A utilidade deste oficio

Hai dous días, unha intervención parlamentaria do nacionalista Carlos Aymerich deu pé a que tres medios, as radios e un dixital, sacasen á luz a existencia dunha páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica na que,  baixo o nome Invest in Galicia, se instaba aos inversores estranxeiros a achegárense ao noso País e montar unha empresiña. Os argumentos? Tales coma que “la Comunidad Autónoma estrá entre las regiones con un menor coste laboral, aproximadamente el 86% de la media nacional”, que o noso entorno laboral presenta unha “escasa conflitividade” ou mesmo que a man de obra galega ten unha “excelente predisposición ao traballo“. O argumentario reforzábase con táboas e gráficos que deixaban claro que, por exemplo, unha hora de traballo galego podía chegar a custar seis euros menos cá dun vasco Síntese: ben preparados, baratos e parvos. Por se non fose suficientemente grave que o a Xunta nos vendese no mundo coma unha reserva de man de obra barata, isto adquiría especial gravidade se temos en conta que o PSdeG puña, hai catro anos (e con razón) a baixar dun burro ao entón responsábel da Consellaría de Economía, José Antonio Orza, por facer… o que? exactamente o mesmo, através de anuncios na prensa e televisión suecas.

Pois ben, hoxe, apenas cuarenta e oito horas despois, o Presidente da Xunta confirmaba que dera a orde de eliminar semellante insulto (a páxina principal xa non funciona, o resto, de momento si). Non concordaba, disque, coa liña política do Goberno e non era “obviamente”, en absoluto “brillante”. Uns prenderon a mecha, outros seguiron o rastro da pólvora e outros empregaron toda a súa (gran) capacidade de ser altofalante para demostrar que, unha vez máis, este oficio é, e debe ser, instrumento crítico e útil para a sociedade. Malia todo. Parabéns.

2 Responses to 'A utilidade deste oficio'

  1. feiranta Says:

    que grande, meu! Vivan as mechas e a pólvora, e os chinos que as inventaron! Así a todo, ferveu o misto e fixo deixar cheiro de pelexa entre carabineiros. Parabéns, tamén, por todo

    😉

    celebralémolo en San Pedro, ou?

  2. oko Says:

    só podo dicir que fiquei impresionada cando o oín-lin
    (e moitas gracias por manterme informada a ambos, xirarei e feiranta. é case coma estar na casa!!!)