Moncho, pon outras

Unha mensaxe no móbil serviu para me enterar de que o licor café ao que me convidou Moncho hai tres semanas era o derradeiro. Unha entrevista, no ano 2006, serviume para coñecelos a el e mais a Isa, a súa muller, e tamén ao monte de historias que atesouraban, acumuladas durante tanto tempo no histórico Porrón da rúa das Casas Reais e, nos últimos tempos, no reaberto Rincón, na Algalia de Arriba. Os soldados do cuartel do Hórreo, Fuxan os Ventos, Amancio Prada, e milleiros de estudantes, profesores e parroquianos pasaron polas dúas tabernas e mesmo asinaron ou reflexionaron nas súas paredes pintadas ata o infinito. Agora podo dicir que eu tiven a honra de inaugurar o mosaico das paredes do Novo Porrón, previo permiso de Isa que, como ben me dixo Moncho, era a que mandaba alí.

Despois viñeron moitas noites de cancións, de festa, de viño, de ledicia… dunhas castañas no outono e unhas filloas no Entroido… e de dicirnos que baixasemos o volume cando a crema de augardente bautizada con whisky ou a sangría elaborada con licores de froitas facían das súas. Aínda que nunca de xeito moi rigoroso porque, xa o dicía Moncho: “se eu fose o alcalde, multaba a taberna na que non se cantase“. Foise un taberneiro histórico de Compostela pero, sobre todo, marchou un bo home. Que descanses en paz.

One Response to 'Moncho, pon outras'

  1. oko Says:

    vaites. lino no blog de unaina mais non me decatei do que significaba. mágoa non poder despedirse
    compostela fica orfa (alomenos nós)