O currículum do cuñado

Hai días que botou a andar a comisión de investigación da Cidade da Cultura e xa comezaron a pasar por alí algúns dos pintorescos personaxes que Don Manuel e Don Jesús elixiron para xestionar tan magno proxecto. Entre eles, como xa saberá o avispado lector, están familiares diversos de destacados membros do Partido Popular, naquela altura conselleiros ou mesmo vicepresidentes de Gobernos centrais. A saber:

  • Alfredo Díaz Grande: director do concurso de ideas e marido de Pilar Rojo, entón Conselleira de Familia, Muller, Voluntariado… e vaia vostede a saber que máis (a que estaba no sitio de Manolita, vaia).

  • Ángel Currás: xerente da Fundación Cidade da Cultura e irmán de Celso Currás, naqueles días Conselleiro de Educación. Actualmente, concelleiro do PP en Santiago.

  • Manuel Fernández Balboa: director económico-financeiro da Fundación e cuñado de Mariano Rajoy (o señor de barba do que xa lles teño falado máis veces).

Como vostede xa saberá, os dous últimos pasaron onte pola devandita comisión, feito que provocou que a atención dos medios se centrase no currículum vitae do cuñadísimo, señor Fernández Balboa. E é que o que fora director económico-financeiro da Fundación Cidade da Cultura -cuxa xestión algo terá que ver con que o orzamento das obras se triplicase- chegou ao posto logo dunha traxectoria profesional que mete medo: unha FEUGA en Caixa Pontevedra de menos dun ano e a xestión de contratos de Urbaser en Pontevedra (tamén sabe falar gallego e andar no Windows 95). Isto lévame a unha conclusión: que pinto eu facendo o que fago se podería estar rexendo os destinos do País? Porque eu tamén tiven unha FEUGA, xa traballei en máis dunha empresa e, ollo, manéxome sen problemas por Windows 95, Windows 98 e Windows XP. E sei andar no Photoshop tamén…

(Captura do currículum vía Escolar.net, preman nas miniaturas para ampliar e gozar del)

Actualización: aquela Consellaría de Cultura si que era dilixente. Resulta que o contrato do cuñadísimo se empezou a tramitar mesmo antes de que el se interesase polo posto e enviase o currículum. Podedes consultar o documento que acredita a tramitación do contrato na web da SER.

2 Responses to 'O currículum do cuñado'

  1. zerovacas Says:

    Guau. “Worperfect”, “excel a fondo”, “nivel intermedio de inglés”… E que ben queda nun curriculo iso de “becario de la Fundación Empresa Universidad Gallega”, moito mellor que ser explotado un ano cunha FEUGA

  2. oko Says:

    ten unha encarga no meu blogue (un meme) 😀