CaNON

Escoitamos falar del durante meses, pero en apenas dez días será xa unha realidade. As tarifas do tan traído e levado canon dixital xa foron publicadas no BOE e, en consecuencia, dende o 1 de xullo, mercar un mp3 custará 3’15 euros máis, teremos que pagar ata 15 euros a maiores ao adquirirmos unha impresora multifunción, ou desembolsaremos 12 euros sobre o prezo cando queiramos un disco duro externo.

Chega así aos nosos petos a guerra preventiva contra ese mal do século XXI e do que, non se equivoquen, non son culpábeis o Goberno nin as entidades recadadoras dos dereitos de autor, senón escuros personaxes que, envoltos en torres infindas de tostadoras de cd’s, fan botar fume os seus routers para matar a cultura. Neste escenario, resulta comprensíbel que vostede e mais eu teñamos que financiar cos nosos impostos a actividade privada de certos elementos, e que esa gravame pese sobre as copias, de por exemplo, as fotos das vacacións, os traballos da carreira, os arquivos de audio dunha reportaxe elaborada por min mesmo ou sobre o deseño que encabeza estas liñas, se me dá por gardalo nun pendrive. Disque Todoscontraelcanon vai promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra este trabuco -encántame o termo-. Haberá que ver a actitude de todos e cada un, se a cousa prospera. Especialmente dos que se sumaron ao movemento contra o canon dun xeito, como mínimo… sospeitosamente oportunista. Eu, de momento… voume cabrear un pouco e pegar isto na barra lateral do blog. Como din os vellos… se foran cavar…

One Response to 'CaNON'

  1. oko Says:

    tiña pensado mercar un mp3, vouno facer antes do día 1!!!!
    canon non!!!
    (creo que che vou roubar a imxe, por certo)