Manteros

Manteiros

As dúas primeiras semanas de outubro son as festas de Lugo. Do 4 ao 12, as rúas do centro da cidade alteran o seu ritmo de vida normal e énchense de barracas, churrarías, tómbolas e, dende hai uns anos, tamén de homes e mulleres de pel morena que tentan quitar uns poucos cartos vendendo cedés piratas, bolsos de Armoni ou Chinnel e suadoiros de Adudas ou Abibas. Son rapaces moi novos, que roldan os vinte anos e non dubidan en viaxar moitos quilómetros, fuxindo da fame, para chegar a este punto do mapa e rabuñar uns euros que, con sorte, lles darán para pagar os bocadillos que coman mentres estean na cidade e mais o billete de autobús para marchar a outra feira.

Todo isto acontece nunhas festas que hai xa tempo que abandonaron o seu carácter de romaría para pasaren a ser a grande e masiva celebración do outono galego, algo que, seguramente con bo criterio, levou a que as autoridades observasen a necesidade dun dispositivo policial acorde coa masa de propios e foráneos que poboan as rúas luguesas durante estes días. Así, as patrullas da mermada policía local refórzanse estes días con eses funcionarios policiais que levan un leonciño no ombro e que teñen a principal función de disuadir o criminal e transmitir sensación de seguridade.

Nestas condicións, quen manda nos policías do leonciño deciden que, para reforzar esa sensación de seguridade, pode ser unha grande idea repetir o espectáculo que xa se estreara hai uns anos na Rúa Real da Coruña, e desenvolver unha redada contra a pirataría. Non contra os que traen aos rapaces dos que antes falabamos e lles chuchan ata o sangue. Non contra os que importan as falsificacións, Tampouco contra quen as almacenan. Só porra contra manta de cedés, paseantes lucenses de-toda-la-vida que, por primeira vez, se decatan que o lado da sensatez, polo menos neste caso, non é o do uniforme, e non dubidan en protexer ao mantero da desmesura policial. De postre, temos un xornalista retido nun furgón das Fuerzas y Cuerpos. O entremés celebrouse a poucos metros do lugar en que, ao comezo das festas, dúas churrarías arderon ao carón de dous centros educativos. Sensación de seguridade.

Foto: Xesús Ponte, en El Progreso do 9 de outubro.

Comments are closed.