a bandeira do touro (que non do Torito), a bandeira de la Ejpaña constitucional, a bandeira autonómica e dúas Bandeiras da Patria. Todas, colgadas entre unha morea de produtos divesos, entre peluches e camisolas desas con mensaxes tan contundentes como “Garrafone” ou “A Birras“. A min, persoalmente, provocoume malestar xeral (aínda que no reconto xeral gañemos 3-2 ás ejpañolas :P).

Springfield de Compostela?

Xullo 10th, 2007 Xullo 10th, 2007
Posted in Momentos freaks
56 Comments »

eu-simpsons.jpg

Leo en Chuza! que existe a posibilidade de crear o teu propio personaxe dos Simpson e… non me puiden resistir, alá fun. A cousa, logo dun certo tuning, quedou tal que así, aquí me teñen. (A bandeira, of course, é cousa de Nicetrip)

Saudamos ao neno mercuriano…

Xuño 20th, 2007 Xuño 20th, 2007
Posted in Momentos freaks, País
38 Comments »

Cousas veredes… O padroado da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (composto por diversos señores con moitos cartos, o Conselleiro de Economía e mais o Noso Presidente, entre outros) reuníuse hoxe en Santiago para tratar temas diversos, a saber: a creación dun instituto para o estudo de enerxías renovábeis, un fondo de capital risco… e aprobar o estudo de viabilidade dun SATÉLITE DE TELECOMUNICACIÓNS. A tal hora non lle podo confirmar se se tratará do famoso Satélite Xabarín ou se no seu lanzamento se tocará a Pandeirada Sideral. Mentres o averiguamos, haberá que ir buscando patrocinadores, no deseño superior, a miña proposta. Xa o vexo: “a súa publicidade, a trinta e seis mil quilómetros de altura“.

Nenita, tianes que me dicir

Xuño 16th, 2007 Xuño 16th, 2007
Posted in Momentos freaks, País
5 Comments »

Á espera de máis novidades, e malia ao pouco hortodoxo do seu estilo (se temos en conta os canons da canción do verán) eu, de momento, xa teño candidato. Pasa el calimuecho!

Gallegos como tú

Xuño 15th, 2007 Xuño 15th, 2007
Posted in Blogaliza, Momentos freaks, País
85 Comments »

gse_multipart40771.jpg

Aproveito este espazo escrito en vernáculo para adherirme a esta nova e bonita iniciativa, que só pode estar creada dende o máis puro corazón de galegos de boa vontade. Simplemente enorme!!

Venha máis pimba!

Xuño 2nd, 2007 Xuño 2nd, 2007
Posted in Momentos freaks
6 Comments »

Inauguro un novo trebello da alianza WordPress & Blogaliza para obsequiala, señora, cun agasallo sonoro. Onte escoitaba a Radio Galega de camiño ao traballo cando descubrín por uns segundos a que –se A polo Ghit non existise, ou aínda así- podería ser a nosa canción do verán; nosa e dos veciños. Quim Barreiros, o noso Quim, o seu Quim, intérnase no perigoso mundo dos ritmos veraniegos con este ghitazo: O meu popo no teu pipi. Non puiden facer senón pirateala e poñerlla aquí para que escoiten. A París de Noia que a vaia aprendendo, non vaia ser…

Nota técnica: Preman onde pon “audio mp3” para escoitar