'Xornalistiña' Category

Propaganda

Maio 3rd, 2009 Maio 3rd, 2009
Posted in Xornalistiña
2 Comments »

Atopo na de Juan Varela esta viñeta que El Roto publicou en El País e que hoxe, Día da Liberdade de Prensa, pode ser unha boa ilustración para parte dos problemas dos que adoece este oficio, que tamén é un negocio. E é que a liberdade de prensa, por desgraza, non consiste só en garantir que un xornalista poida escribir sen ser detido.

Javier Ortiz, xornalista

Abril 29th, 2009 Abril 29th, 2009
Posted in Medios, Xornalistiña
1 Comment »

Hai dous anos, na anterior vida deste mesmo blog, comentaba o moito que me prestaba ler as columnas de Javier Ortiz, por entón contrapunto do marasmo de opinadores de El Mundo, meses antes de trasladar as súas lúcidas columnas a Público, ademais de aos seus Apuntes del Natural.

Onte, no mesmo Público, descubrín o obituario de Javier Ortiz, escrito por Javier Ortiz. Vasco con antepasasados de todos os sitios, este xornalista tivo o peito, a retranca e, de novo, a lucidez, de escribir a crónica da súa propia morte, sen dramatismo e concluíndo que, á fin, a súa repentina desaparicion do mapa deriva en “otro puesto de trabajo disponible”. “Algo es algo”, reflexionaba a continuación. Sinxelamente, grandioso.

Agora, que Ortiz non poderá escribir máis, volvo -tomando prestado o seu titular- recomendar a re-lectura dos seus escritos, e reafírmome na opinión de querer parecerme -na escrita, o de morrer novo xa decidín hai un tempo que, a ser posíbel, mellor nonun pouquiño ao vasco barbudo ao que tiven a oportunidade de coñecer na miña época universitaria, nunha aula de Xornalismo Especializado. Os comunistas coma el van ao ceo?

Sentinme raro…

Decembro 15th, 2008 Decembro 15th, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
2 Comments »

… porque raro é, por mor dunha serie de imprevistos e rebotes que non veñen ao caso, ter que rematar entrevistando en inglés a un Premio Nobel de Física. O ignorante que pode chegar a sentirse un  diante de don Gerardus ‘t Hooft preguntando polos black holes… Sabían que un asteroide ten o nome deste home e que lle escribiu unha constitución onde están prohibidos os apóstrofos?

Nota ao pé: décatáronse de que xogo de palabras tan ben traído?

3,2,1… Imos aló

Decembro 9th, 2008 Decembro 9th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
4 Comments »

Logo XdG

Despois das correspondentes contraccións, o neno nacerá mañá hoxe, que xa é martes 9, e dará os primeiros pasiños, primeiro arredor dos quioscos, logo aprenderá a xogar coa Rede e, xusto despois, aprenderá a andar para chegar todo o lonxe que poida. Collerémolo da man para saír á rúa. Imos aló.

Feijóo 2.0 de momento, cólgase

Novembro 30th, 2008 Novembro 30th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
1 Comment »

Feijóo.tv

A estas alturas xa non é un segredo que o Partido Popular terá como pilar fundamental da súa campaña electoral en Galiza a imaxe de Alberto Núñez Feijóo, o seu candidato á presidencia da Xunta. Como ben apunta hoxe Jose Precedo en El País, as siglas do PP van perdendo tamaño a medida que o gañan Feijóo e o seu ben deseñado logotipo, Feijó009 -unha cousa é o deseño, outra cousa é o asunto James Bond-. Así as cousas, quen asina non comprende como os estrategas electorais dos conservadores galegos e mais a axencia de publicidade encargada de tentar levar a don Alberto a San Caetano non caeron na conta de que a primeira gran acción de propaganda, paralela ao acto de proclamación de hai sete días en Santiago, pode ser un fracaso ou, o que é peor, pode ser un motivo de mofa, escarnio e maldizer precisamente naquel novo electorado no que queren callar. Fálolle, señora, cabaleiro, do videoblog Feijoo.tv.

Que o aspirante popular tivese un vlog era cuestión de tempo. Xa o presentara Anxo Quintana, é previsible que o PSdeG faga algo semellante e é a moda, o que toca, vaia. Outra cousa é materialización. Ademais de fallar no asunto do marketing viral e de estendelo polas redes sociais en Internet, algo que os autores do sitio de Quintana si souberon e saben facer, o principal problema é, na miña humilde opinión, a propia páxina. Trátase dunha web manifestamente mellorable no que á súa apariencia se refire, cunhas animacións que semellan sacadas dun capítulo de SouthPark e que serían moi modernas hai dez anos e unha estética que podería ter deseñado Emilio Pérez Touriño de cara a facer zozobrar o barco do PP en Internet. Se falamos dos videos, o resultado non é moito mellor. Primeiro, observamos a un Feijóo de cartón-pedra preocupado pola crise  nunha cociña que máis semella un plató, con dous post-its e mais unha factura de atrezzo -non hai ligazón, tampouco o teñen previsto-. Despois, continuamos co presidente do PPdeG asegurando que vai “encher” o solar sen edificar que ten ás costas -eu, dos responsábeis da campaña, non utilizaría como metáfora o urbanismo, no caso do PP-, cunha escenografía propia dun celebrities de Muchachada Nui. Poderiamos concluir, polo tanto que, polo menos en Internet, o equipo de Alberto Núñez Feijóo leva, de momento, un “necesita mellorar”, por non dicir suspenso e que a súa adaptación á web 2.0 e que se lle ve tan incómodo na web 2.0 como na cociña dende a que nos transmite as súas preocupacións pola suba do custo da vida.

Imaxe: Feijoo.tv

20-N

Novembro 21st, 2008 Novembro 21st, 2008
Posted in Cousas da casa, Divagacións, País, Xornalistiña
5 Comments »

Hoxe, 20 de novembro, cumpriuse o 73º cabodano do pasamento do ditador Francisco Franco Bahamonde, que morreu na cama. Hoxe, tamén, coñecemos que un esperpéntico grupúsculo radical interpuxo unha denuncia perante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza contra un partido político, legal e democrático, como tantos outros. E fíxoo porque disque a súa conduta é “repugnante” na imposición do uso da “lengua regional” e manipula menores através dos seus “grupos auxiliares”.

En tan magna data quero ademais, antes de durmir, compartir con vostede, que le, dúas frases que escoitei onte. A primeira perténcelle a un compañeiro de redacción e, a outra, ao propietario dun establecemento de hostalería da coruñesa Ronda de Outeiro. Aí quedan:

“Un xornalista que chega á casa sobrio e antes das doce da noite, nin é xornalista, nin é nada”

“Yo no soy racista, pero prefiero que estean allá”

Dito queda.

Lo que como, lo que bebo, calcio de leche… ahhh!

Novembro 6th, 2008 Novembro 6th, 2008
Posted in Divagacións, Momentos freaks, Xornalistiña
5 Comments »

Adriana Ozores

Un dos efectos de escoitar a radio mentres fas o mesmo percorrido á mesma hora durante moitos días é que, sen demasiado esforzo, rematas por familiarizarte e mesmo por saber de memoria as cuñas que, na mesma orde, se emiten nas pausas publicitarias. Unha delas, que a SER adoita emitir antes do boleto das 10, ponme especialmente nervioso e gustaríame compartila con vós, para saber se un é moi repunante (sen -g-) ou se, efectivamente, esta cuña –>Cuña terrible de Leche Pascual protagonizada por Adriana Ozores, as súas reflexións de madurez e os seus ruídos bucais enervan ao máis pacífico. Todo isto, aderezado cunha guitarriña que incita á agresividade matutina Se un día destes hai un altercado entre automobilistas nas entradas da Coruña, quizais a indemnización a teñan que pagar, a pachas, Adriana Ozores e Leche Pascual.

Nota ao pé: desculpade pola calidade do son, a gravación está feita cun teléfono e en movemento no Feiranta-móbil.

Cidadán AP-9

Outubro 25th, 2008 Outubro 25th, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
6 Comments »

Os días comezan pola mañá cedo. Con puntualidade case británica, chego cada día ao atasco matutino, primeiro na entrada da cidade e despois na entrada ao polígono. Hai que ir tan devagar que mesmo son quen de utilizar o volante coma batería improvisada, podo memorizar cuñas radiofónicas absolutamente terríbeis e re-atoparme coas gracietas sobre “o único” na radio. Semella que hai moitos condutores da Coruña e arredores que non aturan que alguén leve boa cara a esas horas, porque me miran mal cando se decatan que, ás veces, monto unha pequena orquestra no coche no “engarrafamento de tránsito” ou cando lle dou voltas ao polígono buscando un sitio para aparcar (hai quen toma a xustiza pola man e se bota ao monte co vehículo…;) ).

E dirán: a que vén este relato de costumes? Pois a que xa había días que tiña a barra desatendida e tamén me apetecía compartir con vostede, señora, cabaleiro, que pasa por aquí, o ledo que ando. Malia ás horas de atasco e de teléfono falando con persoeiros. A criatura Xornalística segue medrando a bo ritmo…

O debate do estado da cuestión

Outubro 10th, 2008 Outubro 10th, 2008
Posted in País, Xornalistiña
1 Comment »

Debate

Por primeira vez en tres anos vivín un acontecemento político neste santo país dende a distancia do ouvinte, o lector ou o espectador. O Debate, de estado da autonomía, de política xeral, de estado da nación… chegou á miña casa como á de todo o mundo, pola radio, pola tele, por Internet e, ao día seguinte, polo xornal. A primeira xornada, mentres o presidente desgranaba durante dúas horas infraestruturas, dous mil doces e subvencións ás empresas que contraten indefinidamente a persoas que leven máis doce meses no paro, eu aproveitei para facer a cama, pór un pouco de orde no meu cuarto e ir ao súper. Pola tarde, merquei unha camisa con Anxo Quintana lembrándolles ás bancadas populares que xa abonda de dicir que o castelán está en perigo de morte, e elixín unha chaqueta negra en Zara mentras Alberto Núñez Feijoo subía á tribuna cunha caste de discurso de investidura adiantado.

Soubemos con este debate que os socios do bipartito veñen de escenificar a unidade do Goberno. Por primeira vez no que vai de lexislatura -deixando de lado aqueles días do verán de 2005-, dende as bancadas nacionalistas se aplaudiu en masa o discurso de Emilio Pérez Touriño e, dende as do PSdeG, fíxose o propio coa intervención de Anxo Quintana. Non podo evitar preguntarme que nos trouxo de bo, ou de novo, o acontecemento, aparte de todo o ritual que supón, dunha lembranza máis de que as eleccións están aí, á volta, e do momento histórico da semana, co Partido Popular aprobando (sí-pero-no) unha proposta de resolución que condea a ditadura de Franco. Non os botan de menos, parlamentariamente falando, aínda que só sexa un chisquiño?

Nota ao pé: todo o que na entrada anterior diciamos con toda caste de cautelas, agora podemos dicir que xa é seguro. E aviso: estase a cocer algo moi grande… xa me verán a cara de ilusión.

Case seguro…

Outubro 3rd, 2008 Outubro 3rd, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
3 Comments »

X

Con todas as cautelas que estes asuntos merecen e, a falta de explicacións de condicións, sinaturas e demais. Isto é: collido con alfinetes, polo menos de momento, penso que podemos asegurar que O’Xirarei xa non busca traballo. Coido que xa volo dixen á maioría, pero que conste en acta: grazas. Polas chamadas, por preocuparvos, por poñervos no meu lugar e por tentar, cada un na medida das súas posibilidades, unha manciña nese momento que resulta calquera cousa menos doado. Contareivos máis cando lle poidamos quitar as cautelas ao asunto.

Nota  mental 1: traeríame boa sorte? E é que o escenario para recibir a boa nova non puido ser mellor…

Nota mental 2: moitos, moitos parabéns. As penas con pan son menos, e as alegrías con compaña son máis.

Nota gráfica: o X do de aí arriba inventeino eu.