Aínda vos hai xente

O Cesto

Todos os días atopamos xente. Tomando o café, cruzando a rúa, mercando o xornal ou na mesa do lado mentres pedimos unha caña ao finaldo día. Parte desa xente repítese. Detrás da barra, na caixa do súper, ou no control de seguridade da Xunta. Hoxe quero falar da xente. E en primeira persoa.

Hoxe fun xantar ao sitio onde xantaba case todos os días durante os anos de carreira e ao que, desde aquel tempo, me gusta volver de cando en vez. Xeralmente vou só e a mala hora, preto das catro, cando están a piques de pechar a cociña. Poden pasar meses entre unha visita e a seguinte pero é un sitio que me fai sentir na casa e tamén me fai lembrar os tempos da facultade. Gústame sentar, ler o xornal e elixir entre caldo-sopa-ensalada-o-ensaladilla e o que haxa de segundo, sempre o mesmo segundo o día da semana.

Este mediodía cheguei, preguntei se había alguén esperando, elixín o menú do día e collín a prensa para acompañar. Na tele, Tele5, coma sempre. Ao pagar, a rapaza que sempre semella sorprendida cando lle dis “gracias” ao traerche as consumicións pregúntame “que tal estás?“. A miña cara de “ein?” durou dous segundos, o xusto para que me explicase que hai uns meses xa se dera conta de que me pasaba algo e que, como había tempo que non me vía, maís dunha vez se lembrara de min e tiña gañas de preguntarme como me ía, e de saber se estaba ben. Pensárao varias veces, pero non se atrevera as poucas que me vira, por se me molestaba. Non dubidei en explicarlle que, afortunadamente, xa estou ben, e o sorriso quedoume un tanto descolocado cando me aclarou que é especialmente sensible no tema, porque apenas tiña oito anos cando a súa nai morreu “desa enfermidade”. E que moitísimas gracias por interesarse. Saín cunha sensación estraña, pero moi agradable. Aínda hai xente no mundo, rapaces.

E ao saír, puxen “Hoy puede ser un gran día“, en versión de Serrat e Sabina, a todo volume na radio do coche. Por se a alguén lle quedaba algunha dúbida. Sorrían, por favor.

3 Responses to 'Aínda vos hai xente'

  1. ghanito Says:

    encantoume a historia 🙂

  2. odemo Says:

    Ains, pois eu até emocionei um pouco :_
    Será porque sou mui sensível para estas cousas, mas a amabilidade dum desconhecido para mim é um regalo.

  3. xabre Says:

    Mentres haxa xente con ese optimismo que desprendes, hai esperanza.