Mouchos, curuxas, sapos e bruxas

Pode haber moitas alternativas para tentar que os máis novos, no canto de marchar de botellón ou ir de bares as noites da fin de semana, teñan espazos de lecer alternativo (non serei eu quen faga aquí un alegato contra os bares, pero iso é outro conto). O Concello de Lugo promove, dende hai anos, un destes programas de actividades, denominado Elixe a túa noite, e no que se inclúen opcións diversas, dende baile ata informática, pasando por deportes ou cinema. Hai un tempo, dentro de Elixe a túa noite impartiuse un obradoiro para aprender a ligar… que os mozos a e as mozas adquiran habilidades sociais, etcétera. Ata aquí, todo en orde.

Se cadra, a Concellaría competente na materia recibiu queixas dos participantes no mencionado obradoiro de ligue… cabe a posibilidade de que non lles dese resultados e sigan ghanosos, que dirían pola banda do Morrazo. Así as cousas, e nunha arroutada de atención ao cidadán, dende o consistorio das Murallas decidiuse atallar o problema de raíz do xeito que se explica a continuación: contrátase á célebre vidente de TeleLugo, Carmen de Foz (autora de grandes momentos televisivos coma “-Tu marido padece del corazón -Mi marido está muerto“) para que imparta, nada máis e nada menos, que un cursiño baixo o título Interpretación de soños e filtros de amor. Que non te queren? Pois nada, unha pata de sapo por aquí, un ollo de lesma por alá, mexo de morcego por acolá… e toliño ou toliña polos teus osos. E todo isto, por xentileza das arcas dunha Administración pública. Cousas veredes.

3 Responses to 'Mouchos, curuxas, sapos e bruxas'

  1. emereci Says:

    Hahahaha. Lugo is different! Para que logo digan que en Valado City non hai vida cultural… Que maior espectáculo queren?

  2. xorna Says:

    orozco grande! eu dende que o vin ‘rajar’ do consorcio para logo dicir que espera que a xunta lle dea cartos para rematar as escolas infantís de lugo espero calquera cousa de orozco..

  3. manel vazquez Says:

    incrible improvisación por parte dos que han de cumplir coa función de planificar.