Aínda por riba, “cachondeo”

A publicidade ten unha intención básica de seu: vender as bondades dun produto dado ou  vender pesos a catro pesetas e cobralos a seis. Mesmo raiar a media verdade. Pero cando minte descaradamente e aínda se escacha das miserias alleas nos fuciños do afectado merece, como mínimo, un comentario. A cuestión é que veño de atopar nas páxinas de El Progreso o anuncio que podedes ver arriba (e aquí máis grande), no que, cun mapa de Galiza cruzado por dous trens como motivo fundamental, se asegura que coa Renfe “vas o vienes siempre que quieras“.

Se xa ten coña que a operadora dos ferrocarrís diga isto neste santo país, o asunto adquire tintes esperpénticos se o fai en Lugo e arredores… faltoulles aclarar “sempre que queira ir, sempre e cando non sexa máis de dúas veces ao día” ou “sempre que queira tardar dúas horas e media en percorrer un camiño que no coche non leva máis de cuarenta e cinco minutos”, ou mesmo “vas ou vés sempre que queiras en trens que nos anos 70 xa eran vellos“. Pero non se aflixa, benquerido lector: nunha data máis ou menos próxima, disque os nosos males van curar definitivamente: chegará a velocidade alta, que non alta velocidade, e os trens tradicionais ficarán no esquecemento. Seguirá sen existir vía entre, por exemplo, a capital e Lugo… agora ben, sempre nos quedará a esperanza de dicir que compensa máis ir ao Corte Inglés da Calle Preciados que ao da Coruña, minuto arriba, minuto abaixo.

Nota ao pé: tendo en conta o simboliño de abaixo á esquerda… quen subvenciona este tinglado?

4 Responses to 'Aínda por riba, “cachondeo”'

  1. xabre Says:

    O de RENFE é unha detras doutra. Hai moito tempo que xa entraron no xénero do humor surrealista.

  2. oko Says:

    mira que es mau!!! a min encántame viaxar durante doce horas un percorrido que en coche faría en máis ou menos a metade… fano pra que desfrute da paisaxe, están en todo!!!

  3. feiranta Says:

    y no te me pongas farruco eh?

  4. ghanito Says:

    É vostede un demagogo. Eses trens, nos anos 70 eran novos do trinque.

    Outra cousa é que aquí circulen á mesma velocidade que levaban nos anos corenta 😆