Uns polos outros…

Debateuse todo o debatíbel e máis alá sobre o tema. Creouse un relatorio parlamentario que fracasou primeiro e se encarrilou despois. Agora, semella ser cuestión de tempo. O caso é que todo parece indicar que, case catro anos despois, chegarán as eleccións autonómicas e o voto emigrante seguirá coma sempre estivo: contaminado, fraudulento, manipulado, mercado. E é que, aínda que se axusten os prazos ao máximo, non dará tempo a que o Congreso tramite a Proposición de Lei que, se cadra, podería saír do Parlamento de Galiza en apenas un mes co consenso dos tres grupos. Pero tanto ten.

Volverán votar os mortos, os vivos poderán votar dúas veces ou a súa vontade política cambiarase por unha paparota, por unha limosna… ou, simplemente, cambiarase. Quizais, despois da xornada electoral, hai quen se lamenta ou se felicita pola non-reforma… aínda que a mellor reforma, neste caso, para quen asina sería aquela que conducise ao conxunto baleiro, ao non voto, a rematar co sen sentido de que o venezolano, o marroquí ou o francés que vive en Galiza non poida decidir quen o vai gobernar, pero si o poida facer alguén que nunca pisou este país e que, probabelmente, só se lembra del cando o líder de turno vai prometer isto ou o outro.

E, como conclusión, unha nota ao pé:

Reforma da Lei Electoral que garantirá a paridade de xénero nas listas electorais, a mellor adecuación entre electores e deputados, así como as garantías de emisión de voto polos electores emigrantes.

Lembran? Forma parte dunha peza literaria, por fantasiosa, que, polo que parece, poucos lembran xa.

2 Responses to 'Uns polos outros…'

  1. Mariquiña Says:

    100% dacordo. Voto polo non voto emigrante.

    Un saúdo dende terras galas.

  2. feiranta Says:

    Debe de ser algo parecido aos casos de amnesia sobre o plano acuícola, os chiringuitos da Xunta, a transparencia institucional ou outras parvadas recorrentes coas que enarbolaron a palabra CAMBIO unha e outra vez. Veña, que o señor de la Pampa decida por min quen vai ser o presidente! Como eu son leliña…