A miña precariedade é a túa desinformación

precariedade-sxg.jpg

Hoxe, o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) sumouse á mobilización europea contra a precariedade laboral neste negocio. Tal e como se expón dende a Federación Europea de Xornalistas, o oficio padece unha “crise dramática (…) debido á excesiva comercialización, a presión política que están facendo máis precarias e empobrecendo as condicións de traballo en toda Europa”. En Galiza, a protesta fíxose notar nas roldas de prensa, presentacións públicas ou nas comisións parlamentarias celebradas durante a xornada, através das camisolas repartidas entre os traballadores da información polo SXG, cun lema tal claro coma certo: “A miña precariedade é a túa desinformación“. Quede aquí, polo tanto, a adhesión de quen subscribe e a miña máis enérxica protesta contra os soldos de “rir por non chorar”, a carencia de medios, as horas extra non pagadas ou o desleixo pola calidade do que sae ás ondas, se publica nunha web ou queda escrito nun papel prensa. Ou, o que é o mesmo, contra a precariedade laboral no xornalismo.

Nota mental: se isto fose unha sitcom, os datos reflectidos nesta información, publicada en La Voz de Galicia, poderían ser os risos enlatados.

3 Responses to 'A miña precariedade é a túa desinformación'

  1. elianinha Says:

    Eu négome a seguir sendo cómplice desa precariedade. Mentras nunha redacción siga sendo máis da metade do plantel bolseiro, en calquera das diferentes modalidades, fuxirei en canto me sexa posible. Se son bolseira, perfecto, pero non me obrigues a traballar tanto ou máis ca un redactor con contrato (precario tamén), a cambio dunha bolsa.

    A min non me compensa, polo menos. Pero alégrome de ver que se comeza a falar un pouco do tema. Cando lin o da Voz onte á mañá, aínda me escarallei un bo rato coas cifras que manexan. Quen é mileurista no xornalismo é un afortunado!

    Pero desta situación, son tres os responsables: a) o goberno, por non fixar unhas condicións mínimas para garantir un dereito fundamental, b) as empresas, por deixarse levar polas sinerxias da precariedade laboral e esquecer que non é o mesmo ter un xornal ca un supermercado, e c) os e as xornalistas, que fomos cómplices desta situación, dedicándonos a denunciar a precariedade en centos de empresas, cando se meteramos o dedo na nosa sairiamos ben manchados.

  2. O'Xirarei Says:

    Completamente dacordo, pasamos o día informando sobre reinvindicacións laborais dos forestais, os que recollen o lixo, os transportistas ou os funcionarios. Eu, máis dunha vez, teño pensado: “se este que está protestando cobra tres veces o que cobro eu…”. Falta concienciación colectiva porque neste negocio, máis que noutros, se un da redacción non pon as pilas, xa é suficiente para que absolutamente nada se mova. Mileurismo… un mal chiste.

  3. oko Says:

    suscribo totalmente as vosas palabras. parece que estamos nun punto da espiral no que xa é imposible voltar atrás, e parece que todo vai a peor. pero só se nós o queremos. parece mentira que nun mundillo no que os seus membros se coñecen tan ben entre si, non sexa posible organizar algo que funcione para loitar contra a precariedade…
    🙁