O debate do estado da cuestión

Debate

Por primeira vez en tres anos vivín un acontecemento político neste santo país dende a distancia do ouvinte, o lector ou o espectador. O Debate, de estado da autonomía, de política xeral, de estado da nación… chegou á miña casa como á de todo o mundo, pola radio, pola tele, por Internet e, ao día seguinte, polo xornal. A primeira xornada, mentres o presidente desgranaba durante dúas horas infraestruturas, dous mil doces e subvencións ás empresas que contraten indefinidamente a persoas que leven máis doce meses no paro, eu aproveitei para facer a cama, pór un pouco de orde no meu cuarto e ir ao súper. Pola tarde, merquei unha camisa con Anxo Quintana lembrándolles ás bancadas populares que xa abonda de dicir que o castelán está en perigo de morte, e elixín unha chaqueta negra en Zara mentras Alberto Núñez Feijoo subía á tribuna cunha caste de discurso de investidura adiantado.

Soubemos con este debate que os socios do bipartito veñen de escenificar a unidade do Goberno. Por primeira vez no que vai de lexislatura -deixando de lado aqueles días do verán de 2005-, dende as bancadas nacionalistas se aplaudiu en masa o discurso de Emilio Pérez Touriño e, dende as do PSdeG, fíxose o propio coa intervención de Anxo Quintana. Non podo evitar preguntarme que nos trouxo de bo, ou de novo, o acontecemento, aparte de todo o ritual que supón, dunha lembranza máis de que as eleccións están aí, á volta, e do momento histórico da semana, co Partido Popular aprobando (sí-pero-no) unha proposta de resolución que condea a ditadura de Franco. Non os botan de menos, parlamentariamente falando, aínda que só sexa un chisquiño?

Nota ao pé: todo o que na entrada anterior diciamos con toda caste de cautelas, agora podemos dicir que xa é seguro. E aviso: estase a cocer algo moi grande… xa me verán a cara de ilusión.

One Response to 'O debate do estado da cuestión'

  1. Odemo Says:

    Amigüitos som…