'Sen clasificar' Category

Agora andan a pedir polas portas

Xullo 6th, 2008 Xullo 6th, 2008
Posted in Sen clasificar
2 Comments »

Hai uns anos, unhas mentes iluminadas, con cuarto de neurona e metade de cemento, decidiron que A Mariña de Lugo era un sitio ideal para crear a Marbella galega. Así as cousas, coa burbulla inmobiliaria máis que pletórica, comezaron a alicatar ata o teito unha costa que os que temos máis de 15 anos aínda lembramos cun chalé cada catro quilómetros e o resto costa, simplemente. A día de hoxe, ir por alí, aínda que sexa de pasada, dá pena e vergoña allea a partes iguais: Barreiros, Benquerencia, Reinante… e así ata Ribadeo, chalés de infame gusto e peor situación. Pero por se non fose pouco, a burbulla vén de rebentar e, como ben apuntaba Tomás G. Morán na Voz de onte, agora ese soño imbécil que non puido ser deixounos “feísmo en cantidades industriais“, de tal xeito que “a parede sen recebar do emigrante de Fráncfort mesmo nos vai parecer bonita”. E, de paso, queda un entorno natural privilexiado estragado para sempre, a non ser que alguén poida (e se atreva) meterlle a piqueta. Así e todo, os que se meteron a tabeiróns inmobiliarios seguen tentando pescar nun río no que apenas quedan peixes, e penduran cartaces coma o da imaxe, ata nas casas en ruínas, a ver se alguén pica. Ao cabo, como xa houbo quen lembrou, na Mariña hai máis de quince días de sol ao ano!.

Aínda por riba, “cachondeo”

Xuño 19th, 2008 Xuño 19th, 2008
Posted in Sen clasificar
4 Comments »

A publicidade ten unha intención básica de seu: vender as bondades dun produto dado ou  vender pesos a catro pesetas e cobralos a seis. Mesmo raiar a media verdade. Pero cando minte descaradamente e aínda se escacha das miserias alleas nos fuciños do afectado merece, como mínimo, un comentario. A cuestión é que veño de atopar nas páxinas de El Progreso o anuncio que podedes ver arriba (e aquí máis grande), no que, cun mapa de Galiza cruzado por dous trens como motivo fundamental, se asegura que coa Renfe “vas o vienes siempre que quieras“.

Se xa ten coña que a operadora dos ferrocarrís diga isto neste santo país, o asunto adquire tintes esperpénticos se o fai en Lugo e arredores… faltoulles aclarar “sempre que queira ir, sempre e cando non sexa máis de dúas veces ao día” ou “sempre que queira tardar dúas horas e media en percorrer un camiño que no coche non leva máis de cuarenta e cinco minutos”, ou mesmo “vas ou vés sempre que queiras en trens que nos anos 70 xa eran vellos“. Pero non se aflixa, benquerido lector: nunha data máis ou menos próxima, disque os nosos males van curar definitivamente: chegará a velocidade alta, que non alta velocidade, e os trens tradicionais ficarán no esquecemento. Seguirá sen existir vía entre, por exemplo, a capital e Lugo… agora ben, sempre nos quedará a esperanza de dicir que compensa máis ir ao Corte Inglés da Calle Preciados que ao da Coruña, minuto arriba, minuto abaixo.

Nota ao pé: tendo en conta o simboliño de abaixo á esquerda… quen subvenciona este tinglado?