'Xornalistiña' Category

O’Xirarei busca traballo

Outubro 1st, 2008 Outubro 1st, 2008
Posted in Cousas da casa, Xornalistiña
1 Comment »

Busco traballo

A utilidade deste oficio

Xuño 26th, 2008 Xuño 26th, 2008
Posted in Medios, País, Xornalistiña
2 Comments »

Hai dous días, unha intervención parlamentaria do nacionalista Carlos Aymerich deu pé a que tres medios, as radios e un dixital, sacasen á luz a existencia dunha páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica na que,  baixo o nome Invest in Galicia, se instaba aos inversores estranxeiros a achegárense ao noso País e montar unha empresiña. Os argumentos? Tales coma que “la Comunidad Autónoma estrá entre las regiones con un menor coste laboral, aproximadamente el 86% de la media nacional”, que o noso entorno laboral presenta unha “escasa conflitividade” ou mesmo que a man de obra galega ten unha “excelente predisposición ao traballo“. O argumentario reforzábase con táboas e gráficos que deixaban claro que, por exemplo, unha hora de traballo galego podía chegar a custar seis euros menos cá dun vasco Síntese: ben preparados, baratos e parvos. Por se non fose suficientemente grave que o a Xunta nos vendese no mundo coma unha reserva de man de obra barata, isto adquiría especial gravidade se temos en conta que o PSdeG puña, hai catro anos (e con razón) a baixar dun burro ao entón responsábel da Consellaría de Economía, José Antonio Orza, por facer… o que? exactamente o mesmo, através de anuncios na prensa e televisión suecas.

Pois ben, hoxe, apenas cuarenta e oito horas despois, o Presidente da Xunta confirmaba que dera a orde de eliminar semellante insulto (a páxina principal xa non funciona, o resto, de momento si). Non concordaba, disque, coa liña política do Goberno e non era “obviamente”, en absoluto “brillante”. Uns prenderon a mecha, outros seguiron o rastro da pólvora e outros empregaron toda a súa (gran) capacidade de ser altofalante para demostrar que, unha vez máis, este oficio é, e debe ser, instrumento crítico e útil para a sociedade. Malia todo. Parabéns.

No día do Patrón

Maio 3rd, 2008 Maio 3rd, 2008
Posted in Xornalistiña
2 Comments »

Hoxe, Día da Liberdade de Expresión, santo patrón dos xornalistas, non podo evitar lembrar as subvencións aos medios, a precariedade laboral materializada en soldos de miseria ou en contratos eventuais, as roldas de prensa sen preguntas, o control partidario dos medios públicos, a autocensura, a censura política, a censura económico-empresarial… e todas estas cousas coas que convivimos cada día os que nos dedicamos a este negocio. Non é necesario mirar a milleiros de quilómetros para reivindicar un xornalismo máis libre. Subscribo, de paso, o manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas, que di cousas tan atinadas coma estas:

A liberdade de expresión para un xornalista só pode ser entendida como unha sucesión de deberes: o deber de saber o que pasa, o deber de contalo e o deber de chamarlles ás cousas polo seu nome. Esta é a era das comunicacións porque a comunicación converteuse no principal elemento de control social no chamado mundo desenvolvido; é o gran somnífero das conciencias. Por tódolos medios posibles, transmítesenos información, desinformación, propaganda e publicidade; todo para conseguir o imposible de facer consumidores felices a exércitos de mileuristas hipotecados.

Expresémonos libre e honestamente, conscientes do diminuta que é a nosa forza, pero conscientes tamén de que, cando quedamos calados ou adormecidos, o que empurra en sentido conrario non descansa e, sen que nos decatemos, estanos facendo recuar no camiño da liberdade que dicimos defender.

Feliz día do Santo Patrón.

A miña precariedade é a túa desinformación

Novembro 5th, 2007 Novembro 5th, 2007
Posted in Xornalistiña
3 Comments »

precariedade-sxg.jpg

Hoxe, o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) sumouse á mobilización europea contra a precariedade laboral neste negocio. Tal e como se expón dende a Federación Europea de Xornalistas, o oficio padece unha “crise dramática (…) debido á excesiva comercialización, a presión política que están facendo máis precarias e empobrecendo as condicións de traballo en toda Europa”. En Galiza, a protesta fíxose notar nas roldas de prensa, presentacións públicas ou nas comisións parlamentarias celebradas durante a xornada, através das camisolas repartidas entre os traballadores da información polo SXG, cun lema tal claro coma certo: “A miña precariedade é a túa desinformación“. Quede aquí, polo tanto, a adhesión de quen subscribe e a miña máis enérxica protesta contra os soldos de “rir por non chorar”, a carencia de medios, as horas extra non pagadas ou o desleixo pola calidade do que sae ás ondas, se publica nunha web ou queda escrito nun papel prensa. Ou, o que é o mesmo, contra a precariedade laboral no xornalismo.

Nota mental: se isto fose unha sitcom, os datos reflectidos nesta información, publicada en La Voz de Galicia, poderían ser os risos enlatados.

Aquí tampouco se pon o sol

Outubro 12th, 2007 Outubro 12th, 2007
Posted in Medios, Xornalistiña
5 Comments »

vineta-publico.jpg

Visto en Público. Extrapolado [tamén] a Galiza, un retrato perfecto de máis dun xefe, non?

Salto mortal (sen rede)

Setembro 30th, 2007 Setembro 30th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
26 Comments »

O pasado venres celebrouse, co seu tradicional (e rancio) ritual, o acto oficial de apertura do curso universitario, coa lección inaugural, promesas de maior inversión por parte do Presidente da Xunta, etc. Mañá, 1 de outubro, comezan as clases. E, por primeira vez nos últimos dezaoito anos da miña vida, decatareime de que non teño que empezar o curso. E, tamén por primeira vez nos últimos catro anos, terei que caer na conta de que todo o que leva o apelativo “de estudantes” (piso, cea, festa, desconto e, en definitiva, cousas) xa non me toca.

Así, mañá cando vaia facer os papeleos que me permitan, por unha banda, acreditar que xa podo recibir o papeliño definitivo e pasar a formar parte dunha cadea de produción e, por outra, seguir ligado á Institución -aínda non sei moi ben por que, isto último- terei que facer de tripas corazón ao pasar polos dous centros neurálxicos da miña historia recente. Decatareime de que xa non. Decatareime de que, aínda que no día a día os cambios xa comezasen hai tempo, agora é o momento do salto mortal, do mundo real. Sexa o que sexa, rematou e fíxoo para sempre. Que nos quiten o bailado e, como dixo o outro… peor sería non cumprir os anos, non?

76 licenzas, 50 traballadores

Setembro 17th, 2007 Setembro 17th, 2007
Posted in Alén Piornedo, Divagacións, Xornalistiña
1 Comment »

Leo en PR Noticias un resumo da actividade de Kiss FM e o seu propietario, Blas Herrero. Como ben din os manuais da factoría, o titular debe enganchar (e seguro que doce ou setenta características ordeadas en puntos que non lembro) e este consígueo, ademais de afectar e provocar a reflexión, agárrese: 76 licenzas (unha delas en Vigo) e 50 traballadores. En síntese, falamos dunha radio que pasa de largo sobre requisitos básicos na concesión de licenzas, como a creación dun determinado número de postos de traballo, posuír estudos ou fomentar os valores locais… algo bastante difícil se temos en conta que a empresa en cuestión emite integramente dende Madrid, cidade na que se atopa a súa enorme plantilla de traballadores. Malia este tipo de irregularidades, a Kiss FM segue emitindo la mejor música (sic) e o seu propietario continúa obtendo licenzas.

Pero, saben o peor de todo? Que poría a man no lume ao afirmar que boa parte dos empresarios do negocio, tamén en la tierriña, miran a Kiss FM con envexa e coa vontade de seguir os seus pasos… que é o que importa? que pola radio, tv ou xornal saia algo, xa sexan noticias, cancións, videos ou fotos… que apañe subvencións, poida coller ben publicidade… en suma, que dea cartos. E se un xornalista operario pode escribir, locutar, cantar e bailar, para que contratar cinco ou seis?

Consellos na parede

Xullo 14th, 2007 Xullo 14th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
2 Comments »

Cando era pequeno e volvía do colexio á casa, nos extramuros de Intramuros, moitas veces me chamou a atención unha frase pintada na esquina das rúas Lamas de Prado con Dona Urraca. No mesmo sitio onde hoxendía hai unha academia de perruquería e un enorme -e ben feito- mural pintado a esprai con secadores, botes de laca, tesoiras e espellos, antes había unha parede de ladrillo, máis ben basta. Xusto alí, alguén seguro que ben espelido escribiu, tamén a esprai: “Ningún camino fácil te llevará a un lugar que merezca la pena“. A boa da parede veume onte á cabeza cando tiven que decidir por onde falar nos vindeiros meses (ou anos, ou semanas). E non lle fixen puto caso, puido a seguridade. Tampouco hai que fiarse dos quinquis que escriben nas paredes… ou quizais si, porque para algo son sabios, non?

O día que me chamaron alevín ou fluxo comunicativo

Xuño 26th, 2007 Xuño 26th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
5 Comments »

faculcaras.jpg

Como non son consciente, non teño moi claro que dicir. Supoño que un se decata dentro duns días, ou duns meses, cando xa non hai que se lembrar de entregar tal ou cal traballo, ou cando xa non anda rosmando polos corredores porque ten un exame que non serve para gran cousa. Supoño tamén que o feito de non pasar nos últimos meses pola casabranca tamén me amortigua máis a caída ou o salto mortal. Sexa polo que for, o certo é que vou botar en falta esa casa e aos seus habitantes máis dunha vez, seguro que si. Pero que nos quiten o bailado

Todo pasa… o bo tamén

Xuño 9th, 2007 Xuño 9th, 2007
Posted in Divagacións, Xornalistiña
56 Comments »

Hai cousa dun ano contáballes as miñas andainas de quen se ía enfrontar co que sempre quixera, cara a cara, por primeira vez. Como nas boas relacións, o tempo, malia ser moito máis do inicialmente previsto, pasou voando. E tanto. Ata tal punto que hoxe, coma quen non quere a cousa, rematou, polo menos de momento. Atrás quedan once meses de moito traballar, moito aprender… e de coñecer unha xente como hai pouca -e créanme que xa teño unha certa idea do que se coce por aí- que case me fai soltar a bágoa. En fin, disque cambiarei de altofalante, o novo é bastante máis pequeniño. Sempre queda a esperanza… o aliñamento planetario… a boa vontade… ou o raciocinio, vaia usté saber.