Votar non ten cancelas

Hoxe díxoo Pepiño de Palas (PdP) e, of course, saíu aos catro ventos. E non me parece mal. Por primeira vez -creo- estou dacordo con este señor nunha alta porcentaxe. Pero vaia por diante que non descubríu a auga quente… e é que nin moito menos é ao primeiro que, postos a cadrar as contas, chega á conclusión de que un máis un veñen sendo dous; a saber: hai uns señores que marcharon fundamentalmente para Sudamérica hai moitos anos e, a día de hoxe -os que quedan vivos-, reciben asistencia sanitaria e social da Xunta. Estes señores, que dende hai trinta ou corenta anos non veñen por Galiza máis que saudar, poden votar, decidir e, ás veces, desequilibrar a elección do futuro Alcalde, Presidente, Concelleiros, Deputados e demais familia. Os seus fillos, nacidos alá, tamén poden votar. Agora, que os netos tamén van poder ser españoles-de-toda-la-vida e polo tanto galegos disque tamén -estálle así montado, señora- van poder votar. E veña máis viño, e máis polbo, e máis empanada.

Por seguir remitíndome a referentes aos que non adoito (mesmo concordando con eles bastante máis que con PdP), conclúo cun exemplo moi gráfico que puxo estoutro señor: imaxinan vostedes que en Irlanda existise un sistema electoral coma o de aquí? Os irlandeses excusaban ir votar, porque decidirían os corenta millóns de ianquis que descenden de irlandeses. Pois iso. Que cada un vota na súa casa. Home xa.

Nota mental: para os que non quedasen convencidos, consulten o argumentario para seguiren defendendo a súa posición.

Segunda nota mental: Presidente, arre, xo, ou nada?

Comments are closed.