Feijóo 2.0 de momento, cólgase

Feijóo.tv

A estas alturas xa non é un segredo que o Partido Popular terá como pilar fundamental da súa campaña electoral en Galiza a imaxe de Alberto Núñez Feijóo, o seu candidato á presidencia da Xunta. Como ben apunta hoxe Jose Precedo en El País, as siglas do PP van perdendo tamaño a medida que o gañan Feijóo e o seu ben deseñado logotipo, Feijó009 -unha cousa é o deseño, outra cousa é o asunto James Bond-. Así as cousas, quen asina non comprende como os estrategas electorais dos conservadores galegos e mais a axencia de publicidade encargada de tentar levar a don Alberto a San Caetano non caeron na conta de que a primeira gran acción de propaganda, paralela ao acto de proclamación de hai sete días en Santiago, pode ser un fracaso ou, o que é peor, pode ser un motivo de mofa, escarnio e maldizer precisamente naquel novo electorado no que queren callar. Fálolle, señora, cabaleiro, do videoblog Feijoo.tv.

Que o aspirante popular tivese un vlog era cuestión de tempo. Xa o presentara Anxo Quintana, é previsible que o PSdeG faga algo semellante e é a moda, o que toca, vaia. Outra cousa é materialización. Ademais de fallar no asunto do marketing viral e de estendelo polas redes sociais en Internet, algo que os autores do sitio de Quintana si souberon e saben facer, o principal problema é, na miña humilde opinión, a propia páxina. Trátase dunha web manifestamente mellorable no que á súa apariencia se refire, cunhas animacións que semellan sacadas dun capítulo de SouthPark e que serían moi modernas hai dez anos e unha estética que podería ter deseñado Emilio Pérez Touriño de cara a facer zozobrar o barco do PP en Internet. Se falamos dos videos, o resultado non é moito mellor. Primeiro, observamos a un Feijóo de cartón-pedra preocupado pola crise  nunha cociña que máis semella un plató, con dous post-its e mais unha factura de atrezzo -non hai ligazón, tampouco o teñen previsto-. Despois, continuamos co presidente do PPdeG asegurando que vai “encher” o solar sen edificar que ten ás costas -eu, dos responsábeis da campaña, non utilizaría como metáfora o urbanismo, no caso do PP-, cunha escenografía propia dun celebrities de Muchachada Nui. Poderiamos concluir, polo tanto que, polo menos en Internet, o equipo de Alberto Núñez Feijóo leva, de momento, un “necesita mellorar”, por non dicir suspenso e que a súa adaptación á web 2.0 e que se lle ve tan incómodo na web 2.0 como na cociña dende a que nos transmite as súas preocupacións pola suba do custo da vida.

Imaxe: Feijoo.tv

One Response to 'Feijóo 2.0 de momento, cólgase'

  1. meninheira Says:

    🙂 cheguei polo xabarín, que curioso coincidir non sabía que había máis xente a pedir a volta.

    Un saúdo 🙂