“En mi calle no, que molestan”

Maio 23, 2008 ás 2:40 pm | En Divagacións, País, Rachí | Sen comentarios

Como bo lugués emigrado, teño o costume/vicio de botarlle un ollo a El Progreso practicamente a diario. Ao facelo na súa web, leo o xornal cun día de atraso e hoxe atopei o titular que poden ler sobre estas liñas. Resulta que os veciños das rúas que colindan co Parque Rosalía de Castro, ou o que é o mesmo, co recinto feiral do San Froilán, están dispostos a chegar aos tribunais para que as barracas marchen para outro punto da cidade, lonxe do centro. Tradución: un grupo de xente de-Lugo-de-toda-la-vida está disposta a matar as festas da cidade porque non son quen de aturar algo menos de dez días de ruído nocturno e de non poder chegar co coche á porta da casa. Agardemos que o Concello de Lugo teña a valentía suficiente como facer ouvidos xordos á reivindicación en cuestión -xa ten feito o propio cou outras bastante máis xustas na mesma zona, por outra banda- e non lles dea máis valor por-ser-ellos-quien-son. Máis información no exemplar de El Progreso do 22 de maio.

Chuzame! chuzame -

Eu tamén son do Verbenero

Agosto 21, 2007 ás 3:10 pm | En Medios, Momentos freaks, País, Rachí | 21 Comentarios

verbenero1.jpg

Sabía que esquecía algo. De camiño para o Sarabanduxa, cos ollos na estrada e os oídos na radio, comprobei con estupor e tristura que Verbenero . ficaba no cuarto posto e non era proclamada, con todas as honras, gañadora do A polo Ghit e, polo tanto, canción do verán 2007. Señora, vostede non sei que pensará, pero eu, dende a miña humilde opinión, teño claro que por ritmo, tema e mesmo por capacidade de crear ambiente de campo da festa, Verbenero, d'Os Forfiestas, é o gañador sentimental dun certame cuxa magna labor é, nin máis nin menos, que a de elixir a canción do verán galega. Dito isto, señores do xurado: queda constituída formalmente a PVFA (Plataforma dos que votamos polos Forfiestas no A Polo Ghit 2007), polo momento unipersoal pero aberta a todo tipo de adhesións máis ou menos interesadas.

Nota mental: Vaia por diante que non teño nada en contra de Sacha na Horta e os seus Biocultivos, mesmo me ten o seu aquel... pero canción do verán, o que se di canción do verán para min, non é.

Chuzame! chuzame -

Envísiate

Agosto 21, 2007 ás 2:30 pm | En Rachí | 6 Comentarios

imaxe006.jpg

Logo da Gran Caída, Blogaliza is up e dispóñome a escribir o que tiña pendente dende a fin de semana. Inicialmente previamos pasar dous días no cuasi-paraíso, pero parece que todo o mundo tivo a mesma idea e non houbo sitio, así que os planes trocaron e rematamos no Sarabanduxa, un festival que, a dicir verdade, a min non me atraía demasiado pero que rematou sendo bastante mellor do que pensaba. Despois: a aventura... preguntarse se realmente é aí onde se pode acampar, probar a ría e comprobar que para ter auga máis arriba da cintura hai que ir case ata as bateas... ou agardar polas estrelas da noite mentres eramos fotografados. Así as cousas... noite de xolda e anécdotas (aventuritas) para contar durante un mes, aproximadamente, e máis matices e aspectos da noite porque aquí, ao cabo, coñecémonos todos -ou case-.

Nota ao pé: a foto, tomada ás 6:02 da mañá, penso que resume ben parte da idiosincrasia do evento. Visio.

Chuzame! chuzame -

Toca Pardiñas!

Agosto 3, 2007 ás 7:18 pm | En Rachí | 6 Comentarios

Aínda que as cousas laborais e estivais fixeron que nos últimos días teña este espazo algo desatendido, non me resisto a pasar por aquí para facerlles unha recomendación. E é que de todas as opcións de rachí que temos esta fin de semana, para min a elección está clara: sábado e domingo, todos a Pardiñas. Ademais dos que figuran no cartaz, unha sorpresa: Fuxan os Ventos. Máis información, na web da Asociación Cultural Xermolos, organizadores do evento que xa cumpre vinteoito anos.

Chuzame! chuzame -

Verbenero!

Xullo 16, 2007 ás 7:42 pm | En Rachí | 29 Comentarios

Contáballes hai uns días que xa tiña canción candidata para o A polo ghit deste ano... Agora teño que recuar ou, como mínimo, complementar a miña proposta. E é que Os Forfiestas e o seu Verbenero (vencellos familiares do artista aparte) molan, por así dicilo, un feixe, por non entrarmos a reflexionar sobre o feito de que reflicte perfectamente o momento verbena! (especial atención merece o son ambiente "atensión... quiten el coche, que molesta". É o bo que ten a democracia con apertura de miras, que se pode votar máis dunha vez. Escóitea, señora! .

Chuzame! chuzame -

Toda unha aventura

Xullo 9, 2007 ás 10:06 pm | En Rachí | 32 Comentarios

Aínda non fixera ningún post Master Card, penso que é o momento:

-Macro-compra no Alcampo (incluíndo parasol e "kit-barbacoa"): 60€

-Colchoneta: 2'80€

-MEGÁFONO: 11 € (logo de relear)

-Durmir na rúa dous días consecutivos, buscarlle parecidos a Kepa Junkera, vengarse dos veciños a base do xa citado megáfono ou tentar a evacuación da acampada diante do cataclismo climático que se aveciñaba: non ten prezo, of course.

Chuzame! chuzame -

Ole, morena!

Xuño 10, 2007 ás 11:18 pm | En Rachí | 1 Comentario

Vía Chuza! atopei unha nova razón para vencer, un ano máis, as miñas reticencias iniciais e coller o coche para irme meter tres días a ese planeta que cheira a kalimotxo e substancias estupefacientes e onde, cun pouco de esforzo, aínda se pode escoitar boa música. Este ano, disque Pepe Vaamonde Grupo fará acto de presenza... déixolles aquí un adianto, "Aires de Montillón", clasicazo dese local lugués que debería ser, como mínimo, Patrimonio da Humanidade. Góceno.

Chuzame! chuzame -

Revolvendo Roma con Santiago (e viceversa)

Febreiro 23, 2007 ás 10:16 pm | En Divagacións, Rachí | 41 Comentarios

roma-066.jpg

Hai hoxe unha semana volvía, cos pés completamente mallados, de pasear pola Praza de San Pedro, a Praza Navona, a Praza de Paco -digo... despaña, coño-, a magnífica Fontana di Trevi... rimos, moitísimo, pateamos aínda máis... e comemos pasta e xelados (recomendo especialmente os que saben a Ferrero Rocher, no Trastévere). Foron varios os que me preguntaron "que foi o que máis che gustou?". Pois non sabería dicirlles... a pedra non é como a nosa, todo hai que dicirlo, pero teño que confesar que volvín encantado de estar pisando historia durante catro días, coñecendo e tamén facendo as máis escarallantes paranoias a moitos quilómetros da casa. Non sabe vostede, señora, o ben que lle senta a un botar un pé na Piaza del Popolo... gravar unha crónica ao máis puro estilo das edicións máis rancias d'A Revista... e rir moito. Bueno, rapaces, hai que pensar na próxima non? Non hai queixa ningunha da compañía no viaxe, todo hai que dicilo, sen vós seguro que a cidade non me sabería nin a metade de ben.

Chuzame! chuzame -

Nos últimos tempos…

Novembro 9, 2006 ás 12:44 am | En Divagacións, Rachí, Xornalistiña | 12 Comentarios

Nos últimos tempos non contactei demasiado cos que siguen lendo estas liñas, e non é que haxa moitas liñas novas. Chámanlle estrés, falta de tempo... supoño que esas son algunhas das razóns polas que (oh, cielos!), descubrín esta semana que vou ter que ser algo máis sanote por prescición facultativa. Non sei se botarlle a culpa ao Goberno, que malo será que algo non teña que ver na (só un pouco) excesiva presión coa que o sangue circula polos meus carreiros internos.

Así e todo, estes días non foron só de tensión (non seus diversos sentidos) e estrés. Tamén tiven tempo para outras cousas. Como rematar na Quintana as sete da mañá, rindo atopar caras novas (pero coñecidas) que se agradece ver neses actos rituais que lles chaman roldas de prensa... Tiven tempo ademais para escribir (por certo, grazas!) sobre blogueiras... e a botar de menos ter máis minutos, máis horas para estar con quen me merece máis atención... tentareino. Iso si, a miña vertente sanota xa está empezando a causar riso e cachondeíto no meu entorno máis próximo... é que iso de verme cear herba non é moi meu. Ai, a saúde...

Chuzame! chuzame -

Túnez

Outubro 9, 2006 ás 3:49 pm | En Rachí | 5 Comentarios

Túnez.jpg

Aquí estamos. Non pense vostede, señora, que morrín nos últimos días. Só estiven a dous mil e pico quilómetros, diso que lle chaman Paso de Ecuador e non sei por que, porque o Ecuador xa vai boa que o pasamos. En fin, que quedei con moitas cousas desta semana... o paseo en dromedario (todo un espectáculo), a inmensidade do deserto, marabillas naturais coma os oasis, edificios preciosos... tamén con cousas que petan nos miolos do occidentaliño común. E é que por tras dos enormes (-ísimos) complexos hoteleiros hai rúas que non viron nunca unha vasoira, porque nelas vive xente que vive do que pode e nenos que che piden bolígrafos ou lapis pola rúa. Diso tamén hai, e ese é un dos países privilexiados do continente, o de abaixo é moito peor.
Malia todo (algún que outro guía imbécil, o cansanzo dos madrugóns, etc.) o balance é satisfactorio, si señora. Rin moito, moitísimo... nos zocos, releando a-lo-loco, nos hoteis, co inglés-francés-árabe macarrónico que practicamos, con Mohamed (o guía simpático) e o seus xeito de falar... ademais da boa noticia recibida no medio da semana... Ai, pois xa quedou alá ese cachiño de África no que algún vendedor xa sabe que Galiza is not Pantoja.

Chuzame! chuzame -
Seguinte páxina »

Isto existe grazas a WordPress e Blogaliza, co aspecto Pool theme deseñado por Borja Fernandez e modificado pol'O'Xirarei
Semente RSS das Entradas e dos comentarios. Válidos XHTML e CSS. ^Ir enriba^