'País' Category

3,2,1… Imos aló

Decembro 9th, 2008 Decembro 9th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
4 Comments »

Logo XdG

Despois das correspondentes contraccións, o neno nacerá mañá hoxe, que xa é martes 9, e dará os primeiros pasiños, primeiro arredor dos quioscos, logo aprenderá a xogar coa Rede e, xusto despois, aprenderá a andar para chegar todo o lonxe que poida. Collerémolo da man para saír á rúa. Imos aló.

Feijóo 2.0 de momento, cólgase

Novembro 30th, 2008 Novembro 30th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
1 Comment »

Feijóo.tv

A estas alturas xa non é un segredo que o Partido Popular terá como pilar fundamental da súa campaña electoral en Galiza a imaxe de Alberto Núñez Feijóo, o seu candidato á presidencia da Xunta. Como ben apunta hoxe Jose Precedo en El País, as siglas do PP van perdendo tamaño a medida que o gañan Feijóo e o seu ben deseñado logotipo, Feijó009 -unha cousa é o deseño, outra cousa é o asunto James Bond-. Así as cousas, quen asina non comprende como os estrategas electorais dos conservadores galegos e mais a axencia de publicidade encargada de tentar levar a don Alberto a San Caetano non caeron na conta de que a primeira gran acción de propaganda, paralela ao acto de proclamación de hai sete días en Santiago, pode ser un fracaso ou, o que é peor, pode ser un motivo de mofa, escarnio e maldizer precisamente naquel novo electorado no que queren callar. Fálolle, señora, cabaleiro, do videoblog Feijoo.tv.

Que o aspirante popular tivese un vlog era cuestión de tempo. Xa o presentara Anxo Quintana, é previsible que o PSdeG faga algo semellante e é a moda, o que toca, vaia. Outra cousa é materialización. Ademais de fallar no asunto do marketing viral e de estendelo polas redes sociais en Internet, algo que os autores do sitio de Quintana si souberon e saben facer, o principal problema é, na miña humilde opinión, a propia páxina. Trátase dunha web manifestamente mellorable no que á súa apariencia se refire, cunhas animacións que semellan sacadas dun capítulo de SouthPark e que serían moi modernas hai dez anos e unha estética que podería ter deseñado Emilio Pérez Touriño de cara a facer zozobrar o barco do PP en Internet. Se falamos dos videos, o resultado non é moito mellor. Primeiro, observamos a un Feijóo de cartón-pedra preocupado pola crise  nunha cociña que máis semella un plató, con dous post-its e mais unha factura de atrezzo -non hai ligazón, tampouco o teñen previsto-. Despois, continuamos co presidente do PPdeG asegurando que vai “encher” o solar sen edificar que ten ás costas -eu, dos responsábeis da campaña, non utilizaría como metáfora o urbanismo, no caso do PP-, cunha escenografía propia dun celebrities de Muchachada Nui. Poderiamos concluir, polo tanto que, polo menos en Internet, o equipo de Alberto Núñez Feijóo leva, de momento, un “necesita mellorar”, por non dicir suspenso e que a súa adaptación á web 2.0 e que se lle ve tan incómodo na web 2.0 como na cociña dende a que nos transmite as súas preocupacións pola suba do custo da vida.

Imaxe: Feijoo.tv

20-N

Novembro 21st, 2008 Novembro 21st, 2008
Posted in Cousas da casa, Divagacións, País, Xornalistiña
5 Comments »

Hoxe, 20 de novembro, cumpriuse o 73º cabodano do pasamento do ditador Francisco Franco Bahamonde, que morreu na cama. Hoxe, tamén, coñecemos que un esperpéntico grupúsculo radical interpuxo unha denuncia perante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza contra un partido político, legal e democrático, como tantos outros. E fíxoo porque disque a súa conduta é “repugnante” na imposición do uso da “lengua regional” e manipula menores através dos seus “grupos auxiliares”.

En tan magna data quero ademais, antes de durmir, compartir con vostede, que le, dúas frases que escoitei onte. A primeira perténcelle a un compañeiro de redacción e, a outra, ao propietario dun establecemento de hostalería da coruñesa Ronda de Outeiro. Aí quedan:

“Un xornalista que chega á casa sobrio e antes das doce da noite, nin é xornalista, nin é nada”

“Yo no soy racista, pero prefiero que estean allá”

Dito queda.

Se Sócrates erguese a cabeza…

Novembro 13th, 2008 Novembro 13th, 2008
Posted in Divagacións, País
2 Comments »

“Ao Valedor (…) habería que retiralo da circulación”

Francisco Rodríguez, Os Soprano

“Deixe de empregar as estatísticas como os borrachos utilizan as farolas: para agarrarse a elas e non caerse, que é como as utiliza vostede”

Emilio Pérez Touriño, se hai paro, non bebas

Non me meterei en se lles falta ou sobra razón, de seguro que o sabio lector chega á conclusión. En todo caso, ao longo de todo o día cheguei á conclusión de que ambas as dúas perlas dialécticas non podían quedar tiradas aí fóra, entre as tebras e o renxer de dentes.

Manteros

Outubro 11th, 2008 Outubro 11th, 2008
Posted in Divagacións, País
Comentarios desactivados en Manteros

Manteiros

As dúas primeiras semanas de outubro son as festas de Lugo. Do 4 ao 12, as rúas do centro da cidade alteran o seu ritmo de vida normal e énchense de barracas, churrarías, tómbolas e, dende hai uns anos, tamén de homes e mulleres de pel morena que tentan quitar uns poucos cartos vendendo cedés piratas, bolsos de Armoni ou Chinnel e suadoiros de Adudas ou Abibas. Son rapaces moi novos, que roldan os vinte anos e non dubidan en viaxar moitos quilómetros, fuxindo da fame, para chegar a este punto do mapa e rabuñar uns euros que, con sorte, lles darán para pagar os bocadillos que coman mentres estean na cidade e mais o billete de autobús para marchar a outra feira.

Todo isto acontece nunhas festas que hai xa tempo que abandonaron o seu carácter de romaría para pasaren a ser a grande e masiva celebración do outono galego, algo que, seguramente con bo criterio, levou a que as autoridades observasen a necesidade dun dispositivo policial acorde coa masa de propios e foráneos que poboan as rúas luguesas durante estes días. Así, as patrullas da mermada policía local refórzanse estes días con eses funcionarios policiais que levan un leonciño no ombro e que teñen a principal función de disuadir o criminal e transmitir sensación de seguridade.

Nestas condicións, quen manda nos policías do leonciño deciden que, para reforzar esa sensación de seguridade, pode ser unha grande idea repetir o espectáculo que xa se estreara hai uns anos na Rúa Real da Coruña, e desenvolver unha redada contra a pirataría. Non contra os que traen aos rapaces dos que antes falabamos e lles chuchan ata o sangue. Non contra os que importan as falsificacións, Tampouco contra quen as almacenan. Só porra contra manta de cedés, paseantes lucenses de-toda-la-vida que, por primeira vez, se decatan que o lado da sensatez, polo menos neste caso, non é o do uniforme, e non dubidan en protexer ao mantero da desmesura policial. De postre, temos un xornalista retido nun furgón das Fuerzas y Cuerpos. O entremés celebrouse a poucos metros do lugar en que, ao comezo das festas, dúas churrarías arderon ao carón de dous centros educativos. Sensación de seguridade.

Foto: Xesús Ponte, en El Progreso do 9 de outubro.

O debate do estado da cuestión

Outubro 10th, 2008 Outubro 10th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
1 Comment »

Debate

Por primeira vez en tres anos vivín un acontecemento político neste santo país dende a distancia do ouvinte, o lector ou o espectador. O Debate, de estado da autonomía, de política xeral, de estado da nación… chegou á miña casa como á de todo o mundo, pola radio, pola tele, por Internet e, ao día seguinte, polo xornal. A primeira xornada, mentres o presidente desgranaba durante dúas horas infraestruturas, dous mil doces e subvencións ás empresas que contraten indefinidamente a persoas que leven máis doce meses no paro, eu aproveitei para facer a cama, pór un pouco de orde no meu cuarto e ir ao súper. Pola tarde, merquei unha camisa con Anxo Quintana lembrándolles ás bancadas populares que xa abonda de dicir que o castelán está en perigo de morte, e elixín unha chaqueta negra en Zara mentras Alberto Núñez Feijoo subía á tribuna cunha caste de discurso de investidura adiantado.

Soubemos con este debate que os socios do bipartito veñen de escenificar a unidade do Goberno. Por primeira vez no que vai de lexislatura -deixando de lado aqueles días do verán de 2005-, dende as bancadas nacionalistas se aplaudiu en masa o discurso de Emilio Pérez Touriño e, dende as do PSdeG, fíxose o propio coa intervención de Anxo Quintana. Non podo evitar preguntarme que nos trouxo de bo, ou de novo, o acontecemento, aparte de todo o ritual que supón, dunha lembranza máis de que as eleccións están aí, á volta, e do momento histórico da semana, co Partido Popular aprobando (sí-pero-no) unha proposta de resolución que condea a ditadura de Franco. Non os botan de menos, parlamentariamente falando, aínda que só sexa un chisquiño?

Nota ao pé: todo o que na entrada anterior diciamos con toda caste de cautelas, agora podemos dicir que xa é seguro. E aviso: estase a cocer algo moi grande… xa me verán a cara de ilusión.

Hai que subvencionalos!

Setembro 29th, 2008 Setembro 29th, 2008
Posted in Blogaliza, Momentos freaks, País
5 Comments »

Hai que subvencionalos, by Fer

Dende os cerebros máis perversos do Inframundo compostelán. Dos produtores de Agora mandamos nós. Con algunha dose de licor café… e materializado pola retorta -e lúcida- mente de Fer, a Consellaría de Estómagos Agradecidos ten a honra de convidalos a esta magna estrea mundial. Case catro anos despois, daquilo que cada un pense en candidatos e candidatas para protagonizar, co-protagonizar e figurar nun filme chamado a revolucionar o país bipartito.

Premios a esgalla

Setembro 3rd, 2008 Setembro 3rd, 2008
Posted in País
3 Comments »

Recortes Premios Galicia Comunicación

Son algo menos de tres anos os que separan estes dous recortes. O primeiro corresponde a finais de 2006, cando o por, naquela altura, “Novo Goberno“, daba os seus primeiros pasos. O segundo, está tirado dun DOG de hai uns días, e convoca unha nova edición duns galardóns que nos van custar 43.990,36 euros. Nunca me poderá parecer ben un premio xornalístico que proveña dun Goberno, sexa este do cor que sexa e veñan as propostas de onde veñan -agora deben ser enviadas polos autores dos traballos ou por  persoas e/ou entidades que consideren a un terceiro merecedo do galardón-. E é que, na democracia mediática (que vén de “medio”, pero tamén podería vir de “medo”) na que vivimos, o que menos falta fai é unha ligazón de vasalaxe, servilismo, peche de bocas, adulación barateira ou palmadiñas nas costas entre Executivo e empresas de comunicación. Subvencións, premios e medios públicos. Novo Goberno, cambio(?).

Bo Día da Patria

Xullo 25th, 2008 Xullo 25th, 2008
Posted in Divagacións, País
12 Comments »

Porque, malia durmir tres horas e ter que traballar, malia aos anacronismos, malia a certos eslogans, malia aos de sempre, este Día encántame.  Bo Día da Patria.

Os Rastreros seguro que non pensaban nisto

Xullo 14th, 2008 Xullo 14th, 2008
Posted in Divagacións, Momentos freaks, País
4 Comments »

Quizais era só cuestión de tempo: señora, a Xunta organizou unha tractorada. O certo é que, nestes tempos confusos que nos toca vivir, non sería máis de estrañar que moitos outros saraos do Goberno, pero isto en concreto (aínda) non pasou. Trátase dunha peregrinaxe a Compostela protagonizada por 24 tractores clásicos.

Nota mental 1: non lles lembra a ningunha obra pictórica, polo menos en espírito a foto de Otto, artista de AGN? Mirada ao horizonte, bandeira ao vento.

Nota mental 2: non sería un conselleiro de Medio Rural montado nun Massey Ferguson de época un bo cartaz para o vindeiro 25? Non é Barreiros, vale, pero… sempre poderá valer para unha campaña contra os incendios, recuperando o lema “Sorte para o País”, que un director xeral xa fixera célebre nos infaustos días do verán de 2006.

Nota  mental 3: que pensarán Os Rastreros?