Pradolongo: seguramente, unha película necesaria

Abril 28, 2008 ás 11:01 pm | En País | 3 Comentarios

Esta tarde puiden ver, no Teatro Principal de Compostela, o filme Pradolongo (como é sabido, non foi posíbel vela nunha sala comercial, os empresarios saberán por que). Non farei unha crítica exhaustiva -entre outras cousas, porque a miña falta de coñecementos do asunto o impide- pero si vou deixar por aquí as ideas que me pasaron pola cabeza ao saír do Teatro. Probabelmente Pradolongo non sexa unha película épica que narre as nosas fazañas nacionais, os tres rapaces protagonistas (interpretados por Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto) non resisten no Monte Medulio nin fan unha chamada a salvarmos a Patria.

A cinta arranca no comezo do verán, xusto despois da selectividade (si, Ese Verán), tres amigos, dous rapaces e unha rapaza, a eles gústalles ela, saen por aí, que se me miras, que se un é superficial, que se o outro é sensíbel, que se nos liamos, que se non... Ademais, un deles ten un pai que é dono dunha louseira desas que, cando rematen de expremer os nosos montes, van deixar nas zonas afectadas só iso, un monte estragado, un entorno natural desfeito e algún carto no peto duns poucos. O pai do outro rapaz ten unha explotación agraria, e un monte que garda lousa da mellor nos seus adentros... Xa se poden facer unha idea da trama. Todo isto desenvólvese nun ambiente... quizais demasiado ideal, con rapaces de 18 anos que van -todos- a bares nos que se bebe licor café e se escoita Lamatumbá, que o pasan estupendamente en festas da súa aldea non con orquestras, senón con grupos folkies, e onde mesmo as pijas da cidade falan galego con acento de Valdeorras.

A todo o contado hai que engadirlle unhas actuacións máis afortunadas ca outras, mozas e mozos guapas e guapos, líos veraniegos con sobredose de hormonas... en síntese, é unha película que, sen dúbida, é un dos elementos que fan un pouco máis normal a cultura galega. Necesitamos películas lixeiriñas -aínda que, como neste caso, teñan de fondo un problema moi importante-, de mozos que se gustan, se lían e se deixan... mesmo filmes deses de-despois-de-comer. Veñan moitos máis.

Chuzame! chuzame -

“Si es que va provocando…”

Abril 17, 2008 ás 9:41 pm | En Medios, País | 2 Comentarios

A esta xornalista da fotografía, Isabel Quintairos, despedírona do seu posto de traballo logo de 20 anos de exercicio da profesión na mesma empresa. Aproveitando que regresaba dunha excedencia, aseguráronlle que o seu posto estaba amortizado, isto é, despedírona de facto. As súas faltas, delitos ou -vaia vostede saber- pecados:

Segundo recolle a sentenza xudicial correspondente, a Isabel botárona por ser homosexual e simpatizante do Bloque. Dado que non existían motivos para o despedimento, a xuíza obrigou a empresa a readmitila, sentenza contra a que foi presentado un recurso, e mesmo unha denuncia contra a maxistrada, por redactala en "una lengua tal vez cooficial o algún dialecto". A semana pasada foi despedida outra vez, previo acoso laboral, por "razóns obxectivas". A empresa en cuestión é propiedade da Conferencia Episcopal, que disque predica a igualdade, os valores do Evanxeo, etc. Demencial.

+ info en El País do 17 de abril. As sentenzas, aquí e mais aquí.

Foto: Anxo Iglesias.

Chuzame! chuzame -

Casas Vs caixas de zapatos

Abril 15, 2008 ás 9:52 pm | En País | 2 Comentarios

O próximo xoves entran en vigor as Normas do Hábitat Galego elaboradas pola Consellería de Vivenda e aprobadas polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro. A nova norma, máis avanzada que o Código Técnico de Edificación do Goberno central, detalla as características que, de agora en diante, deben ter todas as vivendas novas que se constrúan en Galiza, e xa topou coa oposición dos promotores, da Fegamp e de parte dos arquitectos. As normas estipulan, por exemplo, que todas as vivendas deben ter, como mínimo, unha hora de luz natural no mes de decembro, que unha cadeira de rodas poida circular sen problemas por todo o piso ou que os edificios sexan máis respectuosos co medio ambiente. Tendo en conta o balbordo que se leva escoitando de fondo estes días, pregúntome:

  • Ten sentido que, diante dunha crise económica, un Goberno saia ao rescate das empresas da construción, especialmente daqueles que son os principais responsábeis da suba deshorbitada dos prezos da vivenda? Polo tanto, ten sentido que o Presidente da Xunta plantexe a posibilidade de "flexibilizar" as normas?

  • Que papel están xogando a Fegamp e, máis concretamente, a súa directiva? É coherente a súa actitude coa que mantén o seu partido no Goberno?

  • Por que unha parte dun Goberno que fixo bandeira, dende o comezo da lexislatura, da construción sustentábel, recúa agora?

  • Tanto mandan os construtores e promotores? (retórica)

  • Canto falta para as eleccións?

Diante disto, só resta unha posibilidade ou, mellor dito, dúas: baixada de pantalóns e incoherencia ou valentía política.

Chuzame! chuzame -

De como un moribundo non pode curar un enfermo

Abril 7, 2008 ás 2:17 pm | En Divagacións, Medios, País | 3 Comentarios

Nunha incursión por terras luguesas -ultimamente abundan por motivos diversos (léanse entradas anteriores...)- estaba facendo algo tan propio do lugar coma ler El Progreso nun bar cando atopei un artigo, metade literatura, metade opinión, que reflicte en gran medida o meu parecer sobre o complexo sanitario que poden ver sobre estas liñas (daba saída así, de paso, ao meu afán dos últimos tempos de ler todo texto que leve palabras coma "Sergas" ou "hospital"). Se cadra porque tiven que pasar por experiencias pouco agradábeis nese lugar que me alteraron a percepción, quizais por preconceptos... o certo é que o Hospital Xeral de Lugo, alias "A Residencia", é, para min, o máis semellante a un deses hospitais soviéticos das películas, nos que non che estrañaría nada que no cuarto do lado estiven utilizando unha serra de carpinteiro como material cirúrxico e un garabullo nos dentes coma único anestésico. É posíbel que non sexa cousa dos profesionais, nin do equipamento... ou si, vaia vostede saber... o certo é que a descrición que Miguel Olarte asina baixo o título de "El chico de la 208" é tan retranqueira coma realista e demoledora. Déixolles aquí un petisco:

(...) Las tripas del Xeral rugen como las mías, pero no de hambre, sino de olvido. Allí donde miras hay herrumbre, desconchados y abandono, como si se tratara de un enorme enfermo desahuciado que, consciente de su estado terminal, no aspira a más tratamiento que el paliativo, y éste apenas le alcanza para sustentar la dignidad mientras el cuerpo se va cayendo a trozos. Los marcos, las puertas, las paredes ya no se molestan en ocultar las heridas abiertas por el descuidado ir y venir de las pesadas camas; las sillas, parientes cercanas de la Vieja Sparky texana, sólo siguen siendo legales en este país porque carecen de toma de corriente; localizar un soporte móvil para el gotero que aún ruede en lugar de arrastrarse es un imposible.(...)

"El Chico de la 208", Miguel Olarte en El Progreso do 6 de abril do 2008

Chuzame! chuzame -

Unha empresa tri-reintegrata

Abril 3, 2008 ás 8:37 pm | En Divagacións, País | 6 Comentarios

Non podo resistir a tentación de compartir con vostedes un encontro lingüístico na (polo menos) terceira fase que me inquieta dende hai vintecatro horas. Como observarán sobre estas liñas, o asunto inscríbese nun contexto no que un servidor, en galego ILG e de forma moi correcta, pon en coñecemento da empresa en cuestión que lle causa certo malestar que unha tarxeta duns poucos centímetros tarde máis dun mes en facer o percorrido Lugo - Santiago de Compostela... Como poden ver, a responsábel de atención ao cliente, devolucións, incidencias e mareos ao usuario, fai un exercicio lingüístico, cando menos, inquietante. Galego normativo? Reintegrado? Español reintegrado?

Nota: teñan en conta que a web en cuestión é trilingüe español-inglés-portugués. Mi no entender...

Chuzame! chuzame -

Que vote, que vote

Febreiro 28, 2008 ás 8:33 pm | En Cousas da casa, Divagacións, País | 9 Comentarios

Logo do g-debate de onte, despois de saber que o rigor non se merca en mercerías, que se a nena de Rajoy vivise en Galiza tería asistencia bucodental de balde, que temos que ter máis peso en Madrid ou que o Plan Galicia vai resucitar de entre os mortos... tocou votar. Se aceptamos como válido que o día das eleccións é a festa da democracia, poderiamos afirmar que, o voto por correo é a mesma festa, pero máis cutre... algo así coma se o 9 de marzo tocase a París de Noia e na oficina de Correos, como moito houbese un paisano cun organillo. Pero en fin, dado que a semana que vén vou estar secuestrado e a xornada en cuestión estarei recuperándome do secuestro... votado queda.

Nota mental: observen na imaxe cantas opcións hai na provincia de Lugo se se lle quere votar a un partido facha/freak, para que vexan.

Chuzame! chuzame -

O g-debate

Febreiro 26, 2008 ás 7:58 pm | En País | 4 Comentarios

Faltan pouco máis de vintecatro horas para que se celebre (ou non) diante das cámaras da Galega o debate entre os que, xenericamente, chamaremos os nosos líderes -en diante, ONL- a saber: o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e mais o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo. Nesta tesitura, xúrdenme varias preguntas:

-Ten sentido un debate entre ONL no marco dunhas eleccións xerais?

-Non sería máis acaído que debatisen os que se presentan a estas eleccións?

-Canto custa a montaxe espectacular que a TVG está a montar nun hotel compostelán?

-Cantos cartos se van perder no caso de que, finalmente, o PP diga que Feijoo non vai? Alguén preveu esta posibilidade?

-Como se van aproveitar os cartos investidos no caso de que non haxa debate? Vaise emitir o Luar desta semana dende o hotel en cuestión?

-Por que o PP pon tantas condicións?

-É este debate un ensaio para de-hoxe-nun-ano?

Actualización: finalmente, vai haber debate, así que non vai haber que empregar o decorado para emitir o Luar ou improvisar unha festa-dos-nosos-maiores. Saben o peor de todo? Que, aínda mantendo todas as anteriores cuestións, no fondo do meu ser, estes eventos encántanme -que inconsistencia moral, la que está liando Zapatero :P-.

Chuzame! chuzame -

De rúas e mortos

Novembro 29, 2007 ás 8:18 pm | En País | 2 Comentarios

"Pertenece usted a una ideología que en el siglo XX arrastra más de cien millones de muertos sobre sus espaldas"

Gerardo Conde Roa, showman e voceiro do PP compostelán (dirixíndose a Néstor Rego, voceiro municipal do BNG no Concello de Santiago.)

Esta perla cultivada é o que deixou o voceiro municipal do PP en Compostela, durante o pleno municipal no que, semella que desaforadamente, se debatía sobre o novo nomenclátor de rúas para a cidade. E é que o señor do Bloque opúñase, nin máis nin menos, que a que o ex-ministro Fraga Iribarne, logo de asumir que o conxunto de vías urbanas non son súas, tivese polo menos unha rúa para el soíño. Ao final, esa proposta -que no seu momento, todo sexa dito, partiu do alcalde Sánchez Bugallo- non prosperou e si pasaron a peneira outras basante máis afortunadas. Así, saiba vostede que se ten pensado mudarse a unha rúa compostelá que aínda non teña nome, pode que vaia vivir na rúa de Andrés Dobarro, rúa de Voces Ceibes, rúa de Avelino Pousa Antelo, rúa das Trece Rosas ou rúa do Zeca Afonso, por poñer uns exemplos. Pode consultar toda a relación aquí.

Chuzame! chuzame -

Unha “Pradera” para a Muralla

Novembro 21, 2007 ás 8:02 pm | En País | 3 Comentarios

pradera.jpg

Leo en El Progreso que o Concello de Lugo conmemora o VII aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Para tan magnos fastos, a Concellaría de Cultura da cidade organiza un concerto de María Dolores Pradera. Como é algo sumamente lóxico, non merece máis comentarios, non cre, señora? Y olé.

Chuzame! chuzame -

13-N: Nunca Máis, 5 anos despois

Novembro 13, 2007 ás 7:59 pm | En País | 29 Comentarios

Hai cinco anos, un buque feito con catro latas e cargado con setenta mil toneladas de chapapote sufría unha vía de auga a trinta millas de Fisterra. Uns días e varios paseos polo Atlántico máis tarde, o barco en cuestión, de nome Prestige, rachaba e comezaba a botar na costa galega todo o que levaba dentro (que, como logo aprendimos a distinguir, nin tan sequera era petróleo ou fuel-oil, senón unha mestura barateira e embrutecida de todo o anterior). Os que nos gobernaban naquela altura... pois, xa saben: un, de caza, o resto... cos "hilillos", a "batasunización", o "rencor por las esquinas" e, despois, cuarto de trolas, metade de improvisación, os mariñeiros autoorganizados, os medios de comunicación públicos secuestrados pola manipulación e moitos galegos, á rúa.

O caso e que xa vai alá un lustro duns días que a algúns nos serviron, ademais de para coñecer aos personaxes que mandaban, para espertar á conciencia política e tamén para saír á rúa a protestar, por nós propios, por primeira vez. Malia todo... lembro aqueles días cun non-sei-que de nostalxia. Profesores de instituto implicados e cabreados, segundo os casos, (moita) xente nas rúas, mesmo Intramuros, a marcha a Madrid... Valería para algo?

Pé de foto: imaxe tomada na praia de Traba (Laxe), da cadea humana organizada por Area Negra, os profesores integrados na Plataforma Nunca Máis. A modo de curiosidade tecnolóxica, saiban que a foto saiu da primeira cámara dixital de quen lles fala, cunha calidade semellante á dos actuais teléfonos móbiles.

Nota mental: Vou facer algo semellante ao que fan as películas-basadas-"on true facts"-de -Antena 3- despois-de-comer (ese xénero): na actualidade, a Plataforma Nunca Máis atópase, a efectos prácticos, desintegrada -o seu dominio en Internet xa nin existe- e boa parte da súa simboloxía foi institucionalizada. Que novos eramos.

Chuzame! chuzame -
Seguinte páxina »

Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios. Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^