A rumba do hospital

Dende a parte máis alta do CHUS pódese ver Santiago case enteiro, dicíao onte e hoxe achego proba documental. Dende as infames torres de Salgueiriños ata as da catedral, pasando polos aceiros en plena soldaduda da Cidade da Cultura. Entre esta fiestra, a salita-de-estar e mais o outro lado do meu corredor van pasando as horas… a rumba do hospital, corredor para aquí, corredor para alá. O certo é que o meu camiño cara a converterme nun toxic man non está a ser, polo momento, demasiado dificultoso. O conglomerado de pastillas (omeprazoles, lorazepanes e outras que non lembro) para que o meu estómago aguante o tirón fai, de momento, o efecto desexado (non saben estes con quen tratan, tamén é verdade… que diría o castizo, “en peores plazas hemos toreao”, no que a asuntos gástricos se refire) e deambulo con soltura co meu amiguiño ao carón.

Como andas de ánimo? Pregúntanme. Pois deixando á marxe o feito de ter que estar aínda tres días máis (sen ter en conta as visitas posteriores, etc. etc.) aquí metido, polo demais, non me podo queixar. Os efectos secundarios eses apenas tiveron valor para manifestarse, e agardo que siga sendo así… ademais, este retiro tóxico-espiritual está servindo para chantarlle o dente a algúns libros que tiña por aí esquecidos, xunto á correspondente prensa diaria. Non lles negarei que teño gañas de que chegen os derradeiros días de abril nin que este sitio non é o máis recomendábel para pasardes unhas vacacións… pero mentres e non… a cousa marcha e aquí estamos, corredor para aquí, corredor para alá, a xente é simpática… e se é acompañado, coma sempre, moitísimo mellor. Mañá máis.

2 Responses to 'A rumba do hospital'

  1. laracangas Says:

    tio, olvideime da imitación de martes y 13 de María José Cantudo… que fallo! Cóidat 😉

  2. xorna Says:

    espero que sexa leve a estancia por ai! ata que día vas a estar? supoño que xa che contarían que non puiden ir por certas circunstancias e mañá non vou poder ir tampouco porque agora tocoulle a fer… entón, a ver se podo ir o venres. bicos e animo!