Dublín e familia

Vista de Dubl�n dende a fábrica de Guinness

De novo na casa e a poucas horas da reinserción na realidade cotiá, un non pode evitar botar a vista ás últimas tres semanas. Dublín é unha cidade acolledora, amábel coma boa parte dos seus habitantes, húmida coma Compostela nun outono dos de verdade. Sabe a cervexa Guinness e arrecende a fast food de todas as partes do mundo, sobretodo en certas rúas nas que, perigosamente, os pubs de toda a vida están sendo substituídos por, por exemplo, establecementos de kebabs de destrución masiva. Pero se falamos de pubs, falamos, inexcusabelmente, de música, esa que por aqui lle chaman “celta”, de pintas, conversas interminábeis e noites que comezan a media tarde. Son estes os verdadeiros centros neurálxicos da capital dun país indisimuladamente rico, con parellas de mozos loiros que teñen nenos de anuncio, adolescentes perigosamente aburridos e unha inmigración que, polo menos en apariencia, semella máis integrada que nas grandes capitais.

Pero non falamos só de turismo nestas liñas. E é que foron estas as primeiras vacacións en tres anos de quen asina, e tamén os primeiros días de case-desconexión en moito, moito tempo. Logo duns meses cuxa referenza vostedes xa puideron ler por aquí, a capital irlandesa actuou como un bálsamo que, ao tempo que desenfurruxía o meu inglés, me permitiu coñecer a persoas que, non direi (polo menos aínda) que pasan ao capítulo das amizades profundas, pero si ao das conversas sinceras e ao do riso con gañas, que é máis do que se pode dicir de moita xente a día de hoxe. Foron tamén días de coñecer: lugares, culturas, palabras… usos e costumes en xeral, romper estereotipos e abrir a mente, entre as aulas do Alpha College, os locais de Temple Bar e as festas brasileiras, entre outros.

Mais, con todo, sen dúbida, o máis importante destas tres semanas debe ser o substrato, o que queda agora, unha vez baixado do avión e no inicio da aterraxe na realidade. Hoxe, de camiño entre Lavacolla e a casa, dixéronme que se me vía contento. Posibelmente sexa certo. As pilas veñen máis cargadas do que marcharon e, sen dúbida, serán de gran axuda para (o) mañá. Estamos de volta… e haberá que facerlle caso a aquel que dicía aquilo de érguete e anda,/como en Irlanda, como en Irlanda.

Nota musical:
Toda viaxe ten unha banda sonora, que non ten por que, en principio, estar completamente vencellada ao lugar en cuestión. A min sempre me lembraran a Dublín, ás súas noites e todo o que alí vivín, músicas como estas (non pregunten por que):

  • A banda sonora do filme Once (que recomendo), rodado en Dublín. Aquí hai unha boa mostra.
  • Madonna – Give it 2 me (aquí)
  • Alphabeat – Boyfriend (aquí)
  • The Ting Tings – That’s no my name (aquí)
  • Calquera do espectáculo Riverdance (aquí)

2 Responses to 'Dublín e familia'

  1. feiranta Says:

    en tres palabras
    WEL – CO – ME

  2. O'Xirarei Says:

    Desculpe, digo excuse me… iso en inghlés é unha palabra soa, que agora controlo un a lot que flipas 😛