No día do Patrón

Hoxe, Día da Liberdade de Expresión, santo patrón dos xornalistas, non podo evitar lembrar as subvencións aos medios, a precariedade laboral materializada en soldos de miseria ou en contratos eventuais, as roldas de prensa sen preguntas, o control partidario dos medios públicos, a autocensura, a censura política, a censura económico-empresarial… e todas estas cousas coas que convivimos cada día os que nos dedicamos a este negocio. Non é necesario mirar a milleiros de quilómetros para reivindicar un xornalismo máis libre. Subscribo, de paso, o manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas, que di cousas tan atinadas coma estas:

A liberdade de expresión para un xornalista só pode ser entendida como unha sucesión de deberes: o deber de saber o que pasa, o deber de contalo e o deber de chamarlles ás cousas polo seu nome. Esta é a era das comunicacións porque a comunicación converteuse no principal elemento de control social no chamado mundo desenvolvido; é o gran somnífero das conciencias. Por tódolos medios posibles, transmítesenos información, desinformación, propaganda e publicidade; todo para conseguir o imposible de facer consumidores felices a exércitos de mileuristas hipotecados.

Expresémonos libre e honestamente, conscientes do diminuta que é a nosa forza, pero conscientes tamén de que, cando quedamos calados ou adormecidos, o que empurra en sentido conrario non descansa e, sen que nos decatemos, estanos facendo recuar no camiño da liberdade que dicimos defender.

Feliz día do Santo Patrón.

2 Responses to 'No día do Patrón'

  1. bonnot Says:

    O do patrón dos xornalistas da canguelo… a min faime pensar noutro, en El Patrón, Pablito Escobar, quen garda unha grande semellanza co principal responsable do reparto de cartos públicos ós medios galegos…

    O manifesto do Colexio non está mal… nótanse xa novos aires? Estase a punkinizar tan axiña o CPXG?

    (E ademais, o José Couso para Vidal Beneyto! Grandioso, aínda que había que facer algo para que llo deran a Felipe Suárez antes de que Mayte Cabezas leve o Mestre Mateo)

  2. O'Xirarei Says:

    Quedo con esa última reflexión, prometo estudala con sumo coidado ;)… se falamos de El Patrón… mimá, que medo!!!